xadrez

now browsing by tag

 
 

Inscricións para o Campus Polideportivo Volta ao Cole 2017

Que mellor maneira de rematar o verán e prepararse para o regreso ás aulas que divertíndose facendo deporte? A Escola Deportiva Santiago organiza un ano máis o Campus Polideportivo Volta ao Cole, no que participarán nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade.

Con esta iniciativa, na que colaboran o Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña e Gadis, preténdese ademais ofrecer unha alternativa de conciliación para os pais e nais no final do periodo estival.

O Campus desenvolverase do 4 ao 8 de setembro no campo de fútbol de Santa Isabel en horario de 10:00 a 14:00 horas. Os pequechos practicarán fútbol, atletismo, xadrez, deportes alternativos como pode ser o béisbol e exercicios para mellorar a atención.

As inscricións poden realizarse por días soltos (14 euros por día) ou polo campus completo (55 euros). Hai descontos para segundos irmáns e familias numerosas (45 euros por neno). Estos prezos inclúen un seguro de accidentes deportivos.

Aqueles que queiran anotar aos seus fillos/as poden facelo cubrindo o seguinte formulario online e enviando o xustificante de pago a escolasantiagocf@gmail.com Para calquera dúbida, poden chamar ao teléfono 697 408 573.

Cinco días de deporte e diversión no Campus Polideportivo de Nadal 2016

Queres que os teus fillos/as pasen as vacacións de Nadal practicando deporte, divertíndose e facendo novos amigos? A mellor opción tela co Campus Polideportivo de Nadal 2016 que organiza a Escola Deportiva Santiago, en colaboración coa Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, o colexio Compañía de María e Gadis.

As actividades desenvolveranse os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro – en horario de 10:00 a 14:00 horas – no campo de fútbol de Belvís e no pavillón do colexio Compañía de María. Os nenos e nenas participantes – de entre 4 e 12 anos de idade – poderán practicar deportes como fútbol, fútbol sala, baloncesto, xadrez, deportes alternativos ou exercicios para mellorar a atención.

Os rapaces poden anotarse ao Campus completo por só 45 euros ou a xornadas soltas por 10 euros/día. Hai ademais descontos para os segundos irmáns e as familias numerosas, que pagarán 35 euros polo campus completo ou 8 euros/día se escollen a opción de xornadas soltas.

Para inscribirse, só hai que cubrir o seguinte formulario online e enviar o xustificante de pago a escolasantiagocf@gmail.com Para calquera dúbida, pódese chamar ao teléfono 697 408 573.

Remata con éxito o IV Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago

Onte celebrouse a derradeira xornada do IV Campus Polideportivo de Nadal que organizou a Escola Deportiva Santiago en colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía  de María e La Salle, Feiraco e Coca Cola.

Co obxectivo de axudar a conciliar a vida persoal e laboral neste período vacacional, o Campus, trilingüe, desenvolveuse os días 23, 24, 26, 27 e 28 de decembro e 2 e 3 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 horas. Nenos e nenas  de entre 4 e 12 anos de idade divertíronse practicando deportes como fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo, bádminton e xadrez. Como novidade desta edición,impartíronse tamén clases de habilidades de loita. Así, a través de exercicios de psicomotricidade, con contacto pero sen golpes, os pequenos aprenderon, por exemplo, a manter o equilibro ou caer ben. Os participantes podían inscribirse ao Campus completo ou a xornadas soltas. 

Convenio coa Cruz Vermella
Neste Campus participaron cinco nenos e nenas de familias en situación de pobreza ou en risco de exclusión social, gracias ás becas que deu a Escola Deportiva Santiago en virtude do convenio de colaboración asinado recentemente coa Cruz Vermella de Santiago.
A experiencia repetirase nos vindeiros Campus que se están a preparar para Semana Santa e os meses de verán.A Escola tamén outorgará becas para formar parte dos equipos de fútbol 8 e fútbol sala (masculino e feminino) cos que conta esta entidade. Ademais, todos aqueles que queiran facer donacións para poder becar a máis rapaces, poderán ingresalas no número de conta 2080 5180 88 3040017450 (Novagalicia Banco) indicando no asunto ‘Cruz Vermella’.

Deixámosvos neste post algunhas fotografías da xornada de onte, pero na páxina de Facebook da Escola Deportiva Santiago tendes moitas máis. Podedes acceder a ela premendo neste enlace. 

Nenos e nenas gozan do Nadal no Campus Polideportivo da Escola Deportiva Santiago

O pasado luns comezou a cuarta edición do Campus Polideportivo de Nadal que organiza a Escola Deportiva Santiago, coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía de María e La Salle, Coca Cola e Feiraco. 
 
Nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade divírtense e aprenden moito practicando deportes como baloncesto, fútbol, fútbol sala, atletismo, bádminton ou xadrez. Por primeira vez, teñen tamén a actividade de habilidades de loita, coa que melloran o seu equilibro e coordinación e aprenden, por exemplo, a saber chocar ou caer.
 
Ao final da xornada, monitores e nenos e nenas escollen aos compañeiros que mellor se portaron para darlles un pequeno agasallo. 
 
O Campus, que é trilingüe, continuará mañá, vernes 27 de decembro, e o sábado, día 28, en horario de 10:00 a 14:00 horas no colexio La Salle. A última quenda celebrarase os días 2 e 3 de xaneiro no pavillón do Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís.
 
Deixámosvos neste post algunhas fotografías da xornada de hoxe, pero na páxina de Facebook da Escola Deportiva Santiago tendes moitas máis. Podedes acceder a ela premendo neste enlace. 
 
 

Novos deportes e maiores facilidades de pago no IV Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago

A Escola Deportiva Santiago xa ten todo listo para a cuarta edición do Campus Polideportivo de Nadal, que este ano chega cargado de novidades. A principal é a modalidade de pago. Co fin de facilitar a un maior número de familias compostelás a conciliación da vida persoal e laboral durante estas vacacións, a organización ofrece a posibilidade de inscrición por días. Así, nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade poderán anotarse ao Campus completo (7 días) ou a xornadas soltas, pagando por cada unha delas 10 euros.
Se a inscrición é para todo o Campus o prezo é de 60 euros, se ben aqueles que se anoten antes do 15 de decembro gozarán dun importante desconto,debendo abonar tan só 50 euros. Tamén hai descontos para os que inscriban a dous irmáns ou sexan familia numerosa. Estes pagarán 8 euros por día/neno ou 40 euros por asistir ao Campus completo. Os interesados poden dirixirse ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com, enviando cuberta a folla de inscrición que tendes debaixo deste post e adxuntando o xustificante de pago. Se tendes algunha dúbida, podedes chamar ao teléfono 697 408 573
O Campus de Nadal desenvolverase o 23 e 24 de decembro no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís de 10:00 a 14:00 horas; o 26, 27 e 28 de decembro nas instalacións do colexio La Salle no mesmo horario; e o 2 e 3 de xaneiro de novo no Compañía de María e Belvís na mesma xornada de mañá.
Campus trilingüe e habilidades de loita
Outra das novidades desta cuarta edición é a inclusión do inglés como lingua que empregarán, xunto co galego e o castelán, os monitores e adestradores do Campus. Ademais, e tamén por primeira vez, incorpóranse as habilidades de loita como unha das actividades. Será a través de exercicios de psicomotricidade, con contacto pero sen golpes, adaptados ás diferentes idades dos nenos e nenas participantes. Así, os pequenos poderán adquirir habilidades como manter o equilibro, saber caer, etc.
O resto de deportes que se impartirán neste Campus de Nadal son o fútbol, o fútbol sala, o baloncesto, o atletismo, o bádminton e o xadrez.

Organizado pola Escola Deportiva Santiago, colaboran nesta actividade a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía de María e La Salle, Coca Cola e Feiraco.
 

Valoramos a túa opinión! Fai a nosa enquisa e entra no sorteo de dúas gratuidades para o Campus Polideportivo de Nadal

Un ano máis a Escola Deportiva Santiago pon en marcha o seu Campus Polideportivo de Nadal. Dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade, as actividades desenvolveranse en tres quendas: o 23 e 24 de decembro, no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís; os días 26, 27 e 28 do mesmo mes, nas instalacións do colexio La Salle; e o 2 e 3 de xaneiro, de novo en Compañía de María e Belvís. 
 
Proximamente informaremos de máis detalles, pero antes queremos contar convosco! Por iso, elaboramos unha pequena enquisa, que non leva máis dun minuto cubrir, e que servirá para coñecer a vosa opinión sobre diferentes cuestións deste Campus. Ademais, e para agradecer a vosa colaboración, sortearemos dúas inscricións gratuítas entre todos aqueles que participedes!
 
Para facer a enquisa só tendes que PREMER NESTE ENLACE, responder ás preguntas e darlle a ‘Listo’.  
 
Moitas gracias!! 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR