nenos

now browsing by tag

 
 

Actividades extraescolares, moi beneficiosas na súa xusta medida

Son moitos os pais e nais que se preguntan a que actividades extraescolares apuntar aos seus fillos/as, se será demasiada carga para eles ou, polo contrario, se deberían asistir a máis. Neste debate hai opinións de todos os tipos. Expertos en educación como Catherine l’Ecuyer recomendan que non afecten ao tempo adicado ao xogo. Pero por que é isto importante? Segundo Eva Marina, directora da Universidade de Pais, xogar cos amigos sen presenza adulta “facilita a incorporación gradual á vida en sociedade, é dicir, edúcanse as habilidades sociais”.

Sen embargo, iso non quere dicir que se deban eliminar as actividades extraescolares. Segundo un estudo realizado pola Universidade de Vigo e presentado este mesmo ano, os alumnos de Primaria que as realizan rinden mellor. A súa autora, Lucía Pumares, descubriu co seu traballo que os estudantes que combinan o deporte con clases artísticas ou expresivas obteñen mellores resultados académicos. “Cando os nenos teñen dificultades, os pais envíanos só a clases de reforzo ou os castigan sen outro tipo de actividades. Pero isto resulta totalmente contraproducente. Incluso os nenos que só fan deporte teñen mellor rendemento que os que só van a clases de reforzo”, destaca Pumares. “As actividades extraescolares inflúen en maior medida no seu sentimento de autoeficacia, de sentirse capaces para ter éxito”, engade.

Pero como elexir as actividades ás que anotar aos nosos fillos/as? Eva Marina dá algúns consellos:

  • Atender aos intereses do neno e tamén ao seu temperamento. Que poida elixir.
  • Evitar a sobresaturación da axenda do neno.
  • Non obrigarlle a ir, se non lle gusta.
  • Se vemos síntomas de cansazo, de insomnio, nerviosismo ou decaemento, posiblemente o neno non poida con todo.
  • Antes de realizar a matrícula é importante coñecer á persoa encargada, a súa capacitación profesional e a formulación pedagóxica que ten esa actividade.
  • O importante é que os nenos aprendan, pero tamén que gocen nestas actividades, que lles motiven.
  • Evitar actividades extraescolares de reforzo dos contidos escolares. Os nenos pasan moitas horas no colexio e posiblemente teñan deberes cando cheguen a casa.

 

Razóns para que todos os nenos e nenas practiquen deporte

Cantas razóns pode haber para que os nenos e nenas practiquen algún deporte? Moitísimas! E bo para a súa saúde, aprenden importantes valores, fan novos amigos… Sergio Lorenzo Jiménez Saiz, director do Máster Universitario en Adestramento e Nutrición Deportiva da Escola Universitaria Real Madrid – Universidade Europea, explica nun artigo publicado recentemente por AS algúns dos seus beneficios.

O experto destaca que a idade ideal para comezar é a partir dos seis anos, pero antes xa poden realizar actividades que sexan divertidas. “O máis importante, en idades temperás, é que fagan actividade física, exercicio físico para o desenvolvemento harmónico, integral e corporal do neno. Isto desenvolve, non só o seu apartado físico, senón tamén o seu desenvolvemento social, intelectual, visual, coordinativo, etc.”, asegura.

Entre os valores que subliña Jiménez están a disciplina, a esixencia, a cultura do erro, gañar e perder como parte do deporte, respecto ás normas e ao rival, pertenza a un grupo, sentimento de pertenza, etc.

Pero é que ademais, o deporte e a actividade física sirven tamén como aliados da integración. As investigacións sobre o exercicio físico levadas a cabo pola Cidade Accesible e HandiSports Servizos Deportivos Adaptados entre outras moitas organizacións, demostraron que o deporte axuda a diminuír niveis de tensións, aumenta as habilidades motoras básicas, axuda tanto ao desenvolvemento individual -disciplina, confianza nun mesmo e responsabilidade-, como ao desenvolvemento en habilidades sociais -comunicación, compañeirismo e traballo en equipo-, mellorando a concepción holística do ser humano.

Por iso estas dúas entidades de Granada acaban de crear un novo curso académico pioneiro en inclusión e igualdade de oportunidades para todas as persoas a través da práctica deportiva cun monográfico exclusivo de actividade física, deporte e autismo. O obxectivo é dotar aos profesionais e futuros profesionais das ferramentas necesarias para a correcta programación e intervención de actividade física e deportiva orientada a persas con trastorno do espectro autista.

 

Preocupado pola seguridade dos teus fillos/as en Internet?

Se a resposta a esta pregunta é non, deberías preocuparte. E se a resposta é si, tranquilo, temos algúns consellos que darvos.

A principios deste ano naceu ‘Internet Segura for Kids’, o centro de seguridade na Rede para menores de idade en España. Os seus obxectivos son desenvolver campañas de sensibilización e formación, ofrecer unha liña de axuda para asesorar e asistir a menores e reducir a dispoñibilidade de contido criminal en Internet. IS4K está liderado e coordinado pola SESIAD (Secretaría de Estado para la Sociedad de la Información y Agenda Digital), co soporte de Red.es, e executa os seus servizos a través do INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridad), en colaboración con outras entidades de referencia.

Así, na súa páxina web poderás atopar xogos, materiais didácticos e ferramentas de control parental. E tamén información sobre privacidade, sexting, ciberacoso escolar, grooming… e consellos para saber que facer en caso de que os teus fillos/as teñan algún problema. De entre todos eles, o máis importante é a denuncia. Se os nenos/as sufren algunhas destas situacións débese contactar coas Forzas e Corpos de seguridade. Ademais, o centro de saúde e o seu centro educativo poden ofrecer ao menor apoio psicolóxico e emocional se é necesario.

 

 

Deporte e boas posturas para coidar a espalda dos nenos e nenas

Mochilas cargadas de libros, malas posturas na mesa… Son moitos os nenos e nenas que sofren dores de espalda. Como evitalos? O deporte é fundamental, tal e como explican neste vídeo da web guiainfantil.com

Compartimos convosco ademais outro vídeo do mesmo portal con consellos para levar ben as mochilas ao colexio.

É o meu fillo un adicto aos teléfonos móbiles?

Segundo un estudo do hospital Saint Joan de Deu titulado Las nuevas tecnologías en niños y adolescentes, o 91,8% dos menores de entre dez e quince anos navegan por Internet. E a maioría faino a través dos seus smartphones. Así, un 70 % dos nenos de 12 anos, segundo este traballo do hospital catalán, teñen teléfono móbil, un medio que usan máis do 80 % dos adolescentes de 14.

Como debemos enfrontarnos os pais e nais a esta realidade? Varios expertos consultados por La Voz de Galicia nun artigo que podedes ler premendo aquí sinalan que non hai unha idade ideal para dar un móbil aos pequechos. O importante é valorar a madureza dos fillos/as e fixar previamente os usos do dispositivo.

E é que estes días tense falado moito dos problemas que supón a dependencia que moitos menores teñen da tecnoloxía. Chega a derivar incluso nun aumento da violencia de fillos aos seus proxenitores. Pero como saber se o noso fillo/a ten unha adicción ao móbil? Hai varias sinais:

  • Maior interese por xogar co ordenador ou smartphone que ao aire libre
  • Deixa aos seus amigos de sempre por amizades virtuais
  • Aumento da irritabilidade cando non se lle deixa usar a tecnoloxía
  • Menor rendemento académico
  • Alta demanda de produtos tecnolóxicos

Por outro lado, tampouco debemos esquecer que o uso das novas tecnoloxías pode ser moi beneficioso para os nenos e nenas. Premendo aquí podedes ler un artigo sobre algunhas destas ventaxas.

 

Así deberían colaborar os pequechos coas tarefas do fogar

Queres que os teus fillos/as axuden coas tarefas do fogar e non sabes como? Ben! En primeiro lugar, estás en bo camiño por pensar que os nenos/as tamén deben colaborar na casa. Os pequechos teñen que ir pouco a pouco asumindo responsabilidades, gañando autonomía… en definitiva, crecendo. Pero cales son as tarefas máis axeitadas segundo a súa idade? Reproducimos neste post a lista publicada recentemente nun artigo de El Mundo que vos recomendamos ler premendo aquí.

  • DE 2 A 3 ANOS: Recoller os xoguetes e gardalos, regar as prantas, empezar a comer sós, vestirse e espirse con axuda, colocar obxectos en repisas…
  • DE 4 A 5 ANOS: Axudar a poñer e quitar a mesa, dar de comer á mascota, gardar os libros na mochila, colocar os cubertos no seu sitio…
  • DE 6 A 7 ANOS: Lavar a cara e peitearse correctamente, preparar a mochila de ximnasia, levar a roupa sucia a lavar, limpar a mesa…
  • DE 8 A 9 ANOS: Facer a cama, preparar o bocadillo do colexio, sacar o lixo, varrer, atar os cordóns dos zapatos, lavar os dentes…
  • DE 10 A 11 ANOS: Limpar e organizar o seu cuarto, facer os deberes sós, encher e poñer o fregapratos ou a lavadora, tender a roupa, ducharse sen axuda…
  • DE 12 A 13 ANOS: Organizar por si mesmos os seus horarios, servir a comida ao resto da familia, facer recados, axudar a vestir e bañar aos seus irmáns, recoller a cociña, lavar o coche…

Neste outro artigo da páxina web solohijos.com tendes algunhas ideas máis. E neste outro do xornal ABC atoparedes algunhas claves para conseguir que os peques colaboren.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR