Campus Polideportivo de Nadal

now browsing by tag

 
 

Remata con éxito o IV Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago

Onte celebrouse a derradeira xornada do IV Campus Polideportivo de Nadal que organizou a Escola Deportiva Santiago en colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía  de María e La Salle, Feiraco e Coca Cola.

Co obxectivo de axudar a conciliar a vida persoal e laboral neste período vacacional, o Campus, trilingüe, desenvolveuse os días 23, 24, 26, 27 e 28 de decembro e 2 e 3 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 horas. Nenos e nenas  de entre 4 e 12 anos de idade divertíronse practicando deportes como fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo, bádminton e xadrez. Como novidade desta edición,impartíronse tamén clases de habilidades de loita. Así, a través de exercicios de psicomotricidade, con contacto pero sen golpes, os pequenos aprenderon, por exemplo, a manter o equilibro ou caer ben. Os participantes podían inscribirse ao Campus completo ou a xornadas soltas. 

Convenio coa Cruz Vermella
Neste Campus participaron cinco nenos e nenas de familias en situación de pobreza ou en risco de exclusión social, gracias ás becas que deu a Escola Deportiva Santiago en virtude do convenio de colaboración asinado recentemente coa Cruz Vermella de Santiago.
A experiencia repetirase nos vindeiros Campus que se están a preparar para Semana Santa e os meses de verán.A Escola tamén outorgará becas para formar parte dos equipos de fútbol 8 e fútbol sala (masculino e feminino) cos que conta esta entidade. Ademais, todos aqueles que queiran facer donacións para poder becar a máis rapaces, poderán ingresalas no número de conta 2080 5180 88 3040017450 (Novagalicia Banco) indicando no asunto ‘Cruz Vermella’.

Deixámosvos neste post algunhas fotografías da xornada de onte, pero na páxina de Facebook da Escola Deportiva Santiago tendes moitas máis. Podedes acceder a ela premendo neste enlace. 

Nenos e nenas gozan do Nadal no Campus Polideportivo da Escola Deportiva Santiago

O pasado luns comezou a cuarta edición do Campus Polideportivo de Nadal que organiza a Escola Deportiva Santiago, coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía de María e La Salle, Coca Cola e Feiraco. 
 
Nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade divírtense e aprenden moito practicando deportes como baloncesto, fútbol, fútbol sala, atletismo, bádminton ou xadrez. Por primeira vez, teñen tamén a actividade de habilidades de loita, coa que melloran o seu equilibro e coordinación e aprenden, por exemplo, a saber chocar ou caer.
 
Ao final da xornada, monitores e nenos e nenas escollen aos compañeiros que mellor se portaron para darlles un pequeno agasallo. 
 
O Campus, que é trilingüe, continuará mañá, vernes 27 de decembro, e o sábado, día 28, en horario de 10:00 a 14:00 horas no colexio La Salle. A última quenda celebrarase os días 2 e 3 de xaneiro no pavillón do Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís.
 
Deixámosvos neste post algunhas fotografías da xornada de hoxe, pero na páxina de Facebook da Escola Deportiva Santiago tendes moitas máis. Podedes acceder a ela premendo neste enlace. 
 
 

A Escola Deportiva Santiago e a Cruz Vermella asinan un convenio de colaboración

O presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araújo, e o coordinador da Cruz Vermella en Santiago, Santiago López, asinaron a semana pasada un convenio de colaboración entre ambas entidades. En virtude deste acordo estableceranse tres liñas de actuación. Por un lado, crearanse becas para que nenos e nenas en situación de pobreza ou en risco de exclusión social participen nos distintos Campus que a Escola organiza nos periodos vacacionais. Tamén haberá bolsas de formación para que os rapaces poidan formar parte dos equipos de fútbol e fútbol sala. E, por último, habilitarase un número de conta para que todos aqueles que o desexen colaboren coas campañas que pon en marcha habitualmente a Cruz Vermella en Compostela.
“Dende a Escola colaboraremos coa Cruz Vermella para que cumpra os seus obxectivos sociais axudando na captación de recursos entre os nosos socios e simpatizantes”, explica Santiago Araújo. “Sempre debemos ser solidarios cos que sofren, e máis nestes tempos difíciles onde as pequenas accións como a da Escola poden levar a ledicia aos máis necesitados”, opina o presidente da entidade deportiva.
Pola súa banda,  Santiago López afirma que este convenio achega aos menores á vida normalizada. “Dános a oportunidade de que os nenos das familias máis necesitadas teñan acceso á práctica de actividades físicas programadas”, sinala. O coordinador da Cruz Vermella en Santiago destaca que co deporte “trabállanse unha serie de valores que os fan crecer e desenvolverse como persoas”. “As familias coas que traballamos carecen de medios económicos para que os seus fillos/as podan gozar destas actividades. Con este convenio bríndaselles a oportunidade de participación co seu grupo de iguais. Estamos encantados de poder colaborar coa Escola Deportiva Santiago”, engade López.

Santiago Araújo e Santiago López.

Becas para o Campus de Nadal
A primeira das actividades da Escola Deportiva Santiago que entra dentro deste convenio é o CampusPolideportivo de Nadal que se celebrará os días 23, 24, 26, 27 e 28 de decembroe 2 e 3 de xaneiro. Para el a organización estableceu cinco becas dirixidas a nenos e nenas en situación de pobreza ou risco de exclusión social. Ademais, todos aqueles que queiran facer donacións para poder becar a máis rapaces, poderán ingresalas no número de conta 2080 5180 88 3040017450 (Novagalicia Banco) indicando no asunto ‘Cruz Vermella’.
O prazo de inscrición para asistir a este campus continúa aberto. Dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade, os pequenos practicarán deportes como fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo, bádminton, xadrez e habilidades de loita. Os prezos oscilan entre 60 euros polo Campus completo (7 días) ou 10 euros por día/neno (con descontos polo segundo irmán e familia numerosa). Neste Campus, que será trilingüe, colaboran a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía de María e La Salle, Coca Cola e Feiraco. Os interesados en anotarse deben dirixirse ao email escolasantiagocf@gmail.com ou chamar ao teléfono 697 408 573.

Nicolás García: "Neste Campus de Nadal faremos unha aproximación aos deportes de contacto sen golpes"

O próximo domingo, 15 de decembro, remata o prazo para inscribirse no Campus Polideportivo de Nadal gozando dun importante desconto. Dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade, aqueles que se anoten nesta semana pagarán tan só 50 euros por asistir ao Campus completo (7 xornadas). Hai tamén a posibilidade de asistir a días soltos, abonando neste caso 10 euros por día/neno (8 euros para o segundo irmán ou familias numerosas). Se queres máis información, podes atopala, xunto coa folla de inscrición, premendo neste enlace.

 
Os pequenos practicarán durante este Campus diferentes modalidades, como fútbol, fútbol sala, baloncesto, bádminton, atletismo ou xadrez. Ademais, por primeira vez, tamén haberá habilidades de loita, impartidas polo licenciado en INEF, Nicolás García. Profesor de judo no colexio compostelán La Salle, tamén é director deportivo do club ciclista Cambre. Cunha ampla traxectoria en ámbolos dous deportes, Nico explícanos nesta entrevista como serán as súas clases. 
 
En que vai consistir a actividade de habilidades de loita que se vai impartir neste Campus de Nadal da Escola Deportiva Santiago?
Será unha aproximación a deportes de contacto sen golpes, simplificando contidos de judo e defensa persoal e introducíndoos mediante o ‘xogo motor’. En canto a contidos específicos, con adaptacións segundo o grupo de idade no que se atopen, pódense resumir en tres: caer, proxectar e inmovilizar.
Que poden aprender os nenos/as gracias a esta actividade? Mellora a súa psicomotricidade? 
Ademais de adquirir as habilidades específicas, tódolos exercicios propostos buscan traballar aspectos informacionais (coordinación, equilibrio…)  e desenvolvemento físico (velocidade de reacción, forza-velocidade, flexibilidade…).
E estas habilidades, como saber caer ou chocar, pódense aplicar a outras modalidades deportivas como, por exemplo, o fútbol ou o baloncesto? Como? 
Os contidos preséntanse de forma interdisciplinar explicando ou exemplificando para que poden ser útiles as habilidades específicas. Mencionades ‘saber caer ou chocar’ ao ser habilidades que non son habitualmente traballadas noutros procesos de ensinanza ou adestramento deportivo, pero considero que deberían ser introducidas. Por exemplo, ‘saber caer’ implica evitar que a cabeza reciba golpes ou que o propio impacto da caída sexa absorbido por unha soa parte do corpo (motivo de dano ou dor). Isto é útil en calquera actividade física e incluso na vida cotián (caídas accidentais). Sobra decir que o desenvolvemento físico acadado na proposta é común para calquer outro deporte (forza, resistencia, velocidade, flexibilidade…).
Poden os nenos sufrir golpes? Para os pais que teñan dúbidas, é perigoso?
Cando se realiza unha acitividade física grupal é un risco que hai que asumir pero isto non significa que sexa perigoso. As actividades son deseñadas para nenos e en ningún momento están incluídas técnicas nin xogos de golpeo. Gústame sempre destacar que intensidade ≠ violenciaOs riscos de facerse dano son os mesmos que noutras actividades controladas como poden ser unha sesión de fútbol ou baloncesto e, desde logo, moito menores que en actividades menos controladas como pode ser un ‘recreo’ escolar ou o xogo libre cos amigos e amigas.
Desde que idade recoméndase practicar este tipo de actividades? 
Debidamente formuladas pódense realizar a calquera idade. No Campus de Nadal haberá 3 grupos de idade entre 4 e 12 anos e traballarán contidos similares aínda que abordados de diferentes formas, sendo unha actividade moito máis cooperativa entre os pequenos e introducindo variantes de xogos competitivos entre os maiores.
Por último, que supón para ti participar como monitor neste Campus de Nadal?  
Supón o achegamento a unha entidade que habitualmente traballa co fútbol como deporte principal polo que é unha oportunidade para ensinar conceptos e formas de adestrar que seguramente sexan novos para case tódolos nenos e nenas que participan.
 
LER MÁIS:
Novos deportes e maiores facilidades de pago no IV Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago

Novos deportes e maiores facilidades de pago no IV Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago

A Escola Deportiva Santiago xa ten todo listo para a cuarta edición do Campus Polideportivo de Nadal, que este ano chega cargado de novidades. A principal é a modalidade de pago. Co fin de facilitar a un maior número de familias compostelás a conciliación da vida persoal e laboral durante estas vacacións, a organización ofrece a posibilidade de inscrición por días. Así, nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade poderán anotarse ao Campus completo (7 días) ou a xornadas soltas, pagando por cada unha delas 10 euros.
Se a inscrición é para todo o Campus o prezo é de 60 euros, se ben aqueles que se anoten antes do 15 de decembro gozarán dun importante desconto,debendo abonar tan só 50 euros. Tamén hai descontos para os que inscriban a dous irmáns ou sexan familia numerosa. Estes pagarán 8 euros por día/neno ou 40 euros por asistir ao Campus completo. Os interesados poden dirixirse ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com, enviando cuberta a folla de inscrición que tendes debaixo deste post e adxuntando o xustificante de pago. Se tendes algunha dúbida, podedes chamar ao teléfono 697 408 573
O Campus de Nadal desenvolverase o 23 e 24 de decembro no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís de 10:00 a 14:00 horas; o 26, 27 e 28 de decembro nas instalacións do colexio La Salle no mesmo horario; e o 2 e 3 de xaneiro de novo no Compañía de María e Belvís na mesma xornada de mañá.
Campus trilingüe e habilidades de loita
Outra das novidades desta cuarta edición é a inclusión do inglés como lingua que empregarán, xunto co galego e o castelán, os monitores e adestradores do Campus. Ademais, e tamén por primeira vez, incorpóranse as habilidades de loita como unha das actividades. Será a través de exercicios de psicomotricidade, con contacto pero sen golpes, adaptados ás diferentes idades dos nenos e nenas participantes. Así, os pequenos poderán adquirir habilidades como manter o equilibro, saber caer, etc.
O resto de deportes que se impartirán neste Campus de Nadal son o fútbol, o fútbol sala, o baloncesto, o atletismo, o bádminton e o xadrez.

Organizado pola Escola Deportiva Santiago, colaboran nesta actividade a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía de María e La Salle, Coca Cola e Feiraco.
 

Valoramos a túa opinión! Fai a nosa enquisa e entra no sorteo de dúas gratuidades para o Campus Polideportivo de Nadal

Un ano máis a Escola Deportiva Santiago pon en marcha o seu Campus Polideportivo de Nadal. Dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade, as actividades desenvolveranse en tres quendas: o 23 e 24 de decembro, no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís; os días 26, 27 e 28 do mesmo mes, nas instalacións do colexio La Salle; e o 2 e 3 de xaneiro, de novo en Compañía de María e Belvís. 
 
Proximamente informaremos de máis detalles, pero antes queremos contar convosco! Por iso, elaboramos unha pequena enquisa, que non leva máis dun minuto cubrir, e que servirá para coñecer a vosa opinión sobre diferentes cuestións deste Campus. Ademais, e para agradecer a vosa colaboración, sortearemos dúas inscricións gratuítas entre todos aqueles que participedes!
 
Para facer a enquisa só tendes que PREMER NESTE ENLACE, responder ás preguntas e darlle a ‘Listo’.  
 
Moitas gracias!! 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR