premios

now browsing by tag

 
 

Seis momentos do 2016 que nos ensinan moito sobre os valores do deporte

Unha vez máis queremos falarvos dos valores no deporte. Facémolo desta vez compartindo convosco os seis momentos deportivos do ano 2016 nomeados aos Premios Laureus. Podedes velos e votar por eles premendo aquí.

Os Laureus World Sports Awards rinden homenaxe aos grandes homes e mulleres deportistas en diferentes categorías. Este ano, ademais, entregarán este premio ao momento deportivo do ano escollido a través dunha enquisa mundial online. Estes momentos miran máis aló dos resultados, simbolizando os verdadeiros valores do deporte. Os seis candidatos son:

XOGO LIMPO – 5 de xaneiro:

Na Copa Hopman de Perth, Australia, o xogador de tenis estadounidense Jack Sock, gañando 5:4 e 0-30, aconsella ao seu oponente australiano Lleyton Hewitt que faga ‘challenge’ e desafíe a decisión dun árbitro. Hewitt pediu unha revisión e a xogada deuse por boa. Hewitt gañou o partido 7-5, 6-4.

MÁXICO – 5 de xullo:

“HUH”. O equipo nacional de futbol islandés é recibido por unha gran multitude en Reykjavik, capital do país, cando regresan da Eurocopa 2016, onde lograron chegar a cuartos de final.

CONMOVEDOR – 10 de xullo:

Un neno portugués consola a un home francés despois de que Francia perdera a final da Eurocopa 2016 en París contra Portugal.

DEPORTIVIDADE – 16 de agosto:

Nikki Hamblin e Abbey D’Agostino demostran o que é o “espírito olímpico” na carreira de calificación para os 5.000 metros.

EXTRAORDINARIO – 31 de agosto:

O equipo de menos de 12 anos do Barcelona consola as seus rivais xaponeses tras vencerles por 1-0 na final del Junior Soccer World Challenge.

DRAMA – 19 de setembro:

O británico Jonny Brownlee, agotado, necesitou ser axudado casi na meta polo seu irmán Alistair na Series do Triathlon Mundial en Cozumel, México.

Primeiros gañadores dos PIMCE (Premios Imos Medrando Con Esforzo)

Como xa vos anunciamos fai uns días, a Escola Deportiva Santiago creou este ano os PIMCE (Premios Imos Medrando Con Esforzo) cos que se pretende fomentar os hábitos de vida saudables e a cultura do esforzo entre os nenos e nenas que xogan nos nosos equipios.

Os PIMCE divídense en tres categorías: creatividade, asistencia e aseo persoal. A semana pasada entregáronse os premios aos cativos que máis asistiron e máis coidaron o seu aseo persoal en cada adestramento ou partido. No equipo feminino as gañadoras foron: Trini, Andrea e Antía Gómez. No equipo de prebenxamíns gañaron Lucas, Rodrigo, Alfonso e Lucas. E no de benxamíns: Izan, Rodri, Pedro e Miguel. Noraboa a todos eles!

Como agasallo, recibiron material deportivo e unha bolsa para acudir de maneira gratuíta ao Campus Polideportivo de Nadal que se está a celebrar estes días no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de Fútbol de Belvís.

Os premios á creatividade, a través do cal se escollerá a mascota da Escola, entregaranse máis adiante. Mentras tanto, podedes consultar as propostas que temos ata o de agora premendo neste enlace.

A Escola Deportiva Santiago entregará os premios PIMCE

A Escola Deportiva Santiago vén de convocar a I edición dos PIMCE (Premios Imos Medrando Con Esforzo) cos que se valorará a asistencia e o aseo persoal despois de cada adestramento e partido dos nenos e nenas que forman parte do club.

Así, os PIMCE nacen co obxectivo de fomentar os hábitos de vida saudables e a cultura do esforzo entre os cativos e cativas. Ademais, tamén se premiará a súa creatividade, escollendo a mascota do club entre todos os debuxos feitos polos pequenos. Antes de que remate o ano elixiranse tres finalistas entre todas as propostas recibidas, aos que se lles sumarán outros tres en xuño do 2015, cando remate a tempada. Será entón cando a Escola estree mascota.

O próximo 18 de decembro daranse a coñecer os gañadores dos PIMCE das seguintes categorías:

  • Creatividade: Un xurado composto por monitores do club e pais e nais escollerá un debuxo finalista por cada un dos equipos cos que conta a Escola (Benxamín, Prebenxamín e Feminino).
  • Asistencia: Un xurado composto por monitores do club escollerá ao neno/a de cada un dos seus equipos (Benxamín, Prebenxamín e Feminino) que máis asistiran aos adestramentos e partidos da Escola.
  • Aseo persoal: Un xurado composto por monitores da Escola escollerá ao neno/a de cada un dos seus equipos (Benxamín, Prebenxamín e Feminino) que máis coidaran os seu aseo persoal despois de cada adestramento ou partido.

Os 9 gañadores recibirán como agasallos material deportivo e unha bolsa para asistir de maneira gratuíta ao Campus Polideportivo de Nadal que se celebrará os días 22, 23, 24, 29, 30 e 31 de decembro no campo de fútbol de Belvís e no pavillón do Compañía de María, en colaboración con este colexio, o Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña, e as entidades privadas Activa Galicia, Gadis, Feiraco e Coca Cola.

LER MÁIS:

Buscamos a mascota da Escola Deportiva Santiago

Xa podes inscribir aos teus fillos no Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago 

Sheila Fernández e Nuria Rábano recolleron os seus Premios Expert como mellores xogadoras compostelás

As xogadoras de fútbol Sheila Fernández, porteira de El Olivo, e Nuria Rábano, cadete do Milladoiro SD, recolleron hoxe os Premios Expert que as catalogan como a futbolista máis destacada e a que ten maior proxección da comarca compostelá, respectivamente.

As rapazas recibiron os seus agasallos da man de David López, xerente da plataforma Expert, empresa patrocinadora destes Premios. Ao acto, que se celebrou no estadio de Santa Isabel, tamén acudiu o presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araújo.

Premios Expert 2014

Nuria e Sheila (no centro) con algúns dos nenos e os monitores que están a participar nos Campus de Tecnificación en Fútbol e Baloncesto

As gañadoras exerceron de madriñas dos Campus de Tecnificación en Fútbol e Baloncesto que se están a celebrar desde o pasado luns en Santa Isabel, organizados pola Escola Deportiva Santiago en colaboración coa Deputación de A Coruña, o concello de Santiago e as entidades privadas Expert, Area Central, Gadisa, Coca Cola e Feiraco. Sheila e Nuria responderon ás preguntas dos nenos e nenas e aproveitaron para darlles algúns consellos sobre o terreo de xogo.

Premios Expert 2014

David López entregando o agasallo a Sheila.

Premios Expert 2014

Nuria recollendo o seu premio.

Nesta edición tamén resultou gañador o xogador do Eibar, Jota Peleteiro, Premio Expert ao futbolista máis destacado da comarca compostelá 2013-2014 en categoría masculina, aínda que non puido asistir a este acto. A  categoría de mellor adestrador/a da base quedou deserta.

Un comité de expertos, formado por membros da Federación Galega de Fútbol, da Escola Deportiva Santiago e xornalistas deportivos, foi o encargado de escoller a estes gañadores. Con estes premios, de carácter anual, preténdese poñer en valor o traballo que están a realizar os clubes da delegación santiaguesa da Federación Galega de Fútbol, xa que só poden optar a eles aqueles xogadores que se formaron ou se están a formar nestas entidades. Na pasada edición os gañadores foron o xogador do Deportivo Pablo Insua e o adestrador de fútbol base Víctor Santos.

A Escola Deportiva Santiago presentou aos gañadores dos Premios Expert e padriños dos seus Campus de Tecnificación

A Escola Deportiva Santiago presentou hoxe nunha rolda de prensa en Area Central aos padriños dos Campus de Tecnificación en Fútbol e Baloncesto que organiza este verán en colaboración coa Deputación de A Coruña, os concellos de Santiago e Rois e as entidades privadas Expert, Area Central, Gadisa, Coca Cola e Feiraco.

Neste acto estiveron presentes o presidente e o secretario da Escola, Santiago Araújo e Xosé Manuel Lobato, respectivamente; o delegado de Santiago da Federación Galega de Fútbol, Enrique Fernández; e o xornalista Antonio Bermúdez. Todos eles formaron parte do xurado que escolleu aos gañadores da segunda edición dos premios que outorga anualmente esta entidade. Neste comité participaron ademais os xornalistas José Luis Iglesias (El Correo Gallego), Alberto González (Radiovoz) e Javier Iglesias (Radio Obradoiro). Na rolda de prensa tamén interviu o xerente da plataforma Expert, David López, empresa patrocinadora destes galardóns, quen destacou o apoio ao fútbol base que fan desde a súa compañía.

Santiago Araújo asegurou que con estes premios a Escola pretende “recoñecer o labor que fan os clubs da Federación de Fútbol de Santiago e que, ás veces, non están suficientemente representados”. Outro dos membros do xurado, o xornalista Antonio Bermúdez, explicou que para escoller aos gañadores valoraron “a proxección, o mérito deportivo, o esforzo e o traballo”.

mesa_rp_22

A rolda de prensa celebrouse no centro comercial Area Central.

Nesta ocasión, os vencedores resultaron ser o xogador do Eibar Jota Peleteiro, Premio Expert ao futbolista máis destacado da comarca compostelá 2013-14, en categoría masculina; a porteira do El Olivo Sheila Fernández, en categoría feminina; e a cadete do Milladoiro SD Nuria Rábano, Premio Expert ao futbolista con maior proxección da comarca compostelá. A  categoría de mellor adestrador/a da base quedou deserta.

Aínda que estaba prevista a presenza dos tres nesta rolda de prensa, un asunto familiar de última hora impediulle acudir a Jota Peleteiro. Si que o fixeron as dúas rapazas, ambas moi orgullosas de recibir este premio. “Quero agradecerllo ao xurado, á miña familia e amigos que sempre estiveron alí; e ao meu equipo pola súa confianza”, sinalou Sheila.

Os galardoados asistirán a unha das quendas dos Campus de Tecnificación para dar consellos aos participantes e recollerán alí os seus premios donados por Expert. “Acudirei con moita alegría para que os nenos o pasen ben e saiban un pouco máis do que fumos pasando nós todos estes anos no mundo do fútbol”, comentou Nuria.

Arrancan os Campus de Tecnificación en Fútbol e Baloncesto

O pavillón e o estadio de Santa Isabel acollerán desde este luns, 23 de xuño, a primeira quenda dos Campus de Tecnificación en Fútbol que organiza a Escola Deportiva Santiago este verán. Ademais, e como novidade desta edición, celebrarase simultáneamente un Campus de Tecnificación en Baloncesto impartido polos monitores do Compañía de María.

Dirixidos a xóvenes futbolistas e baloncestistas de entre 4 e 14 anos de idade, preténdese ofrecer unha alternativa pioneira e diferenciada dentro da formación deportiva que hai nos clubes. Así, os participantes levarán a cabo un traballo metódico e pormenorizado daqueles fundamentos técnicos e tácticos (recibir, pasar, tirar, desprazamentos, transcións, etc.) que non dominen ou que teñan necesidade de repetir.

Esta primeira quenda celebrarase os días 23, 25, 26, 27 e 28 de xuño (non haberá Campus o martes 24 por ser festivo). A seguinte semana, do 30 de xuño ao 4 de xullo, celebrarase a segunda quenda, pero só de fútbol. Neste caso, todavía quedan algunhas prazas libres. Os pais dispoñen de diferentes prezos e descontos para poder anotar aos seus fillos/as e que poden consultar premendo neste enlace. Para calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 697 408 573 ou escribir ao correo escolasantiagocf@gmail.com

Jota Peleteiro, Sheila Fernández e Nuria Rábano gañan os Premios Expert aos futbolistas composteláns máis destacados

A Escola Deportiva Santiago xa ten aos gañadores da segunda edición dos seus premios. Trátase duns galardóns patrocinados por Expert e cos que se pretende poñer en valor o traballo que están a realizar os clubes da delegación santiaguesa da Federación Galega de Fútbol.

Nesta ocasión, os gañadores resultaron ser o xogador do Eibar, Jota Peleteiro, e a porteira do El Olivo, Sheila Fernández. Ambos recibirán o Premio Expert ao futbolista máis destacado da comarca compostelá 2013-14, en categoría masculina e feminina respectivamente. Tamén resultou premiada a cadete do Milladoiro SD Nuria Rábano, Premio Expert ao futbolista con maior proxección da comarca compostelá. A  categoría de mellor adestrador/a da base quedou deserta.

Os tres premiados amosáronse moi “orgullosos” por este recoñecemento. “Estou moi contento de que me elexiran porque cando te premian quere dicir que estás a facer algo ben”, comentou Jota Peleteiro. “Para min supón moito. Non o esperaba!”, destacou Sheila.

Os galardoados serán ademais os padriños dos Campus de Tecnificación en Fútbol e Baloncesto que organiza a Escola Deportiva Santiago este verán, asistirán a unha das quendas para dar consellos aos participantes e recollerán alí os seus premios donados por Expert (máis información sobre o Campus premendo aquí).

Xurado
Un comité de expertos, formado por membros da Federación Galega de Fútbol, da Escola Deportiva Santiago e xornalistas deportivos, é o encargado de escoller cada ano aos gañadores destes premios. Nesta edición este comité estivo formado por Santiago Araújo, presidente da Escola Depotiva Santiago; Xosé Manuel Lobato, secretario da Escola Deportiva Santiago; Enrique Fernández, delegado da Federación Galega de Fútbol en Santiago; e os xornalistas Antonio Bermúdez, José Luis Iglesias (El Correo Gallego), Alberto González (Radiovoz) e Javier Iglesias (Radio Obradoiro).

Na pasada edición os gañadores foron o xogador do Depor Pablo Insua e o adestrador de fútbol base Víctor Santos.

Traxectorias dos gañadores

JOTA PELETEIRO

Premio Expert ao futbolista máis destacado da comarca compostelá 2013/14

Jota Peleteiro (A Pobra do Caramiñal, 1991) iníciase no fútbol na canteira do Xuventude Aguiño, ata que con 14 anos empeza a xogar no Real Club Celta de Vigo. Alí consegue os seus primeiros éxitos como a liga xuvenil ou o subcampionato da Copa de Campións da Liga Xuvenil 2008/2009.

Tras pasar polo Celta B, en 2010  entra a formar parte do primeiro equipo do seu club e debuta en Segunda División. En 2012 é cedido para disputar unha tempada no Castilla CF, primeiro filial do Real Madrid CF.

O pasado verán é cedido de novo á Sociedade Deportiva Eibar, conxunto no que asina unha excelente tempada que culmina o pasado mes de maio co histórico ascenso a Primeira División. Jota foi, ademais, o autor do gol que lle deu ao equipo vasco a victoria ante o Alavés e certificou o pase á máxima categoría do fútbol español.

SHEILA FERNÁNDEZ

Premio Expert á futbolista máis destacada da comarca compostelá 2013/14

Sheila Fernández (Santiago, 1997) comeza a xogar como porteira no S.D. Cacheiras. Na tempada 2012-2013 ficha pola SD Compostela,  equipo co que milita na Segunda División.

As súas boas dotes chaman a atención da Selección Galega, que conta con ela nos seus combinados sub-16 e sub-18. Tamén é convocada pola selección española de fútbol feminino sub-15 e sub-16.

Actualmente milita na Federación Viguesa de Peñas Recreativas El Olivo, equipo vigués de Segunda División que tras rematar esta tempada en primeira posición, disputou a promoción de ascenso aínda que non foi quen de subir a Primeira.

NURIA RÁBANO

Premio Expert ao deportista coa maior proxección da comarca compostelá 2013/14

Nuria Rábano (Santiago, 1999) leva desde os 5 anos no Milladoiro SD, conxunto mixto no que sempre destacou entre tódolos nenos. Con este equipo logrou esta tempada o campionato de liga na categoría cadete de fútbol sala,ademais do campionato provincial e o subcampionato autonómico. En canto ao equipo de fútbol, no que tamén compite, actualmente están a disputar as semifinais da Copa.

Pese a súa corta idade, esta extremo esquerdo xa ten no seu haber diferentes títulos como o Campionato Galego Benxamín coa Selección de Santiago ou o Premio ao Mellor Xogador da Compostela Cup durante dous anos.

Desde os 12 anos xoga coa Selección Galega Sub-16 Feminina. Ten experiencia tamén na Selección Española Sub-16, coa que acudiu a uns adestramentos en xaneiro e gañou o Torneo de Desarrollo da UEFA que se celebrou en Serbia en abril. Nuria foi, ademais, a máxima goleadora, empatada a 5 goles coa súa compañeira Lucía García.

DESCARGA AQUÍ AS BASES DOS PREMIOS: BASES_PREMIOS_EXPERT_

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR