torneo

now browsing by tag

 
 

Santa Isabel acollerá o II Torneo EDS Memorial Antonio Bermúdez

A Escola Deportiva Santiago organiza, co apoio do Concello de Santiago, o II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxeará ao xornalista deportivo compostelán falecido no 2016.

O torneo, que se celebrará o vindeiro 1 de xullo, presentouse esta mañá nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi á que asistiu a concelleira de Deportes, Noa Morales; o presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araújo; o director técnico do torneo, Óscar Vilariño; o árbitro Óscar Martínez e o fillo do coñecido locutor homenaxeado, o tamén xornalista Toño Bermúdez.

Comezou a intervención a concelleira Noa Morales, quen destacou o moito que significou para o deporte compostelán e para os equipos da cidade como a SD Compostela, o Santiago Futsal e o Obradoiro a figura de Antonio Bermúdez. Santiago Araújo engadiu que non só apoiaba aos equipos da élite, senón tamén ao deporte base. De aí a idea de organizar este torneo. Pola súa banda, Toño Bermúdez agradeceu o recordo que se lle fai ao seu pai. E, por último, Óscar Vilariño e Óscar Martínez explicaron os aspectos técnicos desta actividade.

II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez

O torneo desenvolverase o sábado 1 de xullo no campo de fútbol de Santa Isabel. A competición comezará ás 09:30 horas e rematará ás 13:00 horas coa entrega de trofeos.

O torneo está destinado ás categorías Prebenxamín, Benxamín e Alevín de Fútbol 8. Este formato enfrontará a catro equipos en forma de semifinais, resultando gañador o vencedor na final. Os equipos participantes son Escola Deportiva Santiago, Villestro, Atlético Fátima, RC Celta de Vigo e unha selección dos nenos que participen no II Campus ETC, que organizamos do 26 ao 30 de xuño.

O obxectivo deste torneo, ademais de fomentar a práctica deportiva, é transmitir entre os máis pequenos e as súas familias unha serie de valores tales como o esforzo, o respecto, o traballo en equipo… Por iso ás 11:30 horas haberá un descanso no que se desenvolverá unha charla con Óscar Martínez, colexiado de 2ª División B, e Rocío Vázquez, psicóloga especializada no ámbito deportivo, que dará unha visión diferente do fútbol base.

En canto ás bases do torneo, será de tipo eliminatoria. Disputarase en partidos de 25 minutos aplicándose a clasificación á final ao vencedor de cada eliminatoria, e a disputa do terceiro posto entre os perdedores de ditas eliminatorias. Á finalización do partido se fose o resultado de empate, realizarase unha serie alternativa de tres penaltis por equipo, para poder determinar o gañador.

Programa

9:00h: Recepción dos equipos no Campo Municipal de Santa Isabel.

9:30-10:00h: ALEVÍN: Partido entre a E.D. Santiago “B´´ – Villestro (SM1 Campo 1) e Partido entre E.D.Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2)

10:00-10:30h: BENXAMÍN: Partido entre E.D. Santiago “B´´- R.C. Celta de Vigo (SM1 Campo 1) e Partido E.D. Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2)

10:30-11:00h: PREBENXAMÍN: Partido entre a E.D.Santiago “B´´ – Villestro (SM1 Campo 1) e Partido entre E.D.Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2.)

11:00-11:30h: Charla con Óscar Martínez e Rocío Vázquez.

11:30-12:00h: ALEVÍN: Partido 3º e 4º posto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no Campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

12:00-12:30h: BENXAMÍN: Partido 3º e 4º posto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

12:30-13:00h: PREBENXAMÍN: Partido 3º e 4º porto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no Campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

13:00h: Entrega de trofeos.

A Escola Deportiva Santiago organiza o II Torneo EDS Memorial Antonio Bermúdez

A Escola Deportiva Santiago organiza o próximo 2 de xullo o II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxea ao xornalista deportivo compostelán falecido recentemente.

O Torneo presentouse esta mañá nunha rolda de prensa no Hotel Los Abetos á que asistiu o fillo do coñecido locutor, Toño Bermúdez; o concelleiro de Deportes, Rafael Peña; o delegado de Santiago da Federación Galega de Fútbol, Manuel Castiñeiras; o coordinador da base do RC Celta de Vigo, Álex Otero; e o presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araújo.

Coa presencia do Celta de Vigo

A competición desenvolverase desde as 10:00 horas no campo de fútbol de Santa Isabel en dúas categorías masculinas. Na categoría benxamín participarán os equipos da Escola Deportiva Santiago, RC Celta de Vigo e Dubra FC. Na prebenxamín xogarán a Escola Deportiva Santiago, o Atlético Fátima e o Bertamiráns FC. A media mañá Óscar Martínez, colexiado de 2ª División B, ofrecerá unha charla para todos os nenos presentando as novidades regulamentarias para a nova tempada.

Paralelamente celebrarase no pavillón de Santa Isabel un torneo de fútbol sala feminino, que disputarán os equipos da Escola Deportiva Santiago, Rácing de San Lorenzo e SD Villestro. Durante os descansos ofreceranse dinámicas de coaching e psicoloxía no deporte.

Estes torneos servirán de colofón á segunda edición do Campus ETC (Ensino Técnico Competicional) organizado pola Escola Deportiva Santiago coa colaboración da Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, Grupo Germania, Gadis e a Unidad de Psicología y Coaching Deportivo Libredón. O Campus, no que participan un centenar de nenos e nenas, comezou hoxe en Santa Isabel e desenvolverase ata o próximo 1 de xullo.

Cartel  II Torneo

O R.C. Deportivo da Coruña e o Rácing de San Lorenzo gañan os torneos organizados pola Escola Deportiva Santiago

Esta mañá celebráronse no campo de fútbol e pavillón de Santa Isabel o I Torneo EDS – Belinox de Fútbol Internacional Benxamín e o I Torneo de Fútbol Sala Infantil feminino, organizados pola Escola Deportiva Santiago co apoio das empresas Belinox e Grupo Germania.

No primeiro participaron, mediante un sistema triangular, os equipos da Escola Deportiva Santiago, do R.C. Deportivo de A Coruña e da Escola Hernâni Gonçalves de Oporto, unha das escolas de fútbol máis importantes de Portugal. Os gañadores foron os coruñeses, mentres que os composteláns quedaron segundos e os portugueses, terceiros.

Entre partido e partido, os xogadores, así como pais e nais e demais público asistente, gozaron de diversas master class impartidas por un árbitro do Comité Galego de Árbitros, o corpo técnico do Dépor e o profesor Rui Pacheco da Escola Hernâni Gonçalves.

Paralelamente celebrouse no pavillón o torneo feminino, coa participación dos equipos da Escola Deportiva Santiago, UD Estrada FS e Rácing de San Lorenzo. O vencedor foi este último, seguido polas santiaguesas, segundas; e polas estradenses, terceiras.

Nos descansos o público asistiu a unhas dinámicas sobre a importancia da psicoloxía no deporte e ao obradoiro ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’, unha actividade organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar para ensinar aos máis pequenos a comer mellor.

Ademais dos trofeos e medallas a todos os equipos, tamén se entregaron premios aos máis goleadores, aos porteiros que menos goles encaixaron e aos equipos con mellor fair play (xogo limpo).

Galería de imaxes en Facebook. 

O equipo Chiguagua gañou o I Torneo de Fútbol Feminino 3×3

 
A Escola Deportiva Santiago, na que colaboran o Santiago de Compostela CF, o colexio La Salle e o centro xuvenil Don Bosco, organizou esta semana en Compostela o I Torneo de Fútbol Feminino 3×3. 

Trátase dunha variante do fútbol na que se enfrontan dous equipos tres xogadoras cada un nun terreo e porterías reducidas. O obxectivo é marcar na portería contraria e evitar que marquen na túa. Cada partido está dividido en dúas partes de 10 minutos (con 2 minutos de descanso). 

O Torneo, que se celebrou nas instalacións do colexio La Salle, estaba dirixido a nenas de entre 6 e 12 anos. Finalmente resultaron gañadoras Irea, Natalia, Isis y Sheila, compoñentes do equipo Chiguagua. 

A intención dos organizadores é animar aos clubes e aos colexios composteláns a continuar con esta competición no que resta de tempada, fomentando así a práctica deste deporte entre as nenas da cidade. 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR