Educación

now browsing by tag

 
 

Claudio Naranjo: “Hai que ensinarlles aos nenos a aprender, pero non ensinarlles cousas”

“Só hai dúas cousas que poden facer que o mundo se transforme: un cambio persoal e unha nova educación”. Así o asegurou o psiquiatra chileno Claudio Naranjo nunha entrevista publicada por El Confidencial en 2013 (podes lela completa premendo aquí). Con este experto en temas educacionais comezamos unha serie de artigos adicados a grandes pensadores deste ámbito e do deporte que esperamos sexan do voso agrado.

Naranjo defende un modelo que fomente a creatividade e axude aos nenos a saber sen a presión dos exames. “Trátase de ensinarlles a aprender, pero non ensinarlles cousas”, afirmaba nunha entrevista en Cataluña Radio en 2007. Para o chileno todo se pode aprender “dunha forma máis entretida, sen que estean todos os alumnos nunha clase ordenados por idades e sentados inmóbiles”. Un exemplo son as Escolas Montessori nas que o obxectivo principal é que os estudantes alcancen o maior grado posible de independencia física e mental. Para iso, ofréceselles aos pequenos un entorno no que poidan desenvolver ao máximo a súa curiosidade (con portas abertas, liberdade para escoller o traballo que desexen facer en cada momento, mezcla de idades nunha mesma aula para fomentar a cooperación entre eles, mestres que funcionan como guías, etc.).

En ‘Cambiar la educación para cambiar el mundo’, Naranjo denuncia o sistema educativo que prima hoxe en día e que ten como prioridade o servizo ao poder e ás empresas antes que a formación de seres máis libres e plenos. “A Educación é para o desenvolvemento humano integral, e non para formar seres dóciles, manexados, automatizados, sen visión futura, capaces só de manipular aos demais, producir, vender e contentarse coa pseudo-democracia”, sinala nesta obra.

Para que poidades coñecer máis sobre o pensamento de Claudio Naranjo, deixámosvos agora un vídeo no que responde á pregunta de como facer unha educación máis humana.

Xogos e aplicacións móbiles educativas para que os nenos se divirtan e aprendan

Con tanto temporal que estamos a ter, estes días é difícil poder saír cos nenos a facer actividades ao aire libre. Os pequenos pasan máis tempo na casa, moitas veces querendo ‘xogar’ co teléfono móbil ou o ordenador de mamá e papá. Así que convén estar preparados! No seguinte enlace podedes coñecer 10 aplicacións e xogos que combinan diversión e aprendizaxe:
A lista elaborouna www.juntines.com, unha páxina web onde atoparedes moitas ideas para facer cos nenos na casa, xa sexa a través de Internet ou coas clásicas manualidades, por exemplo.
Outro artigo que nos parece moi interesante é este da web Maternidad Fácil no que explican en que consisten algunhas das mellores aplicacións educativas para os máis peques:
Sabiades ademais que tamén existen redes sociais para nenos? No seguinte enlace falan de tres: Kidzworld, Moshi Monsters e Yoursphere. Aínda que están en inglés, contan con numerosas actividades para realizar por Internet, como xogos. Están especialmente deseñadas para menores de idade, descartando os contidos inapropiados para eles.

Contos para todos os nenos co escritor Miro Villar este sábado en Lestedo

Miro Villar. FOTO: AELG


A Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio invita a todos os nenos da Escola Deportiva Santiago a participar no encontro co escritor Miro Villar que terá lugar este sábado, 8 de febreiro, ás 18:00 horas no Centro de Interpretación Pico Sacro de Lestedo. Nel colaboran o concello de Boqueixón e a Deputación da Coruña.

Nesta actividade, que eles denominan ‘Contada Rimada’, o escritor ceense narrará varios relatos rimados da súa autoría. E que mellor maneira de pasar a tarde do sábado que cunha boa ración de contos! Ademais de divertirse, os pequenos poderán espertar a súa imaxinación! 
Miro Villar (Cee, 1965) é profesor de lingua e e literatura galegas, poeta, narrador e crítico literario. Ademais de ensaios e obras poéticas, no eido da literatura infantil e xuvenil ten publicados a serie ‘Carlota, a marmota’ (2000), ‘Carlota e a bota perdida’ (2003), ‘Carlota e a gaivota patiamarela’ (2006), ‘O nariz de Fiz’ (2009) e ‘A cobiza do verme Noel’ (2011). Se queredes coñecer máis sobre este autor, podedes premer neste enlace
 
 
 

Dez ideas para que os nenos vaian contentos á escola

O director do informe PISA (aquel que evalúa o nivel educativo de estudantes de todo o mundo) aseguraba esta semana que o profesorado español precisa máis autonomía.  Nunha entrevista concedida á axencia Efe, Andreas Schleicher criticaba tamén o sistema de aprendizaxe por memorización que se emprega no noso país desde fai décadas e que considera clave do noso fracaso educativo. 
 
En pleno debate sobre como se debe traballar nas nosas escolas, propoñémosvos hoxe darvos unha volta polo blog ‘Justifica tu respuesta’, que vai dirixido a docentes pero que cremos que pode ser moi interesante para pais e nais. O seu autor é o profesor de Secundaria Santiago Moll. Nel chamounos especialmente a atención un post que titulou ’10 trucos para enamorar a tus alumnos’ e que podedes ler por completo premendo neste enlace. Porque cantas veces se teñen queixado os vosos fillos por ter que ir a clase? Non credes que nun ambiente máis divertido e cun profesor que soubera motivalos irían con máis ganas?
Baseándose na súa propia experiencia, Moll propón aos docentes varias maneiras de conectar cos alumnos e motivalos para que vaian contentos á escola. Estes trucos son:
  1. Entrar cun bo sorriso.  “Non entendo o empeño de moitos docentes en entrar á clase coa cara seria e proxectando certo engado”, escribe Moll. “Non teño moi claro que iso implique un maior control da aula e maior disciplina”.
  2. Contar anécdotas. Para Moll son unha excelente maneira de captar a atención dos pequenos.
  3. Rematar a clase cun vídeo. De non máis de 5 minutos e que teña relación coa materia dada. “É unha excelente forma de decirlles aos teus alumnos que fixeron un bo traballo, que estás satisfeito e que queres recompensar o seu esforzo cun material que permite a relaxación”, asegura.
  4. Os nenos tamén ensinan aos profesores. Para Moll é fundamental que os nenos sintan que tamén teñen algo que dicir. Os prefosores deben escoitalos.
  5. Ensinarlles a prestar. Este profesor tamén propón prestarlles aos alumnos material escolar, de xeito que aprendan a responsabilizarse del.
  6. Clases con sorpresas. Outros dos consellos que se dan neste artigo é facer, de vez en cando, algunha actuación que sexa diferente. Por exemplo, recitar un poema, cantar unha canción, cambiar o ton de voz…
  7. Intercambio de papeis. Por que non se sentan os nenos na cadeira do profesor e este no pupitre? “No meu caso gústame facelo cando estamos repasando algúns conceptos. O certo é que se produce unha situación que aos alumnos sempre lles choca e vos aseguro que, ben xestionada, fai que se produza un momento de distensión na aula”, afirma Moll.
  8. Que os alumnos sexan os protagonistas. Hai que potenciar a súas cualidades e virtudes, facéndoos sentir especiais.
  9. Crear expectativas. Para Moll, o primeiro que debe facer un profesor é explicar aos nenos que van facer na clase. “E facerlles ver que será algo único, especial, diferente, incrible…” porque, deste xeito, “a súa predisposición para a aprendizaxe será moito maior”.
  10. Que non falten as bromas. Molla asegura que se pode e se debe aprender xogando. “Unha broma dita a tempo é un arma tremendamente poderosa para establecer un vínculo emocional cos alumnos. Favorece a linguaxe figurada, crea distensión, e serve para establecer transicións entre as diversas actuacións na aula”, opina.  
E vos, que opinades destes métodos? Credes que poden ser bos para que os vosos fillos teñan unha mellor educación? Deberían adoptalos os seus mestres? Esperamos os vosos comentarios! 
Photo credit: Banco de imaxes de Cenice.

Apoiarías uns recreos nos colexios con menos fútbol?

O Departamento de Educación do Goberno vasco vén de aprobar un plan para rematar co que eles denominan unha “distribución sexista dos espazos en zonas de recreo escolares”. Trátase de evitar que os patios dos colexios estean ocupados por aqueles que xogan ao fútbol relegando aos que non lles gusta este deporte (na súa maioría nenas) a xogar nunha esquina. 
 
Algúns centros do País Vasco xa comezaron a implantar estas medidas. Tal e como explican nunha reportaxe do Diario Vasco, en Ibai Ikastola teñen establecido que os luns, mércores e venres os alumnos non poden xogar ao fútbol no recreo. O artigo inclúe un vídeo no que un dos profesores comenta as alternativas que teñen establecidas para eses días como son, por exemplo, a organización de torneos de diferentes deportes ou a utilización de elementos como cordas ou balóns de goma espuma. 
 
E ti, que opinas destas medidas? Pareceríache unha boa idea implantalas nos colexios galegos? 
 

Por uns regalos de Reis deportivos, educativos e sen sexismo

Xa faltan moi poucos días para que cheguen os Reis Magos e quizais aínda teñades dúbidas sobre os regalos para os vosos fillos e fillas. 
 
O pasado Nadal recoméndamosvos neste blog que apostarades por xoguetes educativos, aqueles que ademais de divertir aos pequenos tamén estimulan a súa aprendizaxe. Podedes ler aquel post premendo neste enlace. 
Desta vez dámosvos tamén algunhas ideas para aqueles nenos que xa teñen entre 9 e 12 anos de idade e empezan a ser máis independentes. Neste vídeo da Asociación Española de Fabricantes de Juguetes dan algunhas claves para ter en conta: 

Outra boa idea sería regalar obxectos que teñan que ver co deporte, como balóns, bicicletas, etc. E é que xa sabedes que desde esta Escola sempre vos falamos de todos os beneficios que aporta a actividade deportiva aos máis pequenos da casa. 
 
Por último, deixámosvos tamén este vídeo da marca Goldiebox que reivindica o dereito das nenas a xogar con outros xoguetes que non sexan ‘Barbies’ ou cociniñas. Resulta moi importante se non queremos fomentar unha cultura sexista desde a infancia. 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR