Xente con vida

now browsing by tag

 
 

Pequenos pasos diarios para evitar a obesidade infantil

Xa noutras ocasións témosvos falado da páxina web do Sergas, Xente con Vida, na que atoparedes informacións moi interesantes sobre a saúde e a alimentación dos vosos fillos. Hoxe facémolo de novo para ensinarvos este gráfico no que se explica de maneira moi clara os pasos básicos para evitar a obesidade infantil.

Trátase dun problema que segundo apuntan nun artigo de El Mundo ten un gran crecemento en España nos últimos tempos:  “Segundo a Organización para la Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), España tense convertido no país con maior prevalencia de obesidade infantil en toda Europa, cun crecemento máis rápido que o de Estados Unidos nos últimos vinte anos, pasando do 30% ao 65% de tasa”.

Para evitalo, resulta básico coidar a alimentación e manter unha vida activa. Por exemplo, animando aos pequenos a camiñar no canto de ir en coche, subir polas escaleiras e non polo ascensor, practicar algún deporte… Será bo para eles, pero tamén para nós, os adultos!

XCV frea a obesidade infantil_gl

A pirámide da actividade física para nenos e nenas

Entre os 5 e os 17 anos o noso corpo necesita acumular un mínimo de 60 minutos diarios de actividade física. Así o explican nun artigo de Xente con Vida, a páxina web da Xunta da que xa vos temos falado noutras ocasións e na que podedes atopar moitos consellos para ter unha vida máis saudable. 

Alí atopamos esta pirámide da actividade física para nenos e nenas na que, dun xeito moi sinxelo, ensinan cales son as actividades máis convenientes para os pequenos e con que frecuencia deben practicarse.

Na base da pirámide, o nivel 1, están aquelas actividades físicas que deben realizar todos ou case todos os días. Inclúen camiñar máis, subir escaleiras, axudar nas tareas domésticas e xogar de forma activa.

No segundo nivel atopamos actividades aeróbicas para facer entre 3 e 6 días á semana. Son a práctica de deportes, correr, montar en bicicleta, nadar, patinar, etc.

Pasamos depois a un terceiro nivel que se divide en dous apartados. Por un lado, están as actividades que teñen que ver coa flexibilidade: estiramentos, ximnasia, ioga, pilates… para facer entre 3 e 7 días á semana. Por outro, están as actividades que interveñen no fortalecemento muscular: gabear, escalar, tirar, lanzar, exercicios con bandas elásticas… para realizar 2 ou 3 días á semana.

E na cúspide da pirámide están as actividades sedentarias, tales como ver a televisión ou xogar con ordenadores ou videoxogos. Neste caso a recomendación é limitalos, evitando períodos de inactividade de máis de 2 horas durante o día.

pirámide exercicio físico

Preme na imaxe para agrandala.

Consellos e menús para que os nenos aprendan a comer froitas e verduras

 

Como sabedes, un dos principios da Escola Deportiva Santiago é a formación integral dos nenos e nenas empregrando o deporte como unha maneira de crecer tanto física como intelectualmente. Por iso neste blog procuramos traervos informacións relacionados non só coas nosas actividades, senón tamén coa educación e a saúde dos pequenos e pequenas. Neste senso, había tempo que non adicabamos unhas liñas ao fomento dunha boa alimentación. Hoxe queremos facelo ofrecéndovos algúns consellos para que os vosos fillos coman con gusto froitas e verduras. Sacámolos do portal Xente con Vida, dependente da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, e que podedes consultar  premendo aqui.
  • Introduce pouco a pouco novos alimentos na súa dieta diaria para que vaia acostumándose aos diferentes sabores e texturas, sempre de acordo co teu pediatra.
  • Busca preparacións atractivas e coloristas. Os nenos, ao igual que os adultos, primeiro comen coa vista.
  • Varía as froitas para que se afaga ás distintas texturas e ofrécellas en distintos momentos do día para aproveitar aqueles nos que estea máis receptivo.
  • Ter o froiteiro con pezas variadas de tempada ao alcance dos nenos e adolescentes favorece que tomen froita a media mañá ou á merenda.
  • Na variedade está o gusto: no canto de cociñar sempre as mesmas verduras, aproveita as que están en tempada e aposta por preparacións diferentes.
  • Fai da ensalada fresca e variada un habitual na túa mesa. Chegará un momento no que a coman por imitación dos adultos.
  • Cantas máis cores haxa no prato, mellor: elixe verduras de cores vermello, laranxa, verde, branco, amarelo ou violeta.
  • Evita as bebidas azucradas e carbonatadas. Dálle auga e zumes de froitas naturais.
Nesta páxina atopamos tamén menús divertidos, que poden ser moi útiles para que os nenos aprendan a comer ben. Aquí van dous:
 
TORTILLA DE CORES
Ingredientes: Acelgas, champiñóns, salsa de tomate natural feita na casa, ovo.
Preparación: Ferve as acelgas, escórreas e reserva. Cociña os champiñóns nun fondo de aceite de oliva con allo e perexil. Fai unha tortilla francesa con cada unha das verduras e preséntaas con salsa de tomate.
VOLCÁNS
Ingredientes: Pataca, porro, ceboliña, salsa de tomate natural feita na casa.
Preparación: En aceite de oliva sofrite o porro, a ceboliña e as patacas cortadas en láminas. Engade un pouco de auga e deixa cocer. Cando as verduras estean no seu punto, prepara un puré. Preséntao en forma de pequenos volcáns no prato e verte a salsa de tomate a xeito de lava. É un bo acompañante de peitugas de polo ou filetes á prancha.
 
 

Guerra contra a obesidade infantil: é hora de comer ben!

Unha das principais preocupacións dos pais e nais é que os seus fillos gocen dunha boa saúde. Para iso resulta fundamental que os pequenos realicen exercicio físico de maneira regular, pero tamén que manteñan unha correcta alimentación
 
Son moitos os lectores deste blog os que teñen mostrado o seu interese porque falemos deste tema. Por iso recopilamos agora aquí algunhas páxinas con claves á hora de dar de comer aos nenos e nenas. 
 
VIVIR EN SALUD. CLAVES PARA ESTAR BIEN 
Trátase dunha guía para familias elaborada pola Fundación Mapfre con ideas sobre alimentación, a actividade física e a hixiene dos máis pequenos da casa. Ofrece, por exemplo, consellos sobre como deben ser as cinco comidas do día, que calzado deportivo é o máis adecuado ou como deben colocarse os libros na mochila para que non faga dano á espalda. Podes descargala en pdf premendo neste enlace. 
 
XENTE CON VIDA
Nesta páxina web da Consellería de Sanidade atoparedes moita información sobre que alimentos son bos e cales non para os nenos e nenas, con menús saudables e mitos en torno á alimentación. Podes vela aquí.
CINCO HÁBITOS SALUDABLES PARA LOS NIÑOS
Neste artigo que nos fixo chegar un dos lectores do blog ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com, falan dos bos hábitos alimenticios e dos bos costumes que deben manter os nenos e nenas ao comer. Podes lelo aquí
 
HELLO COOKING, TALLER DE COCINA PARA PEQUEÑOS CHEFS
E que mellor maneira de conseguir que os nosos fillos se alimenten ben que aprendendo eles mesmos a preparar platos saudables! Hello Cooking, situado no barrio de Sar, en Santiago, organiza cursos para nenos e nenas con receitas divertidas e saudables. Podes coñecelos nesta páxina web

Que alimentos debemos escoller para as merendas dos nosos fillos?

A Consellería de Sanidade conta cunha páxina web na que dá consellos sobre cómo conseguir unha vida máis saudable. Chámase Xente con Vida e podes consultala aquí. 
 
Un dos artigos máis interesantes que atopamos nela ten que ver coas merendas. Nel explican que para a idade infantil e xuvenil é desexable repartir a achega enerxética en 5 tomas ao longo do día: almorzo, merenda a media mañá, comida, merenda a media tarde e cea. Pero como deben ser esas merendas? Estes son algúns dos consellos prácticos que dan:
  • Planifica con antelación os alimentos que o neno vai levar á escola cada mañá e durante a semana. Desta forma a oferta será mais equilibrada e variada.
  • Fai un repaso das froitas que o neno pode manipular mellor. A variedade nas froitas é importante para o menú dos teus fillos. Proba ademais da mandarina ou o plátano outras opcións como bolsiñas con uvas, amorodos…Recorda que as distintas cores das froitas (laranxa, vermello, branco, verde…) adoita estar en relación con algunhas propiedades nutricionais específicas, por iso é importante varialo a cotío.
  • De vez en cando inclúe froitas deshidratadas, en menos cantidade cas frescas, como orellóns de albaricoque, ameixas e uvas pasas.
  • Os froitos secos (noces, améndoas, cacahuetes, abelás, pipas de xirasol) son mais calóricos sobre todo pola elevada cantidade de graxa. Sen embargo, é destacable a calidade da mesma, polo que son recomendables en cantidades adecuadas algunhas veces á semana. Elixe os naturais que non levan sal nin coberturas engadidas. Ten presente que a inxestión de froitos secos antes dos cinco anos pode ter risco de atragoamento, especialmente os cacahuetes e as pipas de xirasol.
  • Intercambia as froitas con iogur líquido ou sólido ou pequenos bocadillos de pan con queixo baixo en graxa (fresco ou tipo Burgos).
  •  Na merenda da tarde non sempre a oferta ten que ser un bocadillo con embutido ou crema de cacao. Proba a intercalar outras opcións como pan con aceite de oliva e tomate cru, froita con iogur, zumes naturais con pan e froitos secos, pequenos bocadillos con leituga, tomate, atún e ovo cocido en pequena cantidade, etc.
  • Prefire o xamón (curado ou cocido) e o friame de pavo e evita outros como salame, salchichón que polo seu alto contido en graxas que poden ser prexudiciais.
  • Evita pasteliños, doces, bolos industriais e cremas de chocolate comerciais polo seu alto contido en graxas e azucres. Poden incrementar notablemente o seu valor enerxético.
  • A bebida de elección e sempre a auga. Evita o consumo de bebidas refrescantes azucradas e/ou gasificadas (col?a, extractos), bebidas enerxéticas e batidos comerciais.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR