entrevista

now browsing by tag

 
 

Katja Cardol: “O esencial é que co deporte os nenos adquiran valores e habilidades que lles sirvan o resto das súas vidas”

Katja Cardol é unha psicóloga deportiva holandesa que desde hai un tempo vén colaborando coa Escola Deportiva Santiago. As prácticas dun máster trouxéronna a Compostela, en concreto ao Centro Libredón, en setembro do ano pasado. “Gustáronme tanto que quedei traballando na Unidade de Psicoloxía e Coaching Deportivo, a UPCD-Libredón”, explica. Ademais, tamén axuda a un equipo de baloncesto da Liga Feminina 2 e á selección española feminina de hockey subacuático, entre outros.

De que maneira colaboras coa Escola Deportiva Santiago?
Desde esta tempada estou a traballar os luns e mércores nos adestramentos de fútbol sala. Boto unha man aos adestradores, Amanda, Iago e Brais, a planificar os entrenos dinámicos e variados. Xuntos elaboramos e imos conseguindo obxectivos enfocados a que os nenos e as nenas sempre sigan aprendendo, desenvolvéndose e gozando. Tamén engadimos aspectos mentais aos exercicios e xogos, por exemplo estamos a mellorar moito na comunicación na pista, a concentración e atención, e a autoconfianza de cada un para poder xogar divertíndose e progresando. Ah, e se escoitades a un neno ou unha nena falando en holandés, non é a miña culpa!

Desde o teu punto de vista, como debe ser o traballo do adestrador?
O adestrador no deporte de iniciación ten o papel de educador. Por iso, é importante que transmita valores e normas, que se comunique en positivo, e que reforce non só o resultado, senón tamén e sobre todo o esforzo realizado. Os nenos fan deporte para divertirse, estar con amigos, desenvolverse, etc. de maneira saudable. Gañar non é o máis importante – se o pensas, poucos nenos deportistas chegarán a ser profesionais. O esencial é que facendo deporte adquiran valores e habilidades que lles van a servir no resto das súas vidas, dentro e fóra do deporte. Por iso é tan conveniente centrarse en condutas e exercicios que pauten a aprendizaxe e o desenvolvemento.

E dos pais e nais? Como poden axudar aos seus fillos?
Como os fillos son os tesouros dos pais, os pais son importantísimos para os fillos. Sen chegar a ser protagonista, poden apoiar moito tanto en situacións pre-, durante e post-competición como en adestramentos a través do seu comportamento e actitude. Poden influír positivamente nos nenos transmitindo seguridade e confianza, promocionando obxectivos que non teñan que ver con gañar – como a autosuperación e a melloría de habilidades – e aceptando os valores do club. Nunca deben meterse no papel do adestrador, para non xerar confusión e nervios nos críos. Unha derrota? Os pais están alí para escoitar e apoiar aos seus fillos, para destacar as cousas positivas que fixeron, e para motivalos a seguir mellorando e gozando co fútbol.

Katja facendo un xogo na Festa do Entroido da Escola Deportiva Santiago.

Katja facendo un xogo na Festa do Entroido da Escola Deportiva Santiago.

Que destacarías dos nenos e nenas que forman actualmente parte da Escola?
Son uns cracks! Tanto nos partidos como nos adestramentos vexo moitos sorrisos, compañeirismo, e están sempre dispostos a aprender. Aínda que haxa diferenzas de idades, sexo e personalidades nos grupos, sempre inclúen a todos e todas. Un deporte de equipo non sempre implica que haxa traballo en equipo, con todo, na Escola seguramente si o implica. É algo moi bo e unha característica que lles axudará tamén fóra do fútbol, como no colexio, e no futuro.

Tamén colaboras cos Campus que organiza a Escola, de que maneira?
Si, estarei a traballar no Campus Polideportivo de Semana Santa. Alí colaborarei como unha monitora máis, aínda que seguramente incorpore algún aspecto ou xogo mental nas actividades, para xogando ter sempre en conta esta parte tan importante do deporte. Xa me veredes por alí!

Por que é importante a figura do psicólogo dentro dunha entidade deportiva?
Valores, obxectivos, esforzo, concentración, autoestima, cohesión de equipo, control de nervios, desenvolvemento persoal, comunicación, compañeirismo, liderazgo, os papeis adecuados de cada un no ‘pentágono da iniciación deportiva’ (nenos, adestradores, pais, directivos, árbitros), manexo de emocións, aceptación de fracasos, compatibilidade estudos-deporte, autocontrol, positivismo, respecto, compromiso… Teño que seguir? Son todos aspectos que teñen que ver coa psicoloxía, que desgraciadamente moita xente da por sentado, pero que si se pode e deberíase traballar e mellorar. O psicólogo deportivo está para apoiar a mellorar e a crecer, pode ser a través de acompañamento de adestradores, seguimento de equipos, apoio individual a deportistas, formación para directivos, adestradores, árbitros e pais, etc., sempre adaptándose ás necesidades do club. Tanto como na parte técnica, táctica e física, como na parte mental é fundamental no deporte.

Que é para ti o deporte?
O deporte é parte integral da vida. O deporte é para todos e todas, de calquera idade, nivel, sexo ou raza, e é moi beneficioso ao nivel social, físico, mental. No deporte, pódese escapar de dificultades, centrarse en retos e divertirse, e sobre todo o deporte é unha escola na que se aprenden valores da vida e na que nos podemos autodesafíar, autosuperar e desenvolver sempre.

Un consello para os pequechos…
Gozade e crede en vós mesmos e nos vosos compañeiros!

…e para os non tan peques?
Poñédevos no lugar dos nenos e as nenas, apoiádeos, potenciade valores e aprendizaxe, destacade destrezas e dade exemplo. E, por último, un moi sinxelo: gozade!

Asi é Celia Pía, artista que prepara un cadro para a Escola Deportiva Santiago e nai de Pablo, un dos nosos xogadores

Como sabedes, na Escola Deportiva Santiago gústanos que os pais e nais tamén participen nas nosas actividades e coñezan de primeira man como traballamos cos seus fillos e fillas. Son moitos os que acoden aos adestramentos e animan aos nenos nos partidos. Hoxe coñecemos a unha delas, a nai de Pablo Morandeira, do equipo benxamín. Ela é pintora, pianista e cantante (podedes coñecer o seu traballo premendo aquí, aquí e aquí) e xa está a traballar nun cadro que doará ao noso clube para colaborar connosco e que poderedes gañar adquirindo as rifas que xa temos á venda.

Este é o resultado da nosa conversa con ela:

Podemos adiantar algo de cómo será ese cadro ou deixámolo en sorpresa?
En sorpresa! (Sorrí). Estou facendo un acrílico sobre lenzo, que é a técnica que máis utilizo.

Por que te animaches a facelo?
Propuxéronmo na Escola e eu acollín a idea gustosamente polo traballo que facedes cos nenos e por participar dalgunha maneira con ese traballo.

Ti levas moitos anos pintando, facendo exposicións… Que evolución houbo desde que empezaches?
Quizais agora os meus cadros son máis literarios do que o eran antes e máis figurativos do que o foron. Fun máis abstracta nos meus principios. Na facultade dicíannos moito que había que aprender a debuxar para ‘desdebuxar’ despois. Eu estou no proceso de ter pintado e ‘despintar’ despois.

Na túa obra o mundo dos soños é moi importante, non si?
Si, os soños, o onírico, o simbolismo, o surrealismo… Por dicilo dalgunha maneira, é unha forma de limpar. Para min a arte ten un lado persoal terapéutico. É unha porta para expresar ás veces cousas máis íntimas e outras veces as cousas que me chaman a atención da vida. A xente di que a pintura que fago é bastante colorista. Pero non sei dicir por que. Vén de dentro.

Para min a arte ten un lado persoal terapéutico. É unha porta para expresar o máis íntimo e o que chama a atención na vida

Outra das túas facetas é a de cantante e pianista, con temas onde o latino está moi presente. Por que?
Porque todo o que son as culturas rítmicas chámanme moito a atención, tanto a cubana como a africana, etc. Todas as que teñan un potencial rítmico importante que me removan por dentro fan que me exprese dunha ou doutra maneira.

É entón importante para un artista viaxar?
Para min si, sen dúbida. As cousas máis cotiás ao mellor non te chaman a atención, pero ves iso nun lugar que non coñeces e si que te chama a atención. Eu teño esa sensación, tanto en comportamentos, como en costumes, como na fisionomía das persoas…

E tamén te inspiras no que tes máis preto?
Si! Xa non é viaxar. É vivir. Vivir intensamente, vivir cada cousa, desde a máis pequena ata a máis apoteósica na túa vida. É a intensidade coa que queiras vivir e o disposto que esteas a ter os ollos ben abertos.

Sempre tiveches esa necesidade de expresar o que sintes a través da arte?
Si! Desde pequeniña. Sempre me dixeron que teño moita enerxía e, visto agora desde a experiencia, o tempo e a idade, é unha forma de reconducir esa enerxía que ás veces non sei nin que facer con ela! Necesito botala para fóra!

É importante que os nenos practiquen deporte porque é un hábito san e porque aprenden unha serie de valores que non lles ensinan doutra maneira

E como nai e artista, que opinas de que cada vez se recorten máis nas escolas as materias que están relacionadas coa arte ou que son máis creativas?
Provócame unha tristeza de grandes dimensións porque considero que as linguaxes artísticas axudan ao crecemento das persoas. O fin último da vida non é acumular diñeiro. Hai cousas máis importantes, aínda que os cartos sexan necesarios. O teu crecemento persoal é o fundamental. Hai un dito indio que di que unha persoa é todo o que queda dela despois dunha inundación. E para min na educación dos nenos o saber pensar, a aprendizaxe da filosofía, da expresión a través da arte… todo iso parece que está nun segundo plano. E non acabo de entender por que.

O teu fillo, Pablo, xoga connosco ao fútbol. Por que crees que é importante que os nenos practiquen deporte?
Porque é un hábito san e porque ademais lles ensina cousas que non aprenden doutra maneira: o compañeirismo, saber ocupar un posto no teu equipo, a colaboración… unha serie de valores que promovedes na Escola Deportiva Santiago e que son unha das razóns polas que o meu fillo está aí. Porque me gusta, ademáis da labor deportiva que facedes, a labor humana. Os adestradores compórtanse moi ben con eles. Eu creo que os educan non só deportivamente.

E que papel cres que debedes ter os pais e nais respecto ao deporte que practican os vosos fillos?
Eu creo que hai que fomentar a deportividade. Apoialos porque o meu fillo xoga na Escola porque lle gusta e é feliz. E nos partidos, máis que fomentar a competitividade que se ve ás veces, o que hai que fomentar é o amor polo xogo e pola aprendizaxe.

Por que os nenos deixan de practicar deporte?

O teu fillo/a xa non quere practicar deporte? Por que? Nesta entrevista feita polos responsables do portal coachingdeldeporte.com o psicólogo do deporte David Llopis dános algunhas claves a ter en conta:

José Manuel López: “O Campus de Tecnificación en Baloncesto vai ser para os rapaces unha experiencia difícil de esquecer”

Unha das principais novidades dos Campus de Tecnificación que organiza este ano a Escola Deportiva Santiago é a incorporación do baloncesto como unha das dúas modalidades que, xunto co fútbol, poden escoller os nenos e nenas participantes. Así, este verán aqueles baloncestistas que desexen mellorar a súa técnica e táctica poderán inscribirse no Campus de Tecnificiación en Baloncesto que se celebrará os días 23, 25, 26, 27 e 28 de xuño en Santiago e do 3 ao 15 de agosto en Cambados (máis información e folla de inscrición premendo aquí).

O coordinador da sección, José Manuel López, é adestrador superior de baloncesto e conta con 25 anos de experiencia ás súas costas; os últimos 15 no CD Compañía de María. Falamos con el para coñecer un pouco máis en que vai consistir este Campus.

A Escola Deportiva Santiago organiza por primeira vez en verán un Campus de Tecnificación en Baloncesto. Que se van atopar os nenos/as que asistan? Que quere dicir que sexa un campus de tecnificación? 

Os nenos/as vanse atopar cunhas xornadas orientadas de maneira exclusiva ao traballo específico de perfeccionamento. A tecnificación leva implícita a corrección máis depurada dos xestos técnicos que os nenos aprenden neste deporte; traballo de bote, pase, tiro… e traballo técnico individual para levalo á práctica no xogo do 5×5.

“AS XORNADAS ESTARÁN ORIENTADAS DE MANEIRA EXCLUSIVA AO TRABALLO ESPECÍFICO DE PERFECCIONAMENTO”

O Campus diríxese a nenos e nenas de entre 4 a 14 anos. Son idades moi diferentes. Como se traballará con cada un deles?

En función da demanda do rapaz vaise facer un traballo en pequenos grupos. Será de máxima atención. Os monitores coidarán móito a calidade do seu traballo e correxirán o mínimo detalle para darlle a cada un toda a atención necesaria para a súa aprendizaxe.

Que lle aporta o baloncesto aos nenos/as desde o punto de vista físico? E desde o punto de vista da formación en valores?

Dende o punto de vista físico, o baloncesto é un compendio de virtudes coordinativas que permiten a mellora do rapaz no seu crecemento. En canto aos valores, como todo deporte de grupo, o baloncesto aporta disciplina, compañeirismo, implicación, motivación, valoración… moitos valores que lle permiten crecer interiormente e de cara ao futuro como adulto.

DSC_0969.JPG

Algúns nenos xogando ao baloncesto no último Campus de Semana Santa que organizou a Escola.

Que características debe ter todo bo xogador de baloncesto?

Ganas de aprender, implicación, esforzo, capacidade de sacrificio… Son características que permitirán aos nenos/as desenvolverse de maneira doada neste deporte. Despois disto, virán as características técnico-tácticas e físicas co paso do tempo que facilitarán máis ou menos a capacidade para a práctica do baloncesto.

“TAL E COMO ESTÁ A SOCIEDADE, O DEPORTE É O MELLOR LUGAR PARA FORMAR E VER PROGRESAR AOS NOSOS FILLOS”

Como ben dis trátase dun deporte en equipo, pero que importancia ten o traballo individual de cada un deles?

Como todo deporte de equipo é a suma de cada un deles. O traballo individual conleva a mellora do grupo e a capacidade de manter a armonía do mesmo, sendo capaz en cada intre de dar resposta ás exixencias do equipo.

Que lle dirías a aqueles pais/nais que non se preocupan porque os seus fillos/as fagan deporte? E por que os animarías a que anoten aos seus fillos/as a este Campus?

Aos pais diríalles que a rúa está chea de rapaces perdidos. Neste intre, e tal e como está esta sociedade, é o mellor lugar para formar e ver progresar aos nosos fillos. Por outro lado, os motivos para participar neste Campus son claros: a calidade tanto deportiva como humana dos que o van facer posible vanno converter nunha experiencia difícil de esquecer.

Brais Alonso: “Cada adestramento debe ser un momento ameno e divertido no que os nenos tamén aprendan a ser persoas”

Brais Alonso (Compostela, 1980) é un dos adestradores da Escola Deportiva Santiago, tanto na sección de fútbol sala como na de fútbol 8. Enxeñeiro forestal e amante do deporte desde ben pequeno, tamén preside a Peña Celtista do Milladoiro. Nesta entrevista cóntanos como é o traballo que realiza na nosa entidade.

Cales son as principais diferenzas entre o fútbol 8 e o fútbol sala? Que lles aporta cada unha destas modalidades aos nenos?

A velocidade, a habilidade e a técnica son conceptos aos que se lles pode sacar moito proveito no fútbol sala. Ademáis, o xogo no futbol 8 lles ensina a ser responsables cos seus posicionamentos no campo, namentres a rapidez nos cambios de posición no fútbol sala fai o xogo moito máis dinámico.

O equipo de fútbol sala PB2 da Escola acaba de proclamarse campión de Liga. Non van as cousas mal, non?

Está claro que as cousas van ben. Aínda así, teño que insistir en que a posición na taboa clasificatoria non é importante. Teñen que entender, nenos e pais, que os resultados só son unha parte deste deporte, pero non o fin en si mesmo. Evidentemente, neste caso, os rapaces traballan moito e os resultados acadados son moi positivos.

Respecto ao fútbol 8, acaba de crearse o equipo da Escola. Como se adaptaron os nenos ao fútbol en herba? 

Dende o meu punto de vista e tendo en conta o traballo desta tempada, está claro que pasar unha etapa en fútbol sala lles axudou moito.

“OS RESULTADOS SON SÓ UNHA PARTE DESTE DEPORTE, PERO NON O FIN EN SI MESMO”

Esta tempada tamén se creou o equipo feminino da Escola. Aínda que non as adestras ti, como ves ás nenas? E que opinión tés do fútbol feminino?

Valoro moito que as rapazas se animen a xogar dende pequenas a todo tipo de deportes. O fútbol é un máis. E eu aplaudo a decisión destas nenas e o apoio por parte dos pais nese senso. Sigo con atención a evolución do grupo que adestra Amanda Plaza porque considero que están a aprender moito con ela. Amanda non só demostra ser unha boa adestradora, senón mellor compañeira.

Como enfocas os teus adestramentos? 

Evidentemente adáptome ás idades dos rapaces. Pero dende logo, considero que o punto de partida é facer de cada adestramento un momento ameno e divertido no que aprendan a ser persoas mentres practican deporte. Ademáis, eu disfruto moito cando lles ensino algún concepto en inglés mentres xogan. Tamén trato de que collan o hábito de facer quencemento e estiramentos ao comezo e final de cada adestramento.

Cales son para ti as características básicas que debe ter todo bo xogador? 

Penso que coas idades dos rapaces desta Escola non debemos caer no erro de etiquetar ‘bos xogadores’. Cada neno ten que aprender a sacarlle partido as súas fortalezas, algo que tamén depende do seu crecemento físico e a súa maduración como adulto. De tódolos xeitos, pola miña parte, loito para inculcarlles valores como a disciplina, o respecto, o compromiso, o compañeirismo, a solidariedade, o entusiasmo ou a honestidade.
Brais con algúns dos nenos nun adestramento de fútbol sala.

Brais con algúns dos nenos nun adestramento de fútbol sala.

Por que animarías aos nenos/as composteláns a xogar nos equipos da Escola Deportiva Santiago? 

Xustamente polo que expoño anteriormente. Nós promovemos unha serie de valores que, por desgracia, non sempre se coidan en tódolos clubes.

Por que deben facer deporte os nenos e nenas? De que maneira cres que inflúe na súa educación?

Están máis que probados os beneficios no organismo (a nivel físico e mental) de calquera práctica deportiva. Pero é que ademáis a actividade física se convirte nun mecanismo educativo onde se persegue non só a creación de hábitos saudables, senón de valores como o traballo en equipo, o respecto polos compañeiros e os contrarios, a corresponsabilidade, o esforzo en conseguir un obxectivo común, o fomento da superación persoal…

“DESPOIS DUNHA DERROTA, HAI QUE FELICITAR AO CONTRARIO E SACAR SEMPRE CONCLUSIÓNS POSITIVAS”

Cando hai victorias será todo alegría. Pero cando hai derrotas, como se lle ensina a un neno a saber perder? E aos pais e nais?

Dende a miña opinión persoal, penso que é máis fácil aprender e ensinar dende as derrotas. Pero para iso, hai que saber ser autocrítico e analizar os erros cometidos. Cos nenos todo é moito máis fácil porque para eles os resultados (victorias ou derrotas) son efímeros. Xogan un partido pola mañá e, sexa cal sexa o resultado, pola tarde xa queren xogar outro. Quizáis sexa máis problemático con algún pai, ainda que non na nosa Escola. Pero para esos pais, eu diríalles que os seus actos despois dunha derrota revelan o seu caracter, polo que temos que aprender a levar a cabeza ben alta, felicitar ó contrario e sacar sempre conclusións positivas.

Óscar Vilariño: “O Campus Polideportivo de Semana Santa fomenta a diversión ao aire libre e a convivencia entre os rapaces”

A Escola Deportiva Santiago organiza os días 14, 15 e 16 de abril unha nova edición do Campus Polideportivo de Semana Santa, actividade dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade e para a que xa está aberto o prazo de inscrición. Falamos cun dos seus monitores, Óscar Vilariño.

Que se van atopar os nenos e nenas que asistan a esta nova edición do Campus Polideportivo de Semana Santa?

Poderán gozar de distintas actividades enfocadas na mellora da psicomotricidade e coordinación, tendo que emplear todo o seu corpo e a súa mente. E sobre todo son actividades enfocadas á diversión ao aire libre e á convivencia entre os rapaces.

Ademais de fútbol, baloncesto ou atletismo, os asistentes poderán coñecer diferentes modalidades deportivas alternativas. Que lles aportarán cada una delas?

  • Bádminton: Este xogo vai aportarlles o control da súa propia personalidade. É un deporte individual no que o neno aprende a controlarse a si mesmo, a autoconcentrarse e a desenvolver un control do seu tronco superior.
  • Golf: É un deporte moi similar ao bádminton en canto ás características de traballo do tronco superior, coa excepción de que nesta actividade o neno/a desenvolve máis capacidade intelectual (partes dun lugar e tes que pensar a onde tes que chegar para gañar).
  • Fútbol Americano: Pensando na mellora colectiva dos rapaces, este deporte apórtalles, a diferenza do fútbol, o ter que mirar máis alá dos pés para poder realizar a actividade con éxito.
  • Judo: É un deporte no que os rapaces gañan en equilibrio, en forza e en coordinación para deportes de contacto coma sucede no fútbol ou baloncesto… Aprenden a facer caídas tanto para adiante coma para atrás, sen necesidade de chegar a combate. Tódalas actividades nas que poida haber contacto sempre serán movementos básicos e controlados sen que se permita ningún risco de lesión ou de facerse dano.

“QUEREMOS QUE OS RAPACES MELLOREN POR SI MESMOS E, EN PALABRAS SIMPLES, FACER DEPORTISTAS INTELIXENTES E AMIGOS ENTRE SÍ”

Como dicías, o obxectivo do Campus é que os nenos se divirtan pero tamén que aprendan co deporte. Que valores se lles intenta transmitir coas distintas actividades?

Por riba de todo, o que dende a Escola Deportiva Santiago intentamos inculcar aos rapaces é o respecto duns hacia os outros, e a mellora individual a través do grupo. Que os nenos desfruten é a nosa máxima, que aprendan a partir doutro compañeiro e que melloren por si mesmos e non ordenados por un monitor. En palabras simples, queremos facer deportistas intelixentes e amigos entre si.

Neste Campus hai moitas actividades e nenos e nenas de diferentes idades. Como se organizan as xornadas?

Intentamos xuntar aos nenos por grupos de idades semellantes, pero nesta etapa de entre 4 e 12 anos, cada ano nótase moito a diferenza, sobre todo física. Aínda así, os rapaces maiores fan moito exercicio de reflexión cando están cos pequenos e adquiren moi rápido as responsabilidades axudándonos a ensinar.

Como monitor, que é o que máis che gustaría que aprenderan os nenos que asistan a este Campus?

Nestas idades, o deporte é secundario. É unha forma de manter un corpo e unha mente sans e unha maneira de que se divirtan. O que eu lles intento inculcar son valores que lles sirvan para o día a día, como é o respecto polos compañeiros, a amizade, a solidaridade… e todo tipo de valores que fagan que o neno mellore grazas ao grupo.

pb1-2ok

Óscar con algúns dos rapaces da Escola Deportiva Santiago.

Ademais de monitor neste Campus, tamén es adestrador dos equipos de fútbol sala da Escola Deportiva Santiago. Que tal está resultando a experiencia?

Persoalmente teño moita predilección polos nenos, contáxiome da súa enerxía. O grupo que me tocou este ano é espectacular, non só no deportivo – que van primeiros na súa liga -, senón da amizade que se teñen entre eles. Síntome agradecido ao seu carón, porque non só fan o que lles pido, senón que a súa predisposición é sempre positiva. Veñen tódolos días con ganas de aprender.

Como organizas os teus adestramentos?

A min non me gusta planificar unha tempada enteira e seguir un guión. O que marca os adestramentos é a evolución dos rapaces. Hai cousas que non contaba que con 7 anos puideran aprender e por contra xa dominan. Polo tanto, mesturo conceptos individuais coma poden ser rexeitamentos, entradas ou regates; con conceptos colectivos, coma as posicións no campo e o que poden facer en cada situación. Pero sempre buscando a mellora individual dende o colectivo.

Aprendes ti tamén dos nenos? Que che ensinan eles a ti?

Non me canso de aprender. O que máis me gusta dos rapaces é a sua facilidade para dar solución a calquera tipo de problema. Os adultos dámoslle moitas voltas a unha situación cando un rapaz xa leva moito tempo coa resposta clara. Non me gusta atar aos rapaces cunha corda e que fagan o que mando, ao contrario, observo moito o que eles fan en cada situación e danme moito traballo feito.

“O QUE REALMENTE FAI DANO AOS NENOS É A CALEFACCIÓN DO COCHE, DA CASA E, SOBRE TODO, A DO CENTRO COMERCIAL”

Que lles dirías aos pais que non se preocupan porque os seus fillos fagan deporte?

Hoxe en día hai dous elementos que xogan en contra do deporte ao aire libre: as tecnoloxías e o clima no que vivimos. Aos pais diríalles que desenganchen aos seus fillos das consolas e os leven a facer deporte. O seu corpo agradecerao e, sobre todo, a súa mente. E polo tema do tempo, adestrar con choiva ou frío (debidamente protexidos) fai que o rapaz goce dunha saúde forte. O que realmente fai dano é a calefacción do coche, da casa e, máis que ningunha, a do centro comercial.

Que é o deporte para ti?

Para mín o deporte é unha forma de vida. Ensinoume a socializar, a confiar na xente, a comportarme nun entorno social, a ter confianza en min mesmo. O deporte inculcoume os valores que hoxe teño, coma pode ser a loita, o non renderme ata acadar os meus propósitos, a remar forte nestes tempos que corren. E o que máis me gusta do deporte é a cantidade de amigos que hoxe teño e son parte da miña vida. O mellor do deporte non é gañar soamente, senón a superación diaria, a ser mellor cada día e superar os límites que cada un cre que ten. Sempre e cando o deporte non sexa unha obriga, senón que forme parte de cada un.

DESCARGA DA FOLLA DE INSCRICIÓN PARA O CAMPUS POLIDEPORTIVO DE SEMANA SANTA EN PDF: CampusPolideportivoSemana Santa 2014

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR