Celia Pía

now browsing by tag

 
 

Celia Pía presentou o Himno Oficial da Escola Deportiva Santiago

A Escola Deportiva Santiago xa ten himno oficial! É obra da artista Celia Pía e formará parte a partir de agora de todos os actos que organice a entidade. A letra, que presentou o pasado sábado despois do partido que xogaron pais e nais contra fillos e adestradores, é a seguinte:

SOMOS COMPAÑEIROS

SOMOS MOZOS DEPORTIVOS

SEMPRE GOZAMOS

XOGANDO OS PARTIDOS

SE ME ADESTRO E ME ESFORZO

CADA DÍA APRENDO

E NOS ENCONTROS

DOU TODO O QUE TEÑO

ESCOLA, ESCOLA DE SANTIAGO

ESCOLA, O NOSO EQUIPO É

NON HAI CONTRATEMPOS

QUE AS GANAS DESALENTEN

O APOIO DA AFECCIÓN

CON NÓS ESTÁ PRESENTE

SON VALENTE

XOGAR BEN

É TODO UN ALICIENTE

E O BALÓN

É O MEU REFERENTE

ESCOLA, ESCOLA DE SANTIAGO

ESCOLA, O NOSO EQUIPO É

 

Moitos risos, disfraces e amizade na festa do Entroido da Escola Deportiva Santiago

Os nenos e nenas da Escola Deportiva Santiago gozaron o pasado sábado da primeira festa do Entroido que organiza a entidade. Foi na cafetería Cadarso, no Campus Sur, onde os pequechos luciron os seus disfraces e merendaron pizza e outros petiscos.

As tres mellores vestimentas recibiron un agasallo e tamén entregamos o cadro da artista Celia Pía á gañadora das rifas que venderon os pequenos este Nadal.

Foi unha tarde moi divertida na que temos que agradecer a colaboración de Domino´s Pizza, Coca Cola e Centro Deportivo. Deixámosvos aquí algunhas fotografías. Tendes máis na nosa páxina de Facebook.

 

A terceira clasificada no concurso de disfraces.

A terceira clasificada no concurso de disfraces.

O segundo clasificado no concurso de disfraces.

O segundo clasificado no concurso de disfraces.

O gañador do concurso de disfraces.

O gañador do concurso de disfraces.

Os pais e nais tamén se animaron a xogar cos pequenos.

Os pais e nais tamén se animaron a xogar cos pequenos.

cadro

Celia Pía entregando o seu cadro á gañadora.

merenda

Gozando da merenda!

Asi é Celia Pía, artista que prepara un cadro para a Escola Deportiva Santiago e nai de Pablo, un dos nosos xogadores

Como sabedes, na Escola Deportiva Santiago gústanos que os pais e nais tamén participen nas nosas actividades e coñezan de primeira man como traballamos cos seus fillos e fillas. Son moitos os que acoden aos adestramentos e animan aos nenos nos partidos. Hoxe coñecemos a unha delas, a nai de Pablo Morandeira, do equipo benxamín. Ela é pintora, pianista e cantante (podedes coñecer o seu traballo premendo aquí, aquí e aquí) e xa está a traballar nun cadro que doará ao noso clube para colaborar connosco e que poderedes gañar adquirindo as rifas que xa temos á venda.

Este é o resultado da nosa conversa con ela:

Podemos adiantar algo de cómo será ese cadro ou deixámolo en sorpresa?
En sorpresa! (Sorrí). Estou facendo un acrílico sobre lenzo, que é a técnica que máis utilizo.

Por que te animaches a facelo?
Propuxéronmo na Escola e eu acollín a idea gustosamente polo traballo que facedes cos nenos e por participar dalgunha maneira con ese traballo.

Ti levas moitos anos pintando, facendo exposicións… Que evolución houbo desde que empezaches?
Quizais agora os meus cadros son máis literarios do que o eran antes e máis figurativos do que o foron. Fun máis abstracta nos meus principios. Na facultade dicíannos moito que había que aprender a debuxar para ‘desdebuxar’ despois. Eu estou no proceso de ter pintado e ‘despintar’ despois.

Na túa obra o mundo dos soños é moi importante, non si?
Si, os soños, o onírico, o simbolismo, o surrealismo… Por dicilo dalgunha maneira, é unha forma de limpar. Para min a arte ten un lado persoal terapéutico. É unha porta para expresar ás veces cousas máis íntimas e outras veces as cousas que me chaman a atención da vida. A xente di que a pintura que fago é bastante colorista. Pero non sei dicir por que. Vén de dentro.

Para min a arte ten un lado persoal terapéutico. É unha porta para expresar o máis íntimo e o que chama a atención na vida

Outra das túas facetas é a de cantante e pianista, con temas onde o latino está moi presente. Por que?
Porque todo o que son as culturas rítmicas chámanme moito a atención, tanto a cubana como a africana, etc. Todas as que teñan un potencial rítmico importante que me removan por dentro fan que me exprese dunha ou doutra maneira.

É entón importante para un artista viaxar?
Para min si, sen dúbida. As cousas máis cotiás ao mellor non te chaman a atención, pero ves iso nun lugar que non coñeces e si que te chama a atención. Eu teño esa sensación, tanto en comportamentos, como en costumes, como na fisionomía das persoas…

E tamén te inspiras no que tes máis preto?
Si! Xa non é viaxar. É vivir. Vivir intensamente, vivir cada cousa, desde a máis pequena ata a máis apoteósica na túa vida. É a intensidade coa que queiras vivir e o disposto que esteas a ter os ollos ben abertos.

Sempre tiveches esa necesidade de expresar o que sintes a través da arte?
Si! Desde pequeniña. Sempre me dixeron que teño moita enerxía e, visto agora desde a experiencia, o tempo e a idade, é unha forma de reconducir esa enerxía que ás veces non sei nin que facer con ela! Necesito botala para fóra!

É importante que os nenos practiquen deporte porque é un hábito san e porque aprenden unha serie de valores que non lles ensinan doutra maneira

E como nai e artista, que opinas de que cada vez se recorten máis nas escolas as materias que están relacionadas coa arte ou que son máis creativas?
Provócame unha tristeza de grandes dimensións porque considero que as linguaxes artísticas axudan ao crecemento das persoas. O fin último da vida non é acumular diñeiro. Hai cousas máis importantes, aínda que os cartos sexan necesarios. O teu crecemento persoal é o fundamental. Hai un dito indio que di que unha persoa é todo o que queda dela despois dunha inundación. E para min na educación dos nenos o saber pensar, a aprendizaxe da filosofía, da expresión a través da arte… todo iso parece que está nun segundo plano. E non acabo de entender por que.

O teu fillo, Pablo, xoga connosco ao fútbol. Por que crees que é importante que os nenos practiquen deporte?
Porque é un hábito san e porque ademais lles ensina cousas que non aprenden doutra maneira: o compañeirismo, saber ocupar un posto no teu equipo, a colaboración… unha serie de valores que promovedes na Escola Deportiva Santiago e que son unha das razóns polas que o meu fillo está aí. Porque me gusta, ademáis da labor deportiva que facedes, a labor humana. Os adestradores compórtanse moi ben con eles. Eu creo que os educan non só deportivamente.

E que papel cres que debedes ter os pais e nais respecto ao deporte que practican os vosos fillos?
Eu creo que hai que fomentar a deportividade. Apoialos porque o meu fillo xoga na Escola porque lle gusta e é feliz. E nos partidos, máis que fomentar a competitividade que se ve ás veces, o que hai que fomentar é o amor polo xogo e pola aprendizaxe.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR