nenas

now browsing by tag

 
 

Consellos para que os nenos amen a lectura

Como podemos facer para que os nosos fillos/as amen a lectura? Neste artigo da web Edutopia (en inglés) atopamos algúns bos consellos, que completamos cos ofrecidos polo premiado profesor César Bona no seu perfil de Facebook. Esperamos que vos sirvan!

  • Conta con libros e outros materiais de lectura no salón, no baño, na cociña… en calquera parte onde estean os nenos.
  • Le en voz alta para os teus pequechos, con paixón, e sobre todo, cousas que lles inspiren. E podes tamén deixarlles que debuxen o que escoiten.
  • Conta aos teus fillos que libros che gustan e por que.
  • Emprega unha lanterna para, co resto de luces apagadas, iluminar o libro e que a imaxinación voe!
  • Conta cunha silla de ler na que o neno se poida sentar a ler en voz alta para todos
  • Tamén pode ler outros formatos como cómics, revistas, xornais…
  • Pregúntalles algunha recomendación aos teus fillos. Iso fara que se sintan partícipes!
  • Crea un lugar confortables que invite a ler nel, incluso se queren ler tumbados. Por que non? Fóra mesas e sillas!
  • Se son pequechos, poden lerlles aos seus bonecos ou mascotas. Tamén os maiores poden ler aos irmáns pequenos.
  • Que ler sexa un premio para cando rematan as súas tarefas e que o fagan onde queiran!
  • Ide de compras xuntos a unha librería.
  • Invítalles a crear as súas propias historias, que sexan pequenos escritores!
  • Prepara festas de lectura, ás que vaian os amigos con almofadas, bonecos… o que queiran!
  • Nunca empregues a lectura como un castigo!

Nenos felices? Fóra as presións!

Moitas veces os pais e nais presionamos demasiado aos nosos fillos para que sexan os mellores. Os mellores no colexio, os mellores no equipo de fútbol, os que mellor se portan… Facémolo coa nosa mellor intención pero quizais esteamos facendo máis mal que ben. “Baixo presión, a maioría dos nenos son obedientes e poden chegar a alcanzar os resultados que os seus pais lles piden pero, a longo prazo, desta forma só conseguen limitar o seu pensamento autónomo e as habilidades que lle poden conducir ao éxito real”, aseguran nun artigo da web Rincón de la Psicología que podes ler por completo premendo aquí.

E é que, tal e como sinalan noutro artigo do mesmo portal, “numerosos estudos demostraron que o éxito depende máis de calidades como o optimismo, a curiosidade, a autoconfianza e a habilidade para manexar os obstáculos. Como se desenvolven estas capacidades? A través dun apego seguro, no seo do fogar, cando os nenos se senten protexidos e amados. Estas calidades poténcianse pasando tempo de calidade cos fillos, estando plenamente presentes e mostrándonos responsables e interesados polos seus problemas e motivacións”.

O mesmo opina neste outro artigo a fundadora do blog Edurespeta, Tania García. Pasar tempo cos nenos, escoitalos, darlles liberdade de expresión e, sobre todo, querelos moito son os consellos que dá para que sexan felices. Neste senso, Vilma Medina, directora de Guiainfantil.com, apunta neste post oito claves para potenciar a súa felicidade:

1 – Ser amable. Os nenos amables experimentan máis satisfacción e enerxía, son máis cariñosos e agradables, e gozan de aceptación social.

2 – Dar as grazas. A gratitude favorece a estabilidade mental e enriquece o crecemento dos nenos. Os nenos valoran máis o que teñen e á súa contorna.

3 – Ser positivo. Os nenos educados nunha contorna positiva son máis seguros e cren máis en si mesmos. Teñen maior control da súa mente.

4 – Non etiquetar. Débese evitar rotular aos nenos. Dicirlles “es malo”, “es chorón”, predisponlles a moldear a súa actitude para encaixar neste perfil.

5 – Non dramatizar. Debemos dar o seu xusto valor ás cousas e ás situacións. Debemos extinguir condutas como pegar, insultar ou faltar ao respecto.

6 – Logro persoal. Os nenos son máis felices se conseguen os seus obxectivos polos seus propios méritos. Debemos animarlles neste sentido.

7 – Autonomía. Estimular a independencia dos nenos, potenciará a súa autoestima, a súa seguridade e a confianza en si mesmos.

8 – Intelixencia emocional. Os nenos deben aprender a controlar e regular as súas emocións para resolver os problemas de maneira pacífica. Iso xera tranquilidade e harmonía no seu carácter.

 

Consellos para educar en igualdade a nenos e nenas

Desde moi pequenos podemos educar aos nosos fillos e fillas para que crezan libres de estereotipos respecto ao xénero. Pero como? Poñendo en práctica os consellos que atopamos nun artigo do blog M&P (de mamas & de papas) de El País (preme aquí para lelo por completo). Nel explican que construír sociedades igualitarias onde as nenas non crezan en desvantaxe e teñan as mesmas oportunidades que os nenos, empeza por casa.

  1. Dando exemplo. Os nenos que crecen en fogares onde ambos proxenitores comparten as responsabilidades laborais e familiares e onde se respectan mutuamente teñen maiores probabilidades de reproducir relacións equitativas na súa vida adulta.
  2. Con actividades non sexistas. Convén apostar por xogos, xoguetes e libros non sexistas que non segreguen e categoricen espazos, temas, actividades e roles para nenos e nenas.
  3. As mesmas responsabilidades. Debemos intentar que tanto nenas como nenos aprendan e gradualmente tomen responsabilidades relacionadas co coidado, a orde e a limpeza, así como a tomar decisións acordes a súa idade.
  4. Sen burlas sexistas. Hai que evitar comentarios que reforcen roles estereotipados de xénero como rirse dun neno porque ten medo ou criticar a unha nena porque se mostre dominante ou non se preocupe pola súa aparencia.
  5. Sen sobreprotección só para elas. Sobreprotexer ás nenas e insistir en que teñan coidado -no canto de incentivalas a que superen o seu temor e desenvolver coraxe como se fai cos homes- porque llas pensa fráxiles e medorentas ensínalles a evitar actividades fóra da súa área de comodidade e non as prepara para ser protagonistas da súa vida.

E se queredes profundizar máis sobre este tema, podedes atopar moi útil a páxina web educarenigualdad.org

Como gañar ou perder autoestima co deporte

O deporte pode ser moi beneficioso para os nenos e nenas axudándolles a valorarse a si mesmos. Pero tamén pode facer que os pequenos perdan autoestima. Como? Explícao nun artigo publicado por La Región a psicóloga Katja Cardol, que desde hai un tempo tamén colabora coa Escola Deportiva Santiago.

Katja indica que a mellora de habilidades e o logro de obxectivos “fan que o neno se auto-valore positivamente”. Mentras que un ambiente social “agresivo ou de exclusión, ou un entorno no que se reforzan só os resultados e non o esforzo” provocan o contrario. Para evitalo, recomenda eliminar os pensamentos negativos e substituílos por pensamentos “positivos e realistas”. A continuación, podedes ler o artigo completo:

escuela_padres19-page1

Que significa xogar ao fútbol como unha nena?

Propoñémosvos hoxe reflexionar sobre unha frase que de seguro escoitáchedes moitas veces: “Xoga ao fútbol como unha nena”. Ou “Corre como unha nena”. Ou “Tira como unha nena”. Pero que significa á expresión “como unha nena”? Por que ten esas connotacións negativas? No seguinte vídeo, correspondente a unha campaña publicitaria da marca Always, falan deste tema. Son só tres minutos e, de verdade, vale a pena velo.

O fútbol tamén é para nenas!

Na Escola Deportiva Santiago sabémolo ben: o fútbol tamén é para nenas! E por iso, na presente campaña puxemos en marcha un equipo feminino de fútbol sala. As pequenas, nadas entre os anos 2003 e 2006, compiten en categoría benxamín baixo as ordes da adestradora Amanda Plaza (se queres anotar a algunha nena neste grupo le máis premendo aquí).

Cada vez son máis as rapazas que se animan a practicar un deporte antes considerado só para homes. Pero todavía queda un longo camiño por percorrer. “É certo que aínda a día de hoxe os pais son reacios a que as súas fillas xoguen ao fútbol por consideralo de nenos. Eu anímoos a que permitan que as súas fillas practiquen o que lles gusta. Por que é máis de nenas a patinaxe, o baloncesto ou o baile?”, opina Amanda.

Nese camiño por normalizar o fútbol feminino, a FIFA ten en marcha un programa de desenvolvemento que arrancou no 2012 e finalizará en 2015. Os seus principais obxectivos son fomentar a creación de competicións e ligas en todas as asociacións membro; aumentar a participación das nenas nos programas de fútbol base e xuvenil; mellorar a estructura e infraestructura destinado ao fútbol feminino e aumentar o número de mulleres en cargos directivos (podes ler máis premendo neste enlace).

Para os que teñan dúbidas sobre o fútbol feminino, deixámosvos un vídeo promocional realizado pola RFEF, no que participan xogadoras das seleccións españolas de diferentes categorías. Entre elas, a compostelá Verónica Boquete.

E falando de deporte feminino, non podemos deixar de recomendarvos a páxina web www.solodeportefemenino.com da que nos falou unha das lectoras deste blog. Trátase do resultado dun programa docente e investigador da Universidade Europea de Madrid, financiado e avalado polo Consello Superior de Deportes. Alí podedes informarvos da evolución do deporte feminino en diferentes modalidades, con noticias de actualidade, e os seus propios programas de radio e televisión. A continuación tendes un dos últimos. 

Por outro lado, quizais tamén vos interesen os boletíns que elaboran o Consello Superior de Deportes e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte sobre deporte feminino. Podedes consultar o último premendo aquí. 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR