fútbol feminino

now browsing by tag

 
 

A Escola Deportiva Santiago organiza o II Torneo EDS Memorial Antonio Bermúdez

A Escola Deportiva Santiago organiza o próximo 2 de xullo o II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxea ao xornalista deportivo compostelán falecido recentemente.

O Torneo presentouse esta mañá nunha rolda de prensa no Hotel Los Abetos á que asistiu o fillo do coñecido locutor, Toño Bermúdez; o concelleiro de Deportes, Rafael Peña; o delegado de Santiago da Federación Galega de Fútbol, Manuel Castiñeiras; o coordinador da base do RC Celta de Vigo, Álex Otero; e o presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araújo.

Coa presencia do Celta de Vigo

A competición desenvolverase desde as 10:00 horas no campo de fútbol de Santa Isabel en dúas categorías masculinas. Na categoría benxamín participarán os equipos da Escola Deportiva Santiago, RC Celta de Vigo e Dubra FC. Na prebenxamín xogarán a Escola Deportiva Santiago, o Atlético Fátima e o Bertamiráns FC. A media mañá Óscar Martínez, colexiado de 2ª División B, ofrecerá unha charla para todos os nenos presentando as novidades regulamentarias para a nova tempada.

Paralelamente celebrarase no pavillón de Santa Isabel un torneo de fútbol sala feminino, que disputarán os equipos da Escola Deportiva Santiago, Rácing de San Lorenzo e SD Villestro. Durante os descansos ofreceranse dinámicas de coaching e psicoloxía no deporte.

Estes torneos servirán de colofón á segunda edición do Campus ETC (Ensino Técnico Competicional) organizado pola Escola Deportiva Santiago coa colaboración da Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, Grupo Germania, Gadis e a Unidad de Psicología y Coaching Deportivo Libredón. O Campus, no que participan un centenar de nenos e nenas, comezou hoxe en Santa Isabel e desenvolverase ata o próximo 1 de xullo.

Cartel  II Torneo

Por que as nenas deberían xogar ao fútbol

Cada día son máis as nenas que se animan a xogar ao fútbol, pero todavía hai quen pensa que é unha actividade para homes ou que eles son mellores. Na Escola Deportiva Santiago cremos que é un deporte “moi beneficioso e completo para elas porque favorece tanto o seu desenvolvemento físico como psicolóxico, e aporta uns valores e aprendizaxes imprescindibles na educación das cativas”. Así o afirma Amanda Plaza, adestradora do noso conxunto feminino.

O equipo, integrado só por nenas, compite esta tempada en categoría alevín. Pero como son os adestramentos? Explícao Amanda: “O método que emprego é o que debería desempeñarse con todos os equipos da base. Traballar con nenos/as é unha tarefa que require uns certos coñecementos e unhas certas habilidades. O fútbol é un deporte moi axeitado para reforzar valores como o compañerismo, o respecto, a capacidade de esforzo, asumir responsabilidades, o traballo en equipo, encaixar as frustracións… E por iso a figura do adestrador debe en primeiro lugar observar e coñecer ao seu grupo para poder comezar a traballar con el, e, en segundo lugar, débese crear o clima idóneo para acadar o que nos propuxemos.

Eu persoalmente céntrome en que as nenas sigan as normas: que respecten ás compañeiras, á adestradora, o material e as instalacións nas que adestran. Que presten atención durante as sesións de adestramento para poder poñer en práctica os exercicios plantexados. Que veñan con ganas de aprender e divertirse, pero sabendo que isto implica esforzo e actitude. E doulle moitísima importancia á comunicación, tanto entre adestradora-xogadora, adestradora-pai/nai, e como a que deben ter entre compañeiras. Para que os obxectivos de xogo poidan acadarse creo firmemente que o primeiro é conseguir o que xa citei, pois é a base para que as cousas no campo saian ben.

Na práctica incido moito no básico: coñecer as normas do xogo e saber aplicalas na competición, empregar as dúas pernas tanto para pasar-controlar o balón, como para conducir e tirar… Todo isto a través de actividades nas que as nenas manteñan contacto co balón o maior tempo posible e sempre facendo que reflexionen sobre o que aprenderon con cada exercicio.

Por suposto, dou moita importancia a que as nenas coñezan a súa función no campo, a que saiban tomar as súas propias decisións, teñan claro o que van a facer co balón e por que e que aprendan tanto a gañar como a perder, pois unhas veces gáñase e outras apréndese”.

As xogadoras amosan a mascota do equipo

Cos mascota do equipo

Queres que a túa filla xogue connosco?

O equipo feminino adestra a fútbol sala os luns e mércores de 18:30 a 19:30 horas no pavillón de Lamas de Abade e os venres a fútbol 8 de 19:15 a 20:30 no campo de Belvís. Se tes unha filla de entre 10 e 12 anos de idade e queres que probe este deporte, os nosos adestradores atenderante neses horarios. E se xa estás decido a inscribila, só tes que cubrir este formulario:Folla de inscrición 15-16 e mandalo por correo electrónico a escolasantiagocf@gmail.com

Por asistir a 2 días de adestramentos o prezo é de 25 euros mensuais ou 200 euros anuais (175 euros para irmáns e familias numerosas). Por asistir a 3 días de adestramentos o prezo é de 30 euros mensuais ou 225 euros anuais (200 euros para irmáns e familias numerosas). Se tes algunha dúbida, podes chamar ao teléfono 697 408 573. 

LER MÁIS:

Amanda Plaza: “É importantísimo que as nenas se divirtan e aprendan a xogar ao fútbol a través da atención e a motivación”

Apunta aos teus nenos e nenas á Escola Deportiva Santiago!

Queres que o teu fillo ou filla xogue ao fútbol na Escola Deportiva Santiago? 
Pasa polos adestramentos que celebramos os luns e mércores no pavillón de de Lamas de Abade de 18:30 a 20:00 horas ou cubre a seguinte folla de inscrición e envíaa por correo electrónico a escolasantiagocf@gmail.com: Inscrición_15-16
Poden xogar connosco nenos de entre 4 e 12 anos de idade e nenas de entre 10 e 12 anos.
Tamén adestramos os martes, de 18:00 a 19:00 horas, no campo de fútbol do Sergas e os venres, de 18:30 a 21:30, no campo de fútbol de Belvís.
Que aprenderán?
Coa Escola Deportiva Santiago os nenos e nenas aprenderán os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol, empregando un método de ensinanza que fomenta o esforzo e a diversión por enriba de todo e que trata de formar a partir dos valores do deporte.
Que prezo ten o curso?
Por asistir a 2 días de adestramentos o prezo é de 25 euros mensuais ou 200 euros anuais (175 euros para irmáns e familias numerosas)
Por asistir a 3 días de adestramentos o prezo é de 30 euros mensuais ou 225 euros anuais (200 euros para irmáns e familias numerosas)

O fútbol tamén é para nenas!

Na Escola Deportiva Santiago sabémolo ben: o fútbol tamén é para nenas! E por iso, na presente campaña puxemos en marcha un equipo feminino de fútbol sala. As pequenas, nadas entre os anos 2003 e 2006, compiten en categoría benxamín baixo as ordes da adestradora Amanda Plaza (se queres anotar a algunha nena neste grupo le máis premendo aquí).

Cada vez son máis as rapazas que se animan a practicar un deporte antes considerado só para homes. Pero todavía queda un longo camiño por percorrer. “É certo que aínda a día de hoxe os pais son reacios a que as súas fillas xoguen ao fútbol por consideralo de nenos. Eu anímoos a que permitan que as súas fillas practiquen o que lles gusta. Por que é máis de nenas a patinaxe, o baloncesto ou o baile?”, opina Amanda.

Nese camiño por normalizar o fútbol feminino, a FIFA ten en marcha un programa de desenvolvemento que arrancou no 2012 e finalizará en 2015. Os seus principais obxectivos son fomentar a creación de competicións e ligas en todas as asociacións membro; aumentar a participación das nenas nos programas de fútbol base e xuvenil; mellorar a estructura e infraestructura destinado ao fútbol feminino e aumentar o número de mulleres en cargos directivos (podes ler máis premendo neste enlace).

Para os que teñan dúbidas sobre o fútbol feminino, deixámosvos un vídeo promocional realizado pola RFEF, no que participan xogadoras das seleccións españolas de diferentes categorías. Entre elas, a compostelá Verónica Boquete.

E falando de deporte feminino, non podemos deixar de recomendarvos a páxina web www.solodeportefemenino.com da que nos falou unha das lectoras deste blog. Trátase do resultado dun programa docente e investigador da Universidade Europea de Madrid, financiado e avalado polo Consello Superior de Deportes. Alí podedes informarvos da evolución do deporte feminino en diferentes modalidades, con noticias de actualidade, e os seus propios programas de radio e televisión. A continuación tendes un dos últimos. 

Por outro lado, quizais tamén vos interesen os boletíns que elaboran o Consello Superior de Deportes e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte sobre deporte feminino. Podedes consultar o último premendo aquí. 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR