valores

now browsing by tag

 
 

Resumo da tempada

Xuño de 2015. Chegamos ao fin da tempada. “Por fin!” dirán moitos pais e nais cun sorriso cómplice nos beizos. E non lles falta razón, porque se algo temos claro é que todo o que se monta ao redor da Escola Deportiva Santiago non podería saír adiante sen a inestimable axuda e colaboración de tódolos pais e nais que acompañan aos seus fillos, aos nosos deportistas, a cada partido.

Por iso, quero comenzar este texto agradecéndovos o esforzo e sacrificio que supón pola vosa parte, porque somos conscientes de que planificades cada fin de semana en función do partido que xogan os vosos fillos.

Gracias! Gracias por confiar en eles, e gracias por confiar en nós. Porque nós traballamos en cada adestramento e en cada partido coa convicción de que ese neno ou esa nena serán mellores persoas no futuro gracias ao seu paso pola Escola Deportiva Santiago.

Supoño que o que corresponde a un texto que presume de resumir unha tempada é falar dos éxitos do Clube. De eses trofeos, torneos e partidos importantes nos que se acadou a victoria. E si, estou convosco en que esa é unha parte importante do deporte, non serei eu quen o negue. Pero sempre prefiro quedarme coas ensinanzas da derrota, do esforzo por levantarse e dos ánimos colectivos que fan que se fortaleza o grupo. Sen esquecer que a principal finalidade e máxima expresión do deporte na idade escolar é a diversión. Non é gañar a primordial meta para os nenos, senón xogar.

Como dicía antes, traballamos con orgullo cada día na formación deportiva pero tamén educativa dos rapaces. E entendemos que non hai como o deporte para facerlles entender conceptos como o traballo en equipo, a solidaridade ou a cooperación. Para nós é moi importante que sexan tolerantes e apoien a integración, non só cos compañeiros, senón tamén cos rivais e sempre baixo un respecto que é valor primordial dunha persoa.

Non admite discusión que no deporte debe verse, sobre todo, un beneficio físico e mental. O seu traballo repórtalles unha boa sáude, unha mellora da calidade de vida e unha aprendizaxe do control emocional e de sentirse ben cun mesmo. Isto vai relacionado directamente coa autodisciplina e a responsabilidade, xa que os rapaces toman autonomía sobre os seus actos.

Por suposto, o noso esforzo vai encamiñado a que aprendan a superarse, a que fagan da motivación o seu lema de cabeceira e a que aprendan a valorar o sacrificio persoal, dos compañeiros e de cada pai e nai que con tanto agarimo os agardan en cada adestramento e os acompañan en cada competición.

Somos moitos os que soñamos con ver triunfar no mundo do deporte aos nosos nenos. Pero temos que ser conscientes do que iso significa, do esforzo que implica e sobre todo, que só uns poucos serán os elexidos. Tódolos demais, aínda que non cheguen a profesionais do deporte, serán uns verdadeiros campións se gracias ao xogo e o adestramento aprenderon a ser mellores persoas. Con paciencia e humildade ese é o noso reto, con nobleza e honestidade ese é o noso desafío.

Por Brais Alonso, adestrador da Escola Deportiva Santiago.
 

Papá e mamá, queremos xogar ao fútbol con estas dez regras

Despois dos meses de verán, os nenos e nenas da Escola Deportiva Santiago volven aos adestramentos! O primeiro deles será este venres, 12 de setembro, ás 18:30 horas no campo de As Cancelas. Alí estarán os equipos federados de Fútbol 8 (Benxamín para rapaces nados en 2005-2006 e Prebenxamín para os de 2007-2008). Máis adiante, a principios de outubro, retomaremos a Escola e os adestramentos de fútbol sala.

Toca agora entón reencontrarse cos compañeiros, preparar a nova tempada cos adestradores, pasalo ben, aprender, superarse… e pronto, chegarán os primeiros partidos. Aos pais e nais terán que apoiar aos seus fillos, animalos e darlles consolo se hai unha derrota. Pero, sobre todo, non deben esquecer que os que están no campo son nenos e nenas e que eles o que teñen que facer é xogar e divertirse. Por iso, tende moi en conta as seguintes regras:

regraspaisfutbol

10 razóns para que os nenos amen o fútbol

O fútbol, como todo na vida, ten as súas grandezas e as súas miserias. Pero sobre todo é un deporte que move masas, que gusta a grandes e pequenos, homes e mulleres… e que aporta moitos beneficios aos nenos e nenas que o practican. Estas son as nosas 10 razóns para amalo.

  1. Mellora a saúde. A práctica habitual dun exercicio coma o fútbol contribúe a que os nenos e nenas teñan un bo estado xeral de saúde, evitando caer en enfermidades como a obesidade infantil. Os pequenos fortalecen músculos e ósos e son máis áxiles; desenvolven a súa velocidade, a resistencia e a coordinación de movementos.
  2. Aprendemos a traballar en equipo. Os nenos que practican fútbol descobren a importancia de confiar nos demais e que os demais confíen neles, aprenden a respectar a compañeiros e rivais, a axudarse cando sexa necesario e a seguir unhas normas.
  3. É divertido. Máis aló dos resultados, os nenos que xogan ao fútbol fanno para divertise. Ese debe ser o obxectivo principal cando son cativos.
  4. Fanse novos amigos. Os deportes en equipo, coma o fútbol, fomentan a socialización axudando aos nenos e nenas a facer novos amigos. Os pequenos futbolistas comparten adestramentos, partidos, viaxes, anécdotas e moitos risos.
  5. Tamén se perde. E iso é unha gran lección. No fútbol non sempre se gaña e así os nenos aprenden a aceptar as derrotas e a recoñecer os seus erros para poder mellorar.celebrandogol
  6. Superación persoal. En relación co punto anterior, tras cada partido perdido os pequenos futbolistas non se rinden, comezan a traballar para tratar de gañar na seguinte ocasión. Os nenos aprenden así a erguerse tras cada ‘caída’ e a superar os seus fracasos.
  7. Potencia a creatividade. Para regatear un rival, para superar unha férrea defensa, para lanzar un penalti… Os pequenos futbolistas siguen as indicacións dos seus adestradores pero tamén idean como facelo, fomentando así a súa creatividade.
  8. Máis confianza en si mesmos. Cada reto superado aporta un pouco máis de autoestima a cada neno ou nena que practica fútbol. Ademais a práctica deportiva reduce os niveis de ansiedade liberando tensións e xerando endorfinas que son as xeradoras naturais da felicidade.
  9. Menos tempo en actividades sedentarias. Mentras xogan ao fútbol, os cativos están lonxe de televisións, ordenadores ou videoconxolas; tecnoloxías todas estas moitas veces utilizadas en exceso polos máis pequenos da casa.
  10. Pasar un bo rato con papá e mamá.  O fútbol é un deporte tan coñecido e fácil de practicar, que os nenos poden xogar no patio da casa, nun parque ou na praia cos seus proxenitores. E para os pais e nais non hai mellor maneira de achegarse aos seus fillos e reforzar a relación con eles que divertirse todos xuntos en familia.

Como ensinar aos pequenos deportistas a aceptar as derrotas e a aprender delas

Un dos valores que procuramos inculcar desde a Escola Deportiva Santiago a todos os nenos e nenas que participan nas nosas actividades é a aprendizaxe tanto das victorias como das derrotas. Pero como facelo? Nun artigo de Eva M. García Quinteiro publicado no blog da Asociación Galega de Especialistas en Psicoloxía do Deporte e da Actividade Física (www.epside.org) atopamos unha das claves: o éxito consiste no esforzo. Neste texto aportan algúns consellos para que os pequenos deportistas podan entendelo:

  • Establecer expectativas claras, positivas e realistas para cada neno en función das súa idade e posibilidades.
  • Ofrecer instruccións simples adaptando a súa linguaxe ao nivel de comprensión do neno.
  • Non reaccionar esaxeradamente ante o éxito ou o fracaso.
  • Premiar máis o esforzo que o resultado, sendo positivo cando as cousas van mal, animando aos xogadores e comentando antes os acertos que os erros.

Aplicando isto no fútbol, o labor dos adestradores e proxenitores é ensinar aos pequenos que se trata dun xogo e que o importante é esforzarse e pasar un bo rato cos compañeiros. Un exemplo atopámolo neste vídeo do programa ‘El día después’ de Canal+ adicado á Íscar Cup, a chamada Champions dos benxamíns, e que podedes ver a continuación:

O deporte: modelo de educación en valores se sabemos como facelo

Esforzo, superación, respecto, compañeirismo… Estes son algúns dos valores que se lle atribúen ao deporte e que defendemos na Escola Deportiva Santiago desde a nosa creación. Pero sempre é así? Nun interesante artigo de opinión de Pedro Marcet, director pedagóxico da Fundación Marcet, faise fincapé en que o deporte como tal non educa en valores, senón que “todo depende da utilización que se fai del”. Marcet afirma que a práctica deportiva pode ser “fonte de educación, de saúde, de integración”, pero tamén pode ser “motivo de ignorancia, enfermidade, violencia e exclusión”.

A clave está, segundo Marcet, nunha dedicación de tempo e esforzo considerable por parte das persoas que interveñen nun proxecto deportivo. Os nenos que non teñen a sorte de contar con bos profesionais “están perdendo a mellor oportunidade da súa vida de aprender algo esencial na súa formación integral”. Para este experto, o problema é non entender que gañar non debe ser o único obxectivo da práctica deportiva. Polo contra, o que se lle debe transmitir aos pequenos é que si se perde “non pasa absolutamente nada porque esa derrota lévanos a recoñecer os nosos erros para seguir mellorando”. Por iso, en moitas ocasións, os deportistas profesionais non son un bo modelo no que fixarse.

Precisamente sobre os valores que se lle poden ensinar os nenos e nenas a través dun deporte como o fútbol é do que falan nun vídeo editado pola Unidad de Psicología y Coaching Aplicado al Deporte (UPAD) da Universidad Autónoma de Madrid (UAM) que podedes ver a continuación:

LER MÁIS:

Deporte en equipo, unha fonte inesgotable de valores para os máis pequenos

Como ensinarlles aos nenos o respecto no deporte

O fútbol, tamén para rapaces con discapacidade intelectual

O deporte é unha fonte inesgotable de valores e así o vimos defendendo na Escola Deportiva Santiago desde a nosa creación. O exercicio físico non só axuda os nenos e nenas a gozar dunha mellor saúde, senón tamén a desenvolverse como persoas.

Hoxe falamos de novo das virtudes do deporte, pero desta vez aplicadas a rapaces con algún tipo de discapacidade intelectual. Esta é a historia de Mario, un neno que sobreviviu a un infarto cerebral ao nacer e que forma parte do equipo de fútbol de ADANEF. Trátase dunha agrupación con sede en Alcobendas (Madrid) que traballa na creación de escolas deportivas para persoas con discapacidade. A reportaxe, que leva o título de ‘Elogio de la discapacidad’, foi realizada pola canle TMEX. Nela vemos como estes pequenos futbolistas son como todos os demais: divírtense xogando cos seus amigos, esfórzanse por ser cada día mellores e xuntos aprenden valores como o compañeirismo ou o traballo en equipo.

ELOGIO DE LA DISCAPACIDAD from TM-EX on Vimeo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR