igualdade

now browsing by tag

 
 

Proxecto Iris contra a desigualdade no deporte base, porque #animarnonéberrar

Este xoves 17 de novembro celebrarase #Animarnonéberrar, unha cita na que se quere fomentar a igualdade no deporte de base e loitar contra o racismo e as discriminacións, cun sorriso na cara e de xeito divertido.

Para elo reuniranse no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago os distintos actores que conforman a realidade do deporte de base: deportistas, formadores, autoridades, profesores, alumnos …

Destacados deportistas explicarán a súa experiencia, ao tempo que a actriz Isabel Risco conducirá unha xornada que contará con dúas sesións, a primeira de 10:45 a 11.30 horas; e a segunda, de 11:35 a 12:20 horas.

Está confirmada a presenza da atleta Raquel Suárez Pedrosa; así como a de xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro e o seu speaker,Javier Masaguer.

#Animarnonéberrar enmárcase dentro do Proxecto IRIS, unha iniciativa financiada pola Unión Europea dentro do Programa Erasmus + que, a nivel español, está desenvolvido dende o Grupo de Investigación Stellae da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

O Proxecto IRIS, Recursos de aprendizaxe innovadores para fomentar a igualdade no deporte de base, afrontando incidentes de discriminación, racismo e violencia, conta tamén conta con entidades e universidades doutros países como Grecia, Finlandia, Hungría e Bulgaria.

As persoas interesadas, ben relacionadas coa formación deportiva e centros de ensino ou nais e pais que queiran acudir a algunha das sesións, aínda poden apuntarse, tras consultar coa organización no teléfono 981 569 196 ou no correo electrónico eventos@trevisani.es . A entrada é de balde.

Consellos para educar en igualdade a nenos e nenas

Desde moi pequenos podemos educar aos nosos fillos e fillas para que crezan libres de estereotipos respecto ao xénero. Pero como? Poñendo en práctica os consellos que atopamos nun artigo do blog M&P (de mamas & de papas) de El País (preme aquí para lelo por completo). Nel explican que construír sociedades igualitarias onde as nenas non crezan en desvantaxe e teñan as mesmas oportunidades que os nenos, empeza por casa.

  1. Dando exemplo. Os nenos que crecen en fogares onde ambos proxenitores comparten as responsabilidades laborais e familiares e onde se respectan mutuamente teñen maiores probabilidades de reproducir relacións equitativas na súa vida adulta.
  2. Con actividades non sexistas. Convén apostar por xogos, xoguetes e libros non sexistas que non segreguen e categoricen espazos, temas, actividades e roles para nenos e nenas.
  3. As mesmas responsabilidades. Debemos intentar que tanto nenas como nenos aprendan e gradualmente tomen responsabilidades relacionadas co coidado, a orde e a limpeza, así como a tomar decisións acordes a súa idade.
  4. Sen burlas sexistas. Hai que evitar comentarios que reforcen roles estereotipados de xénero como rirse dun neno porque ten medo ou criticar a unha nena porque se mostre dominante ou non se preocupe pola súa aparencia.
  5. Sen sobreprotección só para elas. Sobreprotexer ás nenas e insistir en que teñan coidado -no canto de incentivalas a que superen o seu temor e desenvolver coraxe como se fai cos homes- porque llas pensa fráxiles e medorentas ensínalles a evitar actividades fóra da súa área de comodidade e non as prepara para ser protagonistas da súa vida.

E se queredes profundizar máis sobre este tema, podedes atopar moi útil a páxina web educarenigualdad.org

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR