deporte base

now browsing by tag

 
 

Proxecto Iris contra a desigualdade no deporte base, porque #animarnonéberrar

Este xoves 17 de novembro celebrarase #Animarnonéberrar, unha cita na que se quere fomentar a igualdade no deporte de base e loitar contra o racismo e as discriminacións, cun sorriso na cara e de xeito divertido.

Para elo reuniranse no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago os distintos actores que conforman a realidade do deporte de base: deportistas, formadores, autoridades, profesores, alumnos …

Destacados deportistas explicarán a súa experiencia, ao tempo que a actriz Isabel Risco conducirá unha xornada que contará con dúas sesións, a primeira de 10:45 a 11.30 horas; e a segunda, de 11:35 a 12:20 horas.

Está confirmada a presenza da atleta Raquel Suárez Pedrosa; así como a de xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro e o seu speaker,Javier Masaguer.

#Animarnonéberrar enmárcase dentro do Proxecto IRIS, unha iniciativa financiada pola Unión Europea dentro do Programa Erasmus + que, a nivel español, está desenvolvido dende o Grupo de Investigación Stellae da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

O Proxecto IRIS, Recursos de aprendizaxe innovadores para fomentar a igualdade no deporte de base, afrontando incidentes de discriminación, racismo e violencia, conta tamén conta con entidades e universidades doutros países como Grecia, Finlandia, Hungría e Bulgaria.

As persoas interesadas, ben relacionadas coa formación deportiva e centros de ensino ou nais e pais que queiran acudir a algunha das sesións, aínda poden apuntarse, tras consultar coa organización no teléfono 981 569 196 ou no correo electrónico eventos@trevisani.es . A entrada é de balde.

A empatía no deporte base

Nun momento da sociedade deportiva onde o coach e o psicólogo están tan demandados no deporte profesional, quero facer mención a unha necesidade menos profesional pero máis importante no crecemento dos nosos fillos/as, xogadores/as, en idade de formación: a EMPATÍA como arma necesaria para os adestradores.

Gustaríame significar a EMPATIA como unha virtude absolutamente necesaria para todo adestrador, virtude máis que significativa cando falamos do deporte base e deportistas en idade de formación tanto física como mentalmente. É bastante frecuente observar condutas inapropiadas en adestradores que se derivan das carencias desta capacidade do ser humano.

A EMPATÍA, tamén chamada intelixencia interpersoal, é a capacidade de percibir nun contexto común o que outro individuo pode sentir. As persoas con empatía son aquelas capaces de escoitar aos demais e entender os seus problemas e as súas motivacións.

Entre outras, as características positivas dun adestrador cunha empatia destacada son:

  • Saber escoitar e saber cando falar.
  • Disposición ao dialogo sobre os problemas.
  • Aberto e flexible ás ideas.
  • Dá apoio e axuda aos xogadores.
  • É solidario.
  • Regula as emocións do seu equipo.
  • Propicia o traballo en equipo.
  • Alenta a participación e a cooperación.
  • Confía no grupo e en cada xogador.
  • Non se impón á forza.
  • Comunícase abertamente.
  • Orienta e ensina.
  • Demostra capacidade de autocritica.

Como podemos desenvolver a nosa empatia?

– Escoitar coa mente aberta e sen prexuízos; prestar atención e amosar interese polo que nos están a contar, xa que non é suficiente con saber o que o xogador sinte, senón que temos que demostrarllo; non interromper mentras nos están a falar e evitar convertirnos nun experto que se dedica a dar consellos en lugar de intentar sentir o que o xogador sinte.

– Descubrir, recoñecer e recompensar as cualidades e os logros dos xogadores. Isto vai a contribuír non soamente a fomentar as súas capacidades, senón que descubrirán tamén a nosa preocupación e interese por eles.

– Facer preguntas abertas. Preguntas que axudan a continuar a conversa e fanlle ver á outra persoa que estamos interesados polo que está a contar.

– Antes de dar a nosa opinión sobre o tema, debemos esperar a ter información suficiente, asegurarnos de que o xogador nos contou todo o que quería e de que nós escoitamos e interpretamos correctamente o esencial da súa mensaxe.
– En ocasións os xogadores non necesitan a nosa opinión e consello, senón saber que os estamos a entender e que sentimos o que eles queren transmitir.
– Cando teñamos que dar a nosa opinión é moi importante facelo de forma constructiva, ser sinceiros e procurar no ferir cos nosos comentarios.
– É aconsellable ter unha boa predisposición para aceptar as diferencias que temos cos demais, ser tolerantes e ter paciencia cos que nos rodean e con nós mesmos.

– Aínda que ser tolerante non quere dicir que teñamos que soportar condutas que nos fan dano ou que poidan facer dano a outros, senón aceptar, comprender e respectar as diferencias.

Por último quero salientar dúas cousas que considero importantes para entender e valorar a EMPATÍA:

  1. Ser empáticos non significa estar de acordo co outro, nin tampouco implica deixar de lado as nosas propias decisións para asumir como nosas as dos outros. (Podemos estar en completo desacordo con alguén, pero debemos tratar de respectar a súa posición).
  2. Pola nosa situación de adestradores de base, formadores de xogadores xóvenes, debemos ter extremo coidado de non danar as emocións dos nosos xogadores. Isto en ocasións, e máis aínda en idades temperás, márcalles moi profundamente. A mellor maneira de evitalo é aumentando a nosa empatía.

Ante a decisión que como adestradores adoptamos de formar e educar aos nosos futuros deportistas e non tan deportistas, debemos considerar a posibilidade de prestar máis atención á “persoíña” que temos diante e darlle a importancia necesaria ao que pensa e necesita por encima dos nosos logros deportivos, chámense victorias ou derrotas.

manuel_basket_pequeTexto escrito por José Manuel López, adestrador superior de baloncesto e monitor habitual nos Campus da Escola Deportiva Santiago.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR