santiago

now browsing by tag

 
 

Onde practicar deporte en Santiago?

Se vives en Santiago e es amante do deporte, debes coñecer as distintas instalacións onde facer exercicio físico. Temos pavillóns, campos de fútbol, pistas de atletismo, piscinas…

Na páxina web da concellería de Deportes, contan cun extenso listado das instalacións municipais. Podes consultalas premendo aquí. De cada unha delas, podes atopar fotografías e información sobre as súas características e ubicación. Son usadas polos diferentes clubes, colexios e entidades deportivas compostelás pero tamén se pode solicitar o seu uso individual. Como? Aquí tendes toda a información.

A USC (Universidade de Santiago de Compostela) conta tamén con numerosas instalacións, que empregan os estudantes pero tamén teñen espazo para a práctica libre. Nesta ligazón poderedes atopar un listado delas e como utilizalas.

Por último, non podemos esquecer que Santiago está cheo de parques onde correr ou pasear. Na web de Turismo de Santiago teñen información sobre todos eles. Ademais, tamén nos falan doutras opcións relacionadas co deporte e/ou a natureza, como sendeiros, zonas de pesca ou onde practicar golf.

 

Proxecto Iris contra a desigualdade no deporte base, porque #animarnonéberrar

Este xoves 17 de novembro celebrarase #Animarnonéberrar, unha cita na que se quere fomentar a igualdade no deporte de base e loitar contra o racismo e as discriminacións, cun sorriso na cara e de xeito divertido.

Para elo reuniranse no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago os distintos actores que conforman a realidade do deporte de base: deportistas, formadores, autoridades, profesores, alumnos …

Destacados deportistas explicarán a súa experiencia, ao tempo que a actriz Isabel Risco conducirá unha xornada que contará con dúas sesións, a primeira de 10:45 a 11.30 horas; e a segunda, de 11:35 a 12:20 horas.

Está confirmada a presenza da atleta Raquel Suárez Pedrosa; así como a de xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro e o seu speaker,Javier Masaguer.

#Animarnonéberrar enmárcase dentro do Proxecto IRIS, unha iniciativa financiada pola Unión Europea dentro do Programa Erasmus + que, a nivel español, está desenvolvido dende o Grupo de Investigación Stellae da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

O Proxecto IRIS, Recursos de aprendizaxe innovadores para fomentar a igualdade no deporte de base, afrontando incidentes de discriminación, racismo e violencia, conta tamén conta con entidades e universidades doutros países como Grecia, Finlandia, Hungría e Bulgaria.

As persoas interesadas, ben relacionadas coa formación deportiva e centros de ensino ou nais e pais que queiran acudir a algunha das sesións, aínda poden apuntarse, tras consultar coa organización no teléfono 981 569 196 ou no correo electrónico eventos@trevisani.es . A entrada é de balde.

Imos de andaina solidaria pola esclerose múltiple!

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M.), organiza a II Carreira e Andaina Solidarias pola Esclerose Múltiple, o domingo 29 de maio de 2016, na nosa cidade baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, a través da súa delegación en Santiago de Compostela. E na Escola Deportiva Santiago non pensamos perdela!

A saída e a meta da proba terán lugar no estanque da Residencia Universitaria (Avenida de Antonio Raimundo Ibáñez). O seu percorrido desenvolverase ó longo da Alameda e a Residencia. Poderán participar atletas federados e non federados; haberá unha clasificación conxunta. A cronometraxe e control da carreira estarán a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

CATEGORÍAS

Masculina e Feminina:

Pitufos: ano nacemento (2011-actualidade)

Escolares A: ano nacemento (2007-2010)

Escolares B: ano nacemento (2004-2006)

Escolares C: ano nacemento (2003 ata 16 anos)

Absoluta:

Sub 23: 17-23 anos

Senior: 24-34 anos

Veteranos 1: 35-44 anos

Veteranos 2: dende os 45 anos

ANDAINA: todas as idades

DISTANCIAS E HORARIOS

• Pitufos: 150 metros. Saída: 12:50

• Escolares A: 500 metros. Saída: 11:00

• Escolares B: 2,5 km. Saída: 11:15

• Escolares C: 5 km. Saída: 11:15

• Absoluta (Sub23-Senior-Veteranos 1 e 2): 5 km. Saída: 12:00

• ANDAINA: 2,5 km. Saída: despois da saída da carreira absoluta

O custo da inscrición é de 5 euros. A partir do terceiro membro da unidade familiar inscrito, será gratuíto. Para obter esta bonificación, deberase notificar a inscrición á ACEM no mail acemcarreirasolidaria@gmail.com (indicando, no seu caso, se participa na Carreira ou na Andaina). A inscrición será efectiva dende o momento en que se faga o ingreso da cuota, que poderá realizarse nas formas seguintes:

• Na Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, sita na rúa Queixume dos Pinos nº 4 (Salgueiriños) en Santiago de Compostela, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Na Federación Galega de Atletismo, a través da súa páxina web: http://www.carreirasgalegas.com

• Nas contas bancarias de “la Caixa”: ES85 2100 2186 9902 0038; ou de “Abanca” ES68 2080 0319 6330 4001 9077 (sen cargos en calquera sucursal ou caixeiros das entidades). Será preciso enviar e-mail cos datos do(s) participante(s), indicados no artigo 9 deste regulamento, a: acemcarreirasolidaria@gmail.com especificando idade, Carreira, Andaina ou Dorsal 0.

No caso do Dorsal 0, debe indicarse no concepto do ingreso e notificalo ao email acemcarreirasolidaria@gmail.com ou chamar ós teléfonos 981 57 52 40 ou 620 53 34 71.

O prazo de inscrición comeza o día 2 de maio, e rematará o mércores 25 de maio. Non se aceptarán inscricións por teléfono nin inscricións fóra dos prazos indicados.

Compostela celebra este xoves o Día Mundial da Creatividade e a Innovación

Este xoves, 21 de abril, celébrase o Día Mundial da Creatividade e a Innovación, unha data promovida en Canadá pola publicitaria, Marci Segal, para conmemorar o nacemento de Leonardo Da Vinci.

En varias ocasións, falámosvos neste Blog sobre o importante que é fomentar estas dúas cualidades entre os nenos e nenas (podedes ler máis aquí e aquí) para mellorar a súa educación. Por iso non podemos deixar de recomendarvos un acto que organiza a Fundación Privada para la Creativación na Cidade da Cultura de Galicia.

O evento terá lugar o mesmo xoves de 18:00 a 19:30 horas. Nel varios expertos analizarán as ferramentas para desenvolver o pensamento creativo dos pequechos para que poidan enfrentarse aos retos da sociedade do futuro. Os relatorios, que estarán presentados pola delegada da Fundación Creativación en Galicia, Elba Pedrosa, serán os seguintes:

  • “La mejor versión de tu creatividad está en tu cerebro”, relatorio do Catedrático de Neurociencia da USC, Carlos Acuña.
  • “Creativación: una revolución en la educación”, relatorio do Director da Fundación Creativación, Miquel Ángel Oliva.
  • Peche do acto: intervención do Subdirector de Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Vila.

A entrada é libre ata completar aforo, pero desde a organización piden a confirmación da asistencia escribindo a elba@fundacioncreativacion.org ou a través do evento de Facebook que atoparedes premendo nesta ligazón.

E alá vai outra edición do Campus Polideportivo de Semana Santa!

Hoxe rematou o Campus Polideportivo de Semana Santa 2016. Foron tres días estupendos, nos que luciu o sol, e nos que os máis de medio cento de rapaces e rapazas participantes gozaron do deporte en boa compaña.

Os pequechos, de entre 4 e 12 anos de idade, practicaron fútbol, fútbol sala, baloncesto, bádminton, xadrez… así como outros deportes alternativos e exercicios para mellorar a atención. As actividades desenvolvéronse no campo de fútbol de Belvís e no pavillón do colexio Compañía de María de 10:00 a 14:00 horas.

998483_953929614660169_4782313000767078184_n

Este Campus, organizado pola Escola Deportiva Santiago, foi posible gracias á colaboración da Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, o colexio Compañía de María e Gadis. Moitísimas gracias a todos eles! E tamén, moitas gracias a todos os nenos e nenas polo ben que se portaron e aos seus pais e nais por confiar en nós unha vez máis! Un saúdo agarimoso tamén para os monitores que, coma sempre, souberon coidar moi ben aos rapaces e ensinarlles moitos valores e novas técnicas a través do deporte.

Na nosa páxina de Facebook podedes ver máis fotos.

Inscribe aos teus nenos e nenas no Campus Polideportivo de Semana Santa 2016

Xa temos todo listo para unha nova edición do Campus Polideportivo de Semana Santa! Tres días nos que nenos e nenas – de entre 4 e 12 anos de idade – poderán pasalo ben, facer novos amigos e practicar deportes como fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo, deportes alternativos… e exercicios para mellorar a atención.

O Campus desenvolverase os días 21, 22, e 23 de marzo no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Os prezos por participar son:

  • 10 euros por día/neno (8 euros para segundos irmáns e familias numerosas)
  • 25 euros polo Campus Completo (20 euros para segundos irmáns e familias numerosas)

Neste campus, organizado pola Escola Deportiva Santiago, colaboran a Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, o colexio Compañía de María e Gadis.

A continuación, podes cubrir o formulario online para reservar praza!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR