Rois

now browsing by tag

 
 

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, clausurou a primeira quenda do Campus de Tecnificación en fútbol nesta localidade

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, clausurou esta mañá a primeira quenda do Campus de Tecnificación en Fútbol que organiza nesta localidade a Escola Deportiva Santiago en colaboración co Concello e o CD Rois. Durante cinco días nenos e nenas de entre 4 e 14 anos de idade puideron mellorar os fundamentos técnicos e tácticos deste deporte, nun ambiente de aprendizaxe a través do xogo, a convivencia e a diversión. 

O próximo luns, 15 de xullo, comezará a segunda e última quenda deste campus en Rois. Anteriormente, xa se celebrou en Santiago e do 29 de xullo ao 2 de agosto terá lugar en Cambados (neste caso, con posibilidade de pensión completa). Os interesados en inscribirse todavía poden facelo escribindo ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com ou chamando ao teléfono 697 408 573 (Máis info aquí). 

Nestes campus os pequenos traballan movementos como regates, tiros a porta, xogo de cabeza ou técnicas específicas para porteiros, así como métodos ofensivos, defensivos e transicións. Todos eles con adestradores titulados a nivel nacional e rexional e licenciados en Educación Física e Psicoloxía. Ademais, os rapaces tamén poden practicar o seu inglés, tendo algunhas das clases neste idioma. Patrocinan a iniciativa Tiendas Activa, Coca Cola e Feiraco.
 
Se queres ver máis fotografías deste Campus, podes visitar a nosa páxina do Facebook premendo neste enlace. E non esquezas premer no ‘Me gusta’ para seguirnos tamén a través desta rede social!
 
 

Víctor Santos recibiu o Premio Connecta ao Mellor Adestrador do fútbol base compostelán patrocinado por Activa Galicia


O adestrador dos xuvenís do Santiago de Compostela CF, Víctor Santos, recibiu onte, xoves 4 de xullo, o Premio Connecta ao Mellor Adestrador do fútbol base compostelán, patrocinado pola empresa Activa Galicia. Foi nun acto que tivo lugar no estadio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que hoxe remata a segunda quenda do Campus de Tecnificación en Fútbol que organiza a Escola Deportiva Santiago. Fíxolle entrega do premio o presidente da entidade, Santiago Araújo.
Santos  é o padriño desta edición do Campus xunto co xogador do Dépor B Pablo Insua, que a semana pasada recolleu o Premio Activa á Mellor Promesa do fútbol compostelán acompañado polo adestrador do DeportivoFernando Vázquez.  Esta é a primeira edición destes premios creados pola Escola Deportiva Santiago. Con eles preténdese poñer en valor o traballo que están a realizar os clubes de fútbol de Compostela e a súa comarca.
A semana que vén, en Rois
A Escola Deportiva Santiago organiza este verán un Campus de Tecnificación en Fútbol dividido en cinco quendas. A primeira celebrouse a semana pasada no campo de Santa Isabel e a segunda remata hoxe no estadio da USC, en Santiago. A semana que vén será o turno de Rois, onde nenos de 4 a 14 anos de idade poderán mellorar os fundamentos técnicos e tácticos deste deporte ao mesmo tempo que se divirten. Este concello  será o escenario da terceira  quenda – do 8 ao 12 de xullo – e da cuarta – do 15 ao 19 de xullo. A quinta será en Cambados – do 29 de xullo ao 2 de agosto –, desta vez con posibilidade de pensión completa. Aqueles que queiran inscribirse para participar nas quendas de Rois e Cambados todavía poden faceloescribindo ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.comou chamando ao teléfono 697 408 573.  Podes atopar toda a información sobre actividades, prezos e a folla de inscrición premendo neste enlace.
Se queres ver máis fotografías destas primeiras quendas do Campus, podes visitar a nosa páxina do Facebook premendo neste enlace. E non esquezas premer no ‘Me gusta’ para seguirnos tamén a través desta rede social!
 

Diversión e aprendizaxe na primeira quenda do Campus de Tecnificación en Fútbol 2013

Onte comezou no estadio de Santa Isabel a primeira quenda dos Campus de Tecnificación en Fútbol que organiza a Escola Deportiva Santiago este verán, co patrocinio de Tiendas Activa, Coca Cola e Feiraco e a colaboración dos concellos de Santiago, Rois e Cambados.
 
Medio centenar de nenos de entre 4 e 14 anos de idade participarán durante cinco días, ata o próximo sábado 29 de xuño, nesta actividade onde, ademais de divertirse, poderán mellorar os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol.
 
Os pequenos están a traballar movementos como regates, tiros a porta, xogo de cabeza ou técnicas específicas para porteiros, así como métodos ofensivos, defensivos e transicións. Todos eles con adestradores titulados a nivel nacional e rexional e licenciados en Educación Física e Psicoloxía. Ademais, os rapaces tamén poden practicar o seu inglés, tendo algunhas das clases neste idioma. 
 
Se queres ver máis fotografías, podes visitar a nosa páxina do Facebook premendo neste enlace. E non esquezas premer no ‘Me gusta’ para seguirnos tamén a través desta rede social!
 
 
A segunda quenda, no estadio da USC
Estes campus de verán desenvolveranse nos concellos de Santiago, Rois e Cambados, en cinco quendas diferentes. Compostela acolle a primeira – do 25 ao 29 de xuño en Santa Isabel- e a segunda delas – do 1 ao 5 de xullo no estadio da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Rois será o escenario da terceira  quenda – do 8 ao 12 de xullo – e da cuarta – do 15 ao 19 de xullo. Ademais, por primeira  vez desde que a Escola organiza estas actividades, ofertarase a posibilidade de asistir a un dos campus con pensión completa. Será en Cambados do 29 de xullo ao 2 de agosto.
 
 
O prazo de inscrición para a 2ª, 3ª, 4ª e 5ª quenda continúa aberto. Os interesados deberán dirixirse ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.comou chamar ao teléfono 697 408 573. Pódese descargar a folla de inscrición neste enlace.
Ler máis:
OS CAMPUS DE TECNIFICACIÓN EN  FÚTBOL DESTE VERÁN CONTARÁN CON PABLO INSUA E VÍCTOR SANTOS COMO PADRIÑOS
NOVOS CAMPUS DE TECNIFICACIÓN EN FÚTBOL EN SANTIAGO, ROIS E CAMBADOS ESTE VERÁN

Os campus de tecnificación en fútbol deste verán contarán con Pablo Insua e Víctor Santos como padriños

O centro comercial Área Central acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación dos Campus de Tecnificaciónen Fútbol que organiza a Escola Deportiva Santiago este verán. Ao acto asistiron o presidente da entidade, Santiago Araújo; o delegado da Federación Galega de Fútbol en Santiago, Enrique Fernández Otero; o xerente do complexo comercial, Juan Carlos Losada; o xerente de Activa Galicia, Andrés Pérez, patrocinador desta iniciativa xunto con Feiraco e Coca Cola; e o xogador Pablo Insua e o adestrador Víctor Santos, padriños desta edición.
Despois de agradecer a colaboración de todos eles, Santiago Araújo afirmou que este proxecto pode ser “un antes e un despois” na organización deste tipo de campus. “Na Escola levamos xa máis de dez edicións facendo campus polideportivos onde o obxectivo é axudar ás familias a conciliar a vida laboral e familiar cando os fillos están de vacacións. O ano pasado quixemos dar un paso máis buscando non só a diversión senón tamén a aprendizaxe dos nenos e nenas. Así, fixemos o primeiro dos campus de tecnificación en Rois. O resultado foi excelente e este ano decidimos ampliar a oferta facéndoo tamén en Santiago e Cambados”, sinalou.
En canto á metodoloxía de traballo, Araújo explicou que terá unha parte táctica – incidindo en fundamentos defensivos e ofensivos a través do xogo – e outra psicolóxica “fomentando comportamentos e actitudes que fagan que o adestramento cree sensacións positivas nos mozos e mozas. Queremos que sexan nenos felices e que desfruten”.
Inglés e traballo específico para porteiros
Santiago tamén destacou a calidade do profesorado, entre os que se atopan adestradores titulados a nivel nacional e rexional e licenciados en Educación Física e Psicoloxía. El mesmo, xunto con Xosé Manuel Lobato, encargarase da coordinación e haberá tamén espazo para o traballo específico de porteiros xunto cun dos maiores especialistas galegos neste eido, Juan Abalo. “Xa o ano pasado tivemos o luxo de contar con el e nesta ocasión repite acompañado polo seu discípulo Óscar Vilariño”, apuntou.
Araújo fixo ademais fincapé nos prezos asequibles “para que ningún neno poida quedar sen asistir” e nas actividades complementarias ao fútbol que tamén están programadas como o inglés a través do deporte.
Un momento da rolda de prensa.
Dous premiados
Outra das novidades desta edición é a creación duns premios, coa colaboración de Activa Galicia, cos que se pretende “poñer en valor o traballo que están a realizar os clubes da cidade e de toda a comarca”. Nace así o Premio Activa  á Mellor Promesa do Fútbol compostelán e o Premio Connecta ao Mellor Adestrador de Fútbol Base compostelán. “A nosa idea para vindeiras edicións é crear un comité técnico, formado por xornalistas e adestradores, para seleccionar aos candidatos e que despois o público elixa aos premiados a través de Internet”, explicou Santiago Araújo. “Nesta edición, e atendendo aos valores de esforzo, traballo en equipo e ambición que promove a Escola, a organización decidiu que os gañadores tiñan que ser Pablo Insua e Víctor Santos”, engadiu. Ambos estarán presentes nos Campus, onde recollerán os seus agasallos.
“Este reconocimiento es un orgullo. Es una iniciativa muy bonita para la cantera y una motivación muy grande para todos nosotros”, asegurou Pablo Insua, xogador do Deportivo B e campión de Europa coa selección española sub -19.
Víctor Santos, adestrador do equipo xuvenil do Santiago de Compostela CF, tamén agradeceu este premio. “Todo isto dá ganas de seguir aprendendo e mellorando para seguir nesto que tanto nos gusta”, opinou.
A continuación falou Andrés Pérez, xerente de Activa Galicia, para quen é “un placer” colaborar coa Escola Deportiva Santiago e os seus campus. “Estaremos siempre cerca del deporte y, sobre todo, del compostelano, que es donde tenemos nuestra sede”, afirmou.
Por último, o delegado da Federación Galega de Fútbol en Santiago, Enrique Fernández Otero, destacou o traballo da Escola poñendo en marcha estes campus porque “canta máis formación hai no deporte, mellor nos vai a todos”.
Traxectorias de Pablo Ínsua e Víctor Santos
Pablo Insua, Premio Activa á Mellor Promesa do fútbol compostelán, naceu en Pontevedra no ano 1993. Os primeiros pasos como futbolista deunos na Escola Deportiva Arzúa. Logo continuou coa súa formación en Santiago, no equipo alevín do Rosalía de Castro.  Xa como infantil fichou polo R.C. Deportivo da Coruña, clube no que continúa a día de hoxe. Forma parte do Deportivo B, co que está a disputar a fase de ascenso a 2ªB. Ademais, esta tempada xogou catro partidos en Primeira División, tres en liga e un na Copa do Rei. Formou parte da selección galega sub 12, sub 16 e sub 18 e da selección española sub 19 e sub 20, coa que se proclamou campión de Europa sub 19.
Víctor Santos, Premio Connecta ao Mellor Adestrador do fútbol base compostelán, naceu en Xuño (Porto do Son) no ano 1971. Comezou como adestrador no CD Conxo, onde traballou en tódalas categorías desde alevíns ata xuvenís.  Durante dous anos foi seleccionador de Santiago na categoría de Sub-15 e durante outros dous exerceu como axudante na selección galega sub -14 con Manolo Corredoira. Actualmente leva tres anos no Santiago de Compostela CF na categoría xuvenil, logrando levar ao equipo á División de Honra. Neste club tamén adestrou durante unha tempada ao principal equipo na Rexional Preferente Norte. 
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE OS CAMPUS E FOLLA DE INSCRICIÓN AQUÍ
 
DESCOBRE CÓMO GAÑAR UNHA INSCRICIÓN GRATUÍTA AQUÍ

Os primeiros gañadores da campaña ‘Que Escola Deportiva Santiago queres?’ recolleron os seus premios

A campaña ‘Que Escola DeportivaSantiago queres?’ continúa adiante despois de coñecer aos dous primeiros gañadores dos sorteos de regalos: Daniel Cutrín e Miguel Sixto. Daniel gañou unha inscrición gratuíta para unha das quendas dos Campus de Tecnificación en Fútbol deste verán que foi recollida pola súa nai, Ángeles Piñeiro, e o seu irmán Andrés, de mans do presidente da Escola, Santiago Araújo. Pola súa banda, Miguel recibiu un MP4 acompañado pola súa nai, María José Fuentes.
 
Con esta campaña, a Escola Deportiva Santiago pretende dar a coñecer os valores que trata de transmitir a través dunha formación deportiva diferenciada, tales como a entrega, a diversión, a aprendizaxe tanto das victorias como das derrotas, a unión dos xogadores, a intelixencia, etc. En definitiva, trátase de que os nenos e nenas melloren como deportistas pero tamén como persoas.
Miguel gañou un MP4.
Andrés recolleu o premio do seu irmán.
Pais e nais poden votar a través da páxina do Facebook  entre diferentes ideas – positivas e negativas – para escoller aquelas que consideren máis axeitadas para a formación deportiva dos seus fillos. Fanno premendo no ‘Me gusta’ das fotografías coas ideas que máis lles gustan. Entre todos os participantes sortearanse inscricións gratuítas a unha das quendas dos Campus de Tecnificación en Fútbol que terán lugar en Santiago e Rois este verán (sen incluír as comidas), así como un MP4 e dous MP3.
O primeiro sorteo realizouse o pasado 16 de maio. O próximo venres, día 31, realizarase o segundo e 14 de xuño, o terceiro e último. Só poden participar maiores de idade que sexan seguidores da Escola Deportiva Santiago na súa páxina de Facebook.
Campus de Tecnificación en Fútbol
A Escola Deportiva Santiago organiza de novo este verán un Campus de Tecnificación en Fútbol. Dirixido  a xóvenes futbolistas de entre 4 e 14 anos de idade que desexen mellorar os fundamentos técnicos-tácticos deste deporte, haberá, ademais, actividades complementarias como inglés a través do xogo ou iniciación ao golf. Existen cinco quendas diferentes. Santiago acollerá a primeira – do 25 ao 29 de xuño – e a segunda delas – do 1 ao 5 de xullo. Rois será o escenario da terceira – do 8 ao 12 de xullo – e da cuarta – do 15 ao 19 de xullo. Pechará a oferta deportiva Cambados co único campus que terá a posibilidade de pensión completa. Será do 29 de xullo ao 2 de agosto. Podes atopar máis información sobre o programa, prezos e descontos de todos estes Campus premendo neste enlace.

O prazo de inscrición xa está aberto. Os interesados deben escribir ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com ou chamar ao teléfono 697 408 573.

Participa na campaña ‘Que Escola Deportiva Santiago queres?’ e entra no sorteo de regalos e prazas gratuítas para os campus de verán

Queres un club que se preocupe tan só por seleccionar aos mellores xogadores para ser campións custe o que custe? Ou prefires que busque acadar os mellores resultados a través do esforzo e o traballo en equipo? Desde o seu nacemento a Escola Deportiva Santiago aposta por unha formación deportiva diferenciada, impulsando valores como a entrega, a diversión, a apredizaxe tanto das victorias como das derrotas, a unión dos xogadores, a intelixencia, etc. En definitiva, trátase de que os nenos e nenas melloren como deportistas pero tamén como persoas.
Co fin de que as familias sexan coñecedoras destes valores e poidan aportar as súas opinións, ponse agora en marcha a campaña ‘Que Escola Deportiva Santiago queres?’. Pais e nais tendes agora a oportunidade de votar a través da páxina do Facebook (www.facebook.com/escoladeportivasantiago) entre diferentes ideas – positivas e negativas – para escoller aquelas que consideredes máis axeitadas para a formación deportiva dos vosos fillos. Podedes facelo premendo no ‘Me gusta’ das fotografías coas ideas que máis vos gusten. Así, teredes que elexir, por exemplo, entre que os nenos traballen só para chegar a ser grandes estrelas do fútbol ou que cos adestramentos adquiran os habitos para ser cada día mellores xogadores e persoas.
Sorteos
Entre todos os participantes nesta campaña sortearanse tres inscricións gratuítas a unha das quendas dos Campus deTecnificación en Fútbol que terán lugar en Santiago e Rois este verán, (sen incluír a comida) así como varios MP4 e MP3.
Realizaranse tres sorteos durante o tempo que dure a campaña (do 2 de maio ao 14 de xuño). Serán nos días 16 de maio, 31 de maio e 14 de xuño. Só poderán participar maiores de idade que sexan seguidores da Escola Deportiva Santiago na súa páxina de Facebook.
 
BASES DO SORTEO
Os participantes votarán entre os valores que queren que a Escola Deportiva Santiago aplique na formación deportiva dos seus fillos. Faranno dándolle ao ‘Me gusta’ nas fotografías con diferentes ideas que estarán colgadas na páxina de Facebook www.facebook.com/escoladeportivasantiago. Poderán votar por unha ou varias ideas.
Duración da Campaña: Do 2 de maio de 2013 ao 14 de xuño de 2013
Requisitos para participar:
  • Ser maior de idade
  • Ser seguidor da Escola Deportiva Santiago na páxina de Facebook www.facebook.com/escoladeportivasantiago 
Premios:
Entre todos os participantes, faranse tres sorteos durante o tempo que dure a campaña. As datas dos sorteos son:
  • 16 de maio
  •  31 de maio
  • 14 de xuño
En cada sorteo haberá dous gañadores. Un recibirá 1 inscrición gratuíta a unha das quendas do Campus de Tecnificación en Fútbol 2013 que se celebrará nas localidades de Santiago de Compostela ou Rois (sen incluír a comida) e outro levará un MP4 ou MP3.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR