nenos

now browsing by tag

 
 

Dá exemplo aos teus fill@s: practica algún deporte!

Os fillos/as de nais e pais que practican algún deporte tenden a ser moito máis activos e a gozar coa actividade física. En moitas ocasións falámosvos neste blog do beneficioso que é para os nenos e nenas o exercicio. Pero como conseguir que se interesen por el? O mellor é dar exemplo!

Explícanno moi ben nun artigo da páxina web mandarinagaden.es, da que tomamos prestado este gráfico:

esquema-deporte-mandarina-garden

Pero é que, ademais, facer deporte cos pequechos é xa unha tendencia á alza. “Facer deporte con nenos deixou de ser unha moda para converterse nun hábito de vida. Moitos son os centros que ofrecen ioga para nais e pais con bebés pasando por pilates, abdominais ou, ao aire libre, senderismo, running (incluso con carriño), montar en bici… todas son actividades que se poden realizar con bebés. Máis adiante, cando os nenos crecen, facer deporte con eles é un dos plans en familia favoritos. Deportes de equipo son, xeralmente, os máis demandados polos pequenos”, aseguran nun artigo de mamatieneunplan.com

Outros consellos para motivar aos nenos e nenas a facer deporte son:

  • Fomenta a sa competencia, ensinándolles aos pequechos que o importante non é gañar, senón divertirse.
  • Remarca os aspectos positivos de practicar deporte, tales como facer novos amigos.
  • Non presiones aos teus fillos se non queren practicar un determinado deporte. O exercicio físico debe verse sempre como un momento divertivo, para pasalo ben.

Consellos para que os nenos amen a lectura

Como podemos facer para que os nosos fillos/as amen a lectura? Neste artigo da web Edutopia (en inglés) atopamos algúns bos consellos, que completamos cos ofrecidos polo premiado profesor César Bona no seu perfil de Facebook. Esperamos que vos sirvan!

  • Conta con libros e outros materiais de lectura no salón, no baño, na cociña… en calquera parte onde estean os nenos.
  • Le en voz alta para os teus pequechos, con paixón, e sobre todo, cousas que lles inspiren. E podes tamén deixarlles que debuxen o que escoiten.
  • Conta aos teus fillos que libros che gustan e por que.
  • Emprega unha lanterna para, co resto de luces apagadas, iluminar o libro e que a imaxinación voe!
  • Conta cunha silla de ler na que o neno se poida sentar a ler en voz alta para todos
  • Tamén pode ler outros formatos como cómics, revistas, xornais…
  • Pregúntalles algunha recomendación aos teus fillos. Iso fara que se sintan partícipes!
  • Crea un lugar confortables que invite a ler nel, incluso se queren ler tumbados. Por que non? Fóra mesas e sillas!
  • Se son pequechos, poden lerlles aos seus bonecos ou mascotas. Tamén os maiores poden ler aos irmáns pequenos.
  • Que ler sexa un premio para cando rematan as súas tarefas e que o fagan onde queiran!
  • Ide de compras xuntos a unha librería.
  • Invítalles a crear as súas propias historias, que sexan pequenos escritores!
  • Prepara festas de lectura, ás que vaian os amigos con almofadas, bonecos… o que queiran!
  • Nunca empregues a lectura como un castigo!

Nenos felices? Fóra as presións!

Moitas veces os pais e nais presionamos demasiado aos nosos fillos para que sexan os mellores. Os mellores no colexio, os mellores no equipo de fútbol, os que mellor se portan… Facémolo coa nosa mellor intención pero quizais esteamos facendo máis mal que ben. “Baixo presión, a maioría dos nenos son obedientes e poden chegar a alcanzar os resultados que os seus pais lles piden pero, a longo prazo, desta forma só conseguen limitar o seu pensamento autónomo e as habilidades que lle poden conducir ao éxito real”, aseguran nun artigo da web Rincón de la Psicología que podes ler por completo premendo aquí.

E é que, tal e como sinalan noutro artigo do mesmo portal, “numerosos estudos demostraron que o éxito depende máis de calidades como o optimismo, a curiosidade, a autoconfianza e a habilidade para manexar os obstáculos. Como se desenvolven estas capacidades? A través dun apego seguro, no seo do fogar, cando os nenos se senten protexidos e amados. Estas calidades poténcianse pasando tempo de calidade cos fillos, estando plenamente presentes e mostrándonos responsables e interesados polos seus problemas e motivacións”.

O mesmo opina neste outro artigo a fundadora do blog Edurespeta, Tania García. Pasar tempo cos nenos, escoitalos, darlles liberdade de expresión e, sobre todo, querelos moito son os consellos que dá para que sexan felices. Neste senso, Vilma Medina, directora de Guiainfantil.com, apunta neste post oito claves para potenciar a súa felicidade:

1 – Ser amable. Os nenos amables experimentan máis satisfacción e enerxía, son máis cariñosos e agradables, e gozan de aceptación social.

2 – Dar as grazas. A gratitude favorece a estabilidade mental e enriquece o crecemento dos nenos. Os nenos valoran máis o que teñen e á súa contorna.

3 – Ser positivo. Os nenos educados nunha contorna positiva son máis seguros e cren máis en si mesmos. Teñen maior control da súa mente.

4 – Non etiquetar. Débese evitar rotular aos nenos. Dicirlles “es malo”, “es chorón”, predisponlles a moldear a súa actitude para encaixar neste perfil.

5 – Non dramatizar. Debemos dar o seu xusto valor ás cousas e ás situacións. Debemos extinguir condutas como pegar, insultar ou faltar ao respecto.

6 – Logro persoal. Os nenos son máis felices se conseguen os seus obxectivos polos seus propios méritos. Debemos animarlles neste sentido.

7 – Autonomía. Estimular a independencia dos nenos, potenciará a súa autoestima, a súa seguridade e a confianza en si mesmos.

8 – Intelixencia emocional. Os nenos deben aprender a controlar e regular as súas emocións para resolver os problemas de maneira pacífica. Iso xera tranquilidade e harmonía no seu carácter.

 

Consellos para educar en igualdade a nenos e nenas

Desde moi pequenos podemos educar aos nosos fillos e fillas para que crezan libres de estereotipos respecto ao xénero. Pero como? Poñendo en práctica os consellos que atopamos nun artigo do blog M&P (de mamas & de papas) de El País (preme aquí para lelo por completo). Nel explican que construír sociedades igualitarias onde as nenas non crezan en desvantaxe e teñan as mesmas oportunidades que os nenos, empeza por casa.

  1. Dando exemplo. Os nenos que crecen en fogares onde ambos proxenitores comparten as responsabilidades laborais e familiares e onde se respectan mutuamente teñen maiores probabilidades de reproducir relacións equitativas na súa vida adulta.
  2. Con actividades non sexistas. Convén apostar por xogos, xoguetes e libros non sexistas que non segreguen e categoricen espazos, temas, actividades e roles para nenos e nenas.
  3. As mesmas responsabilidades. Debemos intentar que tanto nenas como nenos aprendan e gradualmente tomen responsabilidades relacionadas co coidado, a orde e a limpeza, así como a tomar decisións acordes a súa idade.
  4. Sen burlas sexistas. Hai que evitar comentarios que reforcen roles estereotipados de xénero como rirse dun neno porque ten medo ou criticar a unha nena porque se mostre dominante ou non se preocupe pola súa aparencia.
  5. Sen sobreprotección só para elas. Sobreprotexer ás nenas e insistir en que teñan coidado -no canto de incentivalas a que superen o seu temor e desenvolver coraxe como se fai cos homes- porque llas pensa fráxiles e medorentas ensínalles a evitar actividades fóra da súa área de comodidade e non as prepara para ser protagonistas da súa vida.

E se queredes profundizar máis sobre este tema, podedes atopar moi útil a páxina web educarenigualdad.org

Xogos para gozar do bo tempo cos máis pequechos

Coa chegada do bo tempo os pais e nais temos unha estupenda oportunidade de fomentar a actividade física dos nosos fillos xogando ao aire libre. Nos Campus Polideportivos que organizamos na Escola Deportiva Santiago, ademais de deportes clásicos como o fútbol ou o baloncesto, tamén ensinamos aos nenos e nenas outras modalidades alternativas e xogos para mellorar a súa atención. O obxectivo é que, dun xeito divertido, os máis pequechos movan o seu corpo e descobran os beneficios da práctica deportiva.

Na casa tamén podemos fomentar o seu gusto polo deporte aproveitando o noso tempo libre para saír a parques e xardíns e simplemente xogar. Pero a que? Nestes artigos atoparedes diferentes actividades que podedes probar cos vosos peques!

5 consellos para que os nenos aprendan a coidar a súa saúde

Dento das ensinanzas que debemos proporcionar aos nosos nenos e nenas non poden faltar uns hábitos de vida saudables. Neste artigo resumimos cinco consellos para que aprendan a coidarse que atopamos na web infosalus.com

  1. Lavar as mans. Os nenos deben aprender a lavar as mans antes de cada comida. É un xesto que pode evitar o desenvolvemento de infeccións intestinais debido ás bacterias que residen nelas.
  2. Lavar os dentes. Desde o nacemento da primeira peza dental, o máis recomendable é limpar a boca cun cepillo ou un pano adaptado ao bebé.
  3. Hidratación. Ademais de comer san, non nos podemos esquecer de que os pequenos beban moita auga, leite e zumes naturais.
  4. Froitas e verduras. Somos o que comemos e por iso debemos vixiar a dieta dos nosos fillos e incluír nela froitas e verduras.
  5. Actividade física diaria. Desde xogar ou camiñar ata practicar algún deporte, o máis axeitado é que os rapaces realicen 60 minutos de actividade física cada día.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR