verán

now browsing by tag

 
 

Inscricións para o Campus Polideportivo Volta ao Cole 2017

Que mellor maneira de rematar o verán e prepararse para o regreso ás aulas que divertíndose facendo deporte? A Escola Deportiva Santiago organiza un ano máis o Campus Polideportivo Volta ao Cole, no que participarán nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade.

Con esta iniciativa, na que colaboran o Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña e Gadis, preténdese ademais ofrecer unha alternativa de conciliación para os pais e nais no final do periodo estival.

O Campus desenvolverase do 4 ao 8 de setembro no campo de fútbol de Santa Isabel en horario de 10:00 a 14:00 horas. Os pequechos practicarán fútbol, atletismo, xadrez, deportes alternativos como pode ser o béisbol e exercicios para mellorar a atención.

As inscricións poden realizarse por días soltos (14 euros por día) ou polo campus completo (55 euros). Hai descontos para segundos irmáns e familias numerosas (45 euros por neno). Estos prezos inclúen un seguro de accidentes deportivos.

Aqueles que queiran anotar aos seus fillos/as poden facelo cubrindo o seguinte formulario online e enviando o xustificante de pago a escolasantiagocf@gmail.com Para calquera dúbida, poden chamar ao teléfono 697 408 573.

Como estar seguros cos nenos e nenas nas piscinas e praias

Hoxe recomendámosvos un artigo moi interesante para estes meses de verán publicado recentemente por El Mundo. Podedes lelo premendo neste enlace.

Nel explican dunha maneira clara e sinxela algúns consellos para pasar un verán seguro cos nenos e nenas nas piscinas e praias, aportados pola pedagoga e profesora de natación Indira Retuerto. Aquí resumímosvos os máis importantes:

  • Non deixalos sós e vixialos constantemente –> Regra 10/20 = mirar á auga cada 10 segundos e estar nun lugar onde tardemos menos en 20 segundos en chegar onda eles
  • Falarlles dos socorristas e colocarlles unha pulseira identificativa co número de teléfono 
  • Se non saben nadar, debemos bañarnos con eles pero NON deixalos sós con manguitos nin flotadores
  • Para actividades náuticas, empregar chalecos salvavidas
  • Evitar a entrada brusca á auga, a exposición prolongada ao sol ou o exercicio físico antes do baño
  • Usar a protección solar axeitada, gorras para protexer a cabeza e beber moita auga
  • Ollo co afogamento secundario! Se despois dun susto na auga, o neno/a está moi canso, ten unha tose inusual ou sibilancias, un comportamento estraño, dificultade para respirar ou está desorientado e non responde a preguntas, acode a urxencias. 

Evita que os teus fillos se fagan dano na piscina

Probablemente xa liches en moitas ocasións novas con consellos para que os nenos estean seguros nas piscinas. Pero tamén o viron os teus fillos? Non hai nada máis importante que eles mesmos saiban que facer cando están nadando. Por iso recollemos neste post un videoconto realizado por Abrisud Ibérica dirixido aos máis pequenos da casa.

O conto está protagonizado por unhas gotas de auga que explican aos nenos os perigos da piscina e como gozar dela con seguridade. Estes son os consellos que dan:

  • Nunca te bañes na piscina
  • Usa sempre manguitos ou chaleco
  • Non xogues en bordos e tobogáns
  • Come e espera antes do baño
  • Entra devagar na auga
  • Recolle os xoguetes que metas na piscina
  • Avisa aos teus pais se un neno se fai dano
  • Non entres se a piscina está pechada
  • Escolle a zona que menos cubra
  • Aprende a nadar desde moi pequeno

Photo credit: Piscinas do Multiusos Fontes do Sar en Santiago.

Os nenos na casa… e agora que?

Metidos de cheo xa nas vacacións de verán e cos nenos sen colexio, os pais e nais pregúntanse: “Que podemos facer con eles?”. Existen diversas alternativas para tratar de conciliar a vida familiar e laboral en tempo de lecer, coma os Campus de Tecnificación e Polideportivos que organizamos na Escola Deportiva Santiago. Tamén hai quen opta por campamentos ou por pedir axuda aos sempre dispostos avós, padriños, tíos e demais familia.

Pero como entreter aos nosos fillos cando estamos con eles na casa? Con bo tempo, podemos ir á praia, a un parque ou a xogar ao fútbol ou o baloncesto. Pero vivindo en Galicia e con todos os días de chuvia que temos, moitas veces escasean as ideas. Como alternativa, falámosvos hoxe da páxina web www.juntines.com Trátase dun espazo onde atopar e compartir plans para facer cos nenos e nenas. Hai actividades para facer na casa, a través de internet ou na rúa. Podemos cociñar receitas divertidas, aprender a facer diversas manualidades ou poñer en marcha xogos moi imaxinativos. Ademáis, teñen unha canle de televisión con vídeos ensinando todos estes ‘trucos’.

Tamén propoñen contos e libros infantís e, incluso, publican curtametraxes de animación con mensaxes dirixidos aos ‘peques’ e aos non tan ‘peques’. Un exemplo é o corto French Roast, dirixido para nenos a partir de 4 anos, e que trata dun mendigo que entra nun bar a pedir esmola e o executivo que está alí tomando café non lle quere dar nada. O que pasa despois podedes velo aquí:

José Manuel López: “O Campus de Tecnificación en Baloncesto vai ser para os rapaces unha experiencia difícil de esquecer”

Unha das principais novidades dos Campus de Tecnificación que organiza este ano a Escola Deportiva Santiago é a incorporación do baloncesto como unha das dúas modalidades que, xunto co fútbol, poden escoller os nenos e nenas participantes. Así, este verán aqueles baloncestistas que desexen mellorar a súa técnica e táctica poderán inscribirse no Campus de Tecnificiación en Baloncesto que se celebrará os días 23, 25, 26, 27 e 28 de xuño en Santiago e do 3 ao 15 de agosto en Cambados (máis información e folla de inscrición premendo aquí).

O coordinador da sección, José Manuel López, é adestrador superior de baloncesto e conta con 25 anos de experiencia ás súas costas; os últimos 15 no CD Compañía de María. Falamos con el para coñecer un pouco máis en que vai consistir este Campus.

A Escola Deportiva Santiago organiza por primeira vez en verán un Campus de Tecnificación en Baloncesto. Que se van atopar os nenos/as que asistan? Que quere dicir que sexa un campus de tecnificación? 

Os nenos/as vanse atopar cunhas xornadas orientadas de maneira exclusiva ao traballo específico de perfeccionamento. A tecnificación leva implícita a corrección máis depurada dos xestos técnicos que os nenos aprenden neste deporte; traballo de bote, pase, tiro… e traballo técnico individual para levalo á práctica no xogo do 5×5.

“AS XORNADAS ESTARÁN ORIENTADAS DE MANEIRA EXCLUSIVA AO TRABALLO ESPECÍFICO DE PERFECCIONAMENTO”

O Campus diríxese a nenos e nenas de entre 4 a 14 anos. Son idades moi diferentes. Como se traballará con cada un deles?

En función da demanda do rapaz vaise facer un traballo en pequenos grupos. Será de máxima atención. Os monitores coidarán móito a calidade do seu traballo e correxirán o mínimo detalle para darlle a cada un toda a atención necesaria para a súa aprendizaxe.

Que lle aporta o baloncesto aos nenos/as desde o punto de vista físico? E desde o punto de vista da formación en valores?

Dende o punto de vista físico, o baloncesto é un compendio de virtudes coordinativas que permiten a mellora do rapaz no seu crecemento. En canto aos valores, como todo deporte de grupo, o baloncesto aporta disciplina, compañeirismo, implicación, motivación, valoración… moitos valores que lle permiten crecer interiormente e de cara ao futuro como adulto.

DSC_0969.JPG

Algúns nenos xogando ao baloncesto no último Campus de Semana Santa que organizou a Escola.

Que características debe ter todo bo xogador de baloncesto?

Ganas de aprender, implicación, esforzo, capacidade de sacrificio… Son características que permitirán aos nenos/as desenvolverse de maneira doada neste deporte. Despois disto, virán as características técnico-tácticas e físicas co paso do tempo que facilitarán máis ou menos a capacidade para a práctica do baloncesto.

“TAL E COMO ESTÁ A SOCIEDADE, O DEPORTE É O MELLOR LUGAR PARA FORMAR E VER PROGRESAR AOS NOSOS FILLOS”

Como ben dis trátase dun deporte en equipo, pero que importancia ten o traballo individual de cada un deles?

Como todo deporte de equipo é a suma de cada un deles. O traballo individual conleva a mellora do grupo e a capacidade de manter a armonía do mesmo, sendo capaz en cada intre de dar resposta ás exixencias do equipo.

Que lle dirías a aqueles pais/nais que non se preocupan porque os seus fillos/as fagan deporte? E por que os animarías a que anoten aos seus fillos/as a este Campus?

Aos pais diríalles que a rúa está chea de rapaces perdidos. Neste intre, e tal e como está esta sociedade, é o mellor lugar para formar e ver progresar aos nosos fillos. Por outro lado, os motivos para participar neste Campus son claros: a calidade tanto deportiva como humana dos que o van facer posible vanno converter nunha experiencia difícil de esquecer.

Este verán aposta polos Campus de Tecnificación en fútbol e baloncesto da Escola Deportiva Santiago

A Escola Deportiva Santiago vén de lanzar unha ampla oferta de Campus de Tecnificación para este verán. Ao xa exitoso Campus de Tecnificación en Fútbol que organiza desde hai varios anos, súmase nesta ocasión un Campus de Tecnificación en Baloncesto. Ambos diríxense a xóvenes futbolistas e baloncestistas – de entre 4 e 14 anos de idade – que desexen mellorar os fundamentos técnicos e tácticos destes deportes.

Nestes Campus colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación de A Coruña, os concellos de Santiago e Rois e as entidades privadas Coca Cola, Feiraco, Gadis e Expert.

Obxectivo

A Escola Deportiva Santiago pretende ofrecer con estes Campus unha alternativa pioneira e diferenciada dentro da formación deportiva que hai nos clubes. Así, os participantes levarán a cabo un traballo metódico e pormenorizado daqueles fundamentos técnicos e tácticos (recibir, pasar, tirar, desprazamentos, transcións, etc.) que non dominen ou que teñan necesidade de repetir.

Os pequenos terán competicións dirixidas e organizadas para mellorar tanto o xogo individual como o de equipo e aprenderán a convivir e a respectar aos compañeiros nun ambiente de aprendizaxe deportivo.

Quendas

Para asistir a estes Campus establecéronse seis quendas en tres localidades diferentes: Santiago, Rois e Cambados. En todas elas celebrarase o Campus de Tecnificación en Fútbol, mentres que o de Baloncesto terá lugar na primeira quenda en Santiago e na quinta e sexta quenda en Cambados. Na terceira e cuarta quendas, que serán en Rois, tamén practicarán golf. Estas son as datas:

  • 1ª Quenda: O 23, 25, 26, 27 e 28 de xuño en Santiago (Fútbol e Baloncesto) en horario de mañá. [O martes 24 non hai Campus por ser festivo]
  • 2ª Quenda: Do 30 de xuño ao 4 de xullo en Santiago (Fútbol) en horario de mañá.
  • 3ª Quenda: Do 7 ao 11 de xullo en Rois (Fútbol e Golf) en horario de mañá e de tarde (media pensión).
  • 4ª Quenda: Do 14 ao 18 de xullo en Rois (Fútbol e Golf) en horario de mañá e de tarde (media pensión).
  • 5ª Quenda: Do 3 ao 8 de agosto en Cambados (Fútbol e Baloncesto) en horario de mañá e de tarde (pensión completa).
  • 6ª Quenda: Do 10 ao 15 de agosto en Cambados (Fútbol e Baloncesto) en horario de mañá e de tarde (pensión completa).

Os nenos e nenas gozarán polas tardes de diferentes actividades alternativas como o inglés no deporte ou o coaching deportivo (para traballar a atención, a concentración e o espírito de superación). En Rois tamén haberá tempo para xogar ao golf e nadar na piscina, mentras que en Cambados terán actividades culturais e de lecer.

Prezos por quenda

Os pais e nais poden escoller entre varias opcións segundo os horarios e lugares que máis lles interesen e acceder así a diferentes prezos por cada quenda:

  • Opción A: Exercicios técnicos-tácticos específicos. Horario: de 9.30 a 12:00 h. Prezo: 45 euros
  • Opción B: Exercicios técnicos-tácticos específicos. Horario: de 12:00 a 14:30 h. Prezo: 45 euros.
  • Opción A + B: Exercicios técnicos-tácticos específicos. Horario: de 9.30 a 14:30 h. Prezo: 75 euros.
  • Opción C (Só en Rois): Media pensión con exercicios técnicos-tácticos específicos pola mañá (de 9.30 a 14:30 h.), comida e actividades de lecer (de 14:30 a 16:30 h.) e actividades de tarde (de 16:30 a 18:30 h.). Prezo: 160 euros.
  • Opción D (Só en Cambados): Pensión completa con todo incluído. Prezo: 310 euros.

Hai, ademais, un desconto do 20% para familias numerosas, por asistir a máis dunha quenda ou por anotar a dous irmáns. No caso de Rois e Cambados, se os pais necesitan contratar tamén o transporte, o prezo é de 30 euros.

Inscricións

O prazo para inscribirse nestes Campus xa está aberto e rematará o 15 de xuño para as quendas de Santiago e Rois e o 15 de xullo para as de Cambados. Unha vez superada a data límite, e sempre que haxa prazas dispoñibles, poderanse facer máis inscricións pero cun recargo do 20%. Para calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 697 408 573.

Os interesados deben CUBRIR OS DATOS DO SEGUINTE FORMULARIO premendo neste enlace. Tamén poden, se o prefiren, descargar a folla de inscrición adxunta, asinala e enviala ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com xunto co xustificante de pago: Tecnificacion_Ficha2014_GAL

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR