colexio

now browsing by tag

 
 

Actividades extraescolares, moi beneficiosas na súa xusta medida

Son moitos os pais e nais que se preguntan a que actividades extraescolares apuntar aos seus fillos/as, se será demasiada carga para eles ou, polo contrario, se deberían asistir a máis. Neste debate hai opinións de todos os tipos. Expertos en educación como Catherine l’Ecuyer recomendan que non afecten ao tempo adicado ao xogo. Pero por que é isto importante? Segundo Eva Marina, directora da Universidade de Pais, xogar cos amigos sen presenza adulta “facilita a incorporación gradual á vida en sociedade, é dicir, edúcanse as habilidades sociais”.

Sen embargo, iso non quere dicir que se deban eliminar as actividades extraescolares. Segundo un estudo realizado pola Universidade de Vigo e presentado este mesmo ano, os alumnos de Primaria que as realizan rinden mellor. A súa autora, Lucía Pumares, descubriu co seu traballo que os estudantes que combinan o deporte con clases artísticas ou expresivas obteñen mellores resultados académicos. “Cando os nenos teñen dificultades, os pais envíanos só a clases de reforzo ou os castigan sen outro tipo de actividades. Pero isto resulta totalmente contraproducente. Incluso os nenos que só fan deporte teñen mellor rendemento que os que só van a clases de reforzo”, destaca Pumares. “As actividades extraescolares inflúen en maior medida no seu sentimento de autoeficacia, de sentirse capaces para ter éxito”, engade.

Pero como elexir as actividades ás que anotar aos nosos fillos/as? Eva Marina dá algúns consellos:

  • Atender aos intereses do neno e tamén ao seu temperamento. Que poida elixir.
  • Evitar a sobresaturación da axenda do neno.
  • Non obrigarlle a ir, se non lle gusta.
  • Se vemos síntomas de cansazo, de insomnio, nerviosismo ou decaemento, posiblemente o neno non poida con todo.
  • Antes de realizar a matrícula é importante coñecer á persoa encargada, a súa capacitación profesional e a formulación pedagóxica que ten esa actividade.
  • O importante é que os nenos aprendan, pero tamén que gocen nestas actividades, que lles motiven.
  • Evitar actividades extraescolares de reforzo dos contidos escolares. Os nenos pasan moitas horas no colexio e posiblemente teñan deberes cando cheguen a casa.

 

Deporte e boas posturas para coidar a espalda dos nenos e nenas

Mochilas cargadas de libros, malas posturas na mesa… Son moitos os nenos e nenas que sofren dores de espalda. Como evitalos? O deporte é fundamental, tal e como explican neste vídeo da web guiainfantil.com

Compartimos convosco ademais outro vídeo do mesmo portal con consellos para levar ben as mochilas ao colexio.

Educas? Fomenta a creatividade e a imaxinación

Fomentar a creatividade e a imaxinación dos máis pequenos é unha parte fundamental da súa educación e non debemos esquecelo. Cóntao moi ben o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Anxo Carracedo, nun artigo publicado por El Correo Gallego que podes ler premendo aquí. Del destacamos varias frases:

  • “Educar non é coma facer sardiñas en lata, todos os rapaces uniformes, producidos ao mesmo tempo”.
  • “A imaxinación e a creatividade non son defectos, son grandes virtudes e non só para a arte ou a literatura senón tamén para a ciencia e tecnoloxía. Eu diría que son características esenciais dos bos investigadores”.
  • “Non esquezamos tampouco que, como expresión da diversidade, debemos ver con naturalidade que os nosos ritmos de madureza son distintos. Non pasa nada e non é un fracaso se algúns rapaces van máis lentos nalgunhas habilidades”

Pero que pasa nas escolas? Está o noso sistema educativo ‘matando’ a creatividade dos nenos e nenas? Iso é o que analizan nun artigo de La Vanguardia no que diferentes expertos cuestionan o xeito no que educamos aos nosos pequenos. “Din que a creatividade é o xene do xenio e o talento, o que determina que haxa Einsteins, Edisons, Leonardos, Quevedos ou Steves Jobs, e que todos os nenos nacen con el. Entón, por que despuntan tan poucos de maiores?”, pregúntanse neste texto.

E como poden os pais e nais fomentar a creatividade e imaxinación dos seus fillos e fillas na casa? Premendo aquí atoparás algúns consellos. O máis importante é ben sinxelo! Xogar e pasar tempo de calidade cos pequechos!

O meu fillo xa ten deberes. Debo axudarlle?

Metidos xa de cheo nun novo curso escolar, os nenos e nenas empezan a levar deberes para facer na casa. E nós, coma pais, debemos axudarlles?

Nun interesante artigo publicado por El País (e que podes ler por completo nesta ligazón) explican dunha forma moi clara como temos que actuar. Así, a psiquiatra Orlanda Varela, asegura que en ningún caso debemos rematar facendo nós os deberes. “O pai tense que poñer na posición de adestrador. Un adestrador non corre co xogador nin ten que comer as mesmas calorías, nin, por suposto, sufrir as súas lesións. Un adestrador ten dúas funcións fundamentais: organizar e asesorar co obxectivo de mellorar o rendemento”, sostén.

Tamén vos recomendamos botarlle un ollo a outro artigo do xornal ABC titulado ‘Os dez erros máis comúns dos pais ao facer os deberes cos fillos’ (preme aquí para lelo por completo). Nel dan unha serie de consellos:

  • Facer os deberes sempre no mesmo sitio, e a ser posible sen distraccións e en silencio.
  • Evitar protestar diante dos nenos sobre a cantidade e calidade dos deberes
  • Axudarlles a atopar as respostas que buscan, mellor que explicarlles as dúbidas
  • Consultar cos profesores se temos algunha dúbida
  • Establecer unha hora de comezo e outra de fin e facer descansos
  • Acada idade o seu tempo: 15 minutos para os máis pequenos, entre 30 e 40 minutos para os nenos de entre 6 e 8 anos, unha hora para os de 8 a 10 e entre 60 e 90 minutos para os que sexan maiores. 

Non hai escapatoria! Chega a volta ao cole!

Os nenos e nenas galegas regresarán as clases o próximo 10 de setembro e, superada xa a primeira quincena de agosto, non hai escapatoria! Estamos a piques de enfrontarnos á temida volta ao cole!

Os pais e nais terán que soportar un gasto que pode chegar ata os 600 euros entre libros de texto, material escolar, roupa… e, ademais, os nenos e nenas terán que acostumarse de novo aos madrugóns, a cargar coa mochila, a adicar tempo aos estudos…

Para pasar os últimos días de vacacións divertíndose dun xeito saudable, a Escola Deportiva Santiago organiza un Campus Polideportivo que podedes consultar premendo neste enlace. Pero ademais, queremos darvos algúns consellos que rescatamos da páxina web escuela20.com para facer máis doado este adeus ao verán:

  • Comezar coa rutina do espertar: Máis ou menos unha semana antes da volta ao cole hai que empezar a acostar aos nenos antes para que se levanten da cama máis cedo.
  • Menos tempo coa tele e o ordenador: Se es dos que en verán deixas pasar máis tempo aos nenos coas novas tecnoloxías, hai que empezar a restrinxilo. Podedes organizar unha reunión familiar e fixar as novas normas xuntos para que os pequenos se sintan implicados.
  • Preparar as merendas: Podedes facer unha lista cos 10-20 alimentos que lles gustarían levar aos vosos fillos ao cole para as merendas e combinar os seus gustos con alternativas saudables.
  • Mapa da escola: Se o pequeno vai a empezar nun novo colexio sería interesante poder visitalo con el antes. E tanto se é novo como se non, facer un mapa para, dun xeito divertido, saber onde están as distintas aulas pode ser moi interesante.
  • Limpar o armario: Os nenos aprenderán a importancia do compartir se revisamos con eles os seus armarios, doando as prendas que xa lles queden pequenas e mirando o que necesitan para o novo curso.
  • Facer un orzamento: Chega unha época de moito gasto, así que é básico ter claro que é o imprescindible e que non.
  • Un espazo para estudar: Se todavía non o ten, non esperes para acondicionar un espazo de estudo para eles que sexa cómodo, estea ordenado e onde non haxa demasiadas distraccións.

Foto: Clarissa Rodrigues para o banco de imaxes Cenice

Adestrar e estudar, incompatibles? Mentira!

Xa estamos en plenas vacacións de verán pero en só dous meses tocará volver ao cole, a estudar e a formarse con distintas actividades extraescolares. E que pasa cos nenos e nenas que teñen máis dificultades cos libros? Deberían deixar, por exemplo, o deporte para centrarse nos seus estudos? A resposta atopámola no blog do adestrador Rafa Martínez Gallego.

Neste artigo que podes ler por completo premendo nesta ligazón asegura que abandonar os adestramentos co obxectivo de acadar un maior rendemento académico é unha gran mentira. Segundo a súa experiencia e de moitos outros compañeiros, a porcentaxe de nenos que melloran na escola tras deixar o deporte é baixísimo. Por que se fai entón? Segundo Martínez a principal razón é utilizalo como castigo. Pero se pregunta: e non sería mellor restrinxirlles outras actividades menos beneficiosas como o abuso da televisión ou dos videoxogos? E é que  o deporte, recorda, fomenta valores como o compromiso, a disciplina ou a responsabilidade.

Ademais, o adestrador apunta a dous estudos científicos que indican que gracias ao deporte os nenos e nenas melloran a súa memoria. Por que? Porque a actividade física favorece a aparición no cerebro dunha proteíña chamada BDNF que está relacionada directamente cos procesos de aprendizaxe. Explícao neste texto.

LER MÁIS:

– De que serve castigar o teu fillo sen adestrar ou xogar un partido? 

O deporte: Modelo de educación en valores se sabemos como facelo

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR