Campus ETC

now browsing by tag

 
 

O Campo de Fútbol de San Mamede acolle un Campus ETC e un Clinic do RC Celta de Vigo do 10 ao 14 de xullo

A Escola Deportiva Santiago e o Club Deportivo San Mamede organizan do 10 ao 14 de xullo o Campus ETC (Ensino Técnico Competicional) e un Clinic do RC Celta de Vigo no campo de fútbol de San Mamede.

Estas actividades foron presentadas nun acto neste campo de fútbol ao que asistiron Óscar Vilariño, coordinador do Campus; Santiago Araújo, presidente da Escola Deportiva Santiago; Juan Manuel Cernadas, concelleiro de Deportes de Vedra; Carlos Martínez, alcalde de Vedra; Manuel Mallo, presidente do CD San Mamede; e Álex Abalde, coordinador das Escolas e Campus da Fundación Celta.

Este campus diríxese a nenos e nenas de entre os 4 e os 14 anos que vivirán do 10 ao 14 de xullo, de 10:00 a 14:00 horas, unha experiencia diferente arredor do fútbol. Trátase dunha forma dinámica, divertida e pouco habitual de ensinarlle aos máis pequenos conceptos do fútbol.

É a primeira vez que o Campo de Futbol de San Mamede, clube que está a celebrar os seus 50 anos de historia, acolle unha iniciativa deste estilo e ademais propón un precio especial para todos os socios e socias do club que queiran participar.

E así mesmo tamén é a primeira vez que o Real Club Celta de Vigo organiza unha actividade deste tipo no Concello de Vedra.

Inscricións e prezos

Os interesados en asistir a este Campus, no que colaboran a Deputación de A Coruña e Gadis, poden facelo completando o formulario online que atoparán aquí.

Santa Isabel acollerá o II Torneo EDS Memorial Antonio Bermúdez

A Escola Deportiva Santiago organiza, co apoio do Concello de Santiago, o II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxeará ao xornalista deportivo compostelán falecido no 2016.

O torneo, que se celebrará o vindeiro 1 de xullo, presentouse esta mañá nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi á que asistiu a concelleira de Deportes, Noa Morales; o presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araújo; o director técnico do torneo, Óscar Vilariño; o árbitro Óscar Martínez e o fillo do coñecido locutor homenaxeado, o tamén xornalista Toño Bermúdez.

Comezou a intervención a concelleira Noa Morales, quen destacou o moito que significou para o deporte compostelán e para os equipos da cidade como a SD Compostela, o Santiago Futsal e o Obradoiro a figura de Antonio Bermúdez. Santiago Araújo engadiu que non só apoiaba aos equipos da élite, senón tamén ao deporte base. De aí a idea de organizar este torneo. Pola súa banda, Toño Bermúdez agradeceu o recordo que se lle fai ao seu pai. E, por último, Óscar Vilariño e Óscar Martínez explicaron os aspectos técnicos desta actividade.

II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez

O torneo desenvolverase o sábado 1 de xullo no campo de fútbol de Santa Isabel. A competición comezará ás 09:30 horas e rematará ás 13:00 horas coa entrega de trofeos.

O torneo está destinado ás categorías Prebenxamín, Benxamín e Alevín de Fútbol 8. Este formato enfrontará a catro equipos en forma de semifinais, resultando gañador o vencedor na final. Os equipos participantes son Escola Deportiva Santiago, Villestro, Atlético Fátima, RC Celta de Vigo e unha selección dos nenos que participen no II Campus ETC, que organizamos do 26 ao 30 de xuño.

O obxectivo deste torneo, ademais de fomentar a práctica deportiva, é transmitir entre os máis pequenos e as súas familias unha serie de valores tales como o esforzo, o respecto, o traballo en equipo… Por iso ás 11:30 horas haberá un descanso no que se desenvolverá unha charla con Óscar Martínez, colexiado de 2ª División B, e Rocío Vázquez, psicóloga especializada no ámbito deportivo, que dará unha visión diferente do fútbol base.

En canto ás bases do torneo, será de tipo eliminatoria. Disputarase en partidos de 25 minutos aplicándose a clasificación á final ao vencedor de cada eliminatoria, e a disputa do terceiro posto entre os perdedores de ditas eliminatorias. Á finalización do partido se fose o resultado de empate, realizarase unha serie alternativa de tres penaltis por equipo, para poder determinar o gañador.

Programa

9:00h: Recepción dos equipos no Campo Municipal de Santa Isabel.

9:30-10:00h: ALEVÍN: Partido entre a E.D. Santiago “B´´ – Villestro (SM1 Campo 1) e Partido entre E.D.Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2)

10:00-10:30h: BENXAMÍN: Partido entre E.D. Santiago “B´´- R.C. Celta de Vigo (SM1 Campo 1) e Partido E.D. Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2)

10:30-11:00h: PREBENXAMÍN: Partido entre a E.D.Santiago “B´´ – Villestro (SM1 Campo 1) e Partido entre E.D.Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2.)

11:00-11:30h: Charla con Óscar Martínez e Rocío Vázquez.

11:30-12:00h: ALEVÍN: Partido 3º e 4º posto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no Campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

12:00-12:30h: BENXAMÍN: Partido 3º e 4º posto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

12:30-13:00h: PREBENXAMÍN: Partido 3º e 4º porto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no Campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

13:00h: Entrega de trofeos.

Santa Isabel acolleu II Torneo EDS Memorial Antonio Bermúdez

A Escola Deportiva Santiago organizou este sábado, 2 de xullo, o II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxeou ao xornalista deportivo compostelán falecido recentemente.

A competición desenvolveuse desde as 10:00 horas no campo de fútbol de Santa Isabel en dúas categorías masculinas. Na categoría benxamín participaron os equipos da Escola Deportiva Santiago, RC Celta de Vigo e Dubra FC, resultando gañador o RC Celta de Vigo. Na prebenxamín xogaron a Escola Deportiva Santiago, o Atlético Fátima e o Bertamiráns FC, vencendo o Atlético Fátima. A media mañá Óscar Martínez, colexiado de 2ª División B, ofreceu unha charla para todos os nenos presentando as novidades regulamentarias para a nova tempada.

As nenas participantes no torneo feminino.

As nenas participantes no torneo feminino.

Paralelamente celebrouse no pavillón de Santa Isabel un torneo de fútbol sala feminino, que disputaron os equipos da Escola Deportiva Santiago, Rácing de San Lorenzo e Villestro SD sendo gañador este último. Durante os descansos ofrecéronse dinámicas de coaching e psicoloxía no deporte.

Toño Bermúdez e o presidente da Escola, Santiago Araújo.

Toño Bermúdez e o presidente da Escola, Santiago Araújo.

Ao finalizar o torneo entregáronse copas e medallas a todos os participantes e unha placa conmemorativa ao fillo de Antonio Bermúdez, Toño Bermúdez. Na nosa páxina de Facebook podes ver unha amplia selección de fotos.

Esta competición serviu de colofón á segunda edición do Campus ETC (Ensino Técnico Competicional) organizado pola Escola Deportiva Santiago coa colaboración da Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, Grupo Germania, Gadis e a Unidad de Psicología y Coaching Deportivo Libredón. O Campus, no que participaron máis dun centenar de nenos e nenas, celebrouse en Santa Isabel do 27 de xuño ao 1 de xullo. Podes ver todas as imaxes na nosa páxina de Facebook premendo aquí.

A Escola Deportiva Santiago organiza o II Torneo EDS Memorial Antonio Bermúdez

A Escola Deportiva Santiago organiza o próximo 2 de xullo o II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxea ao xornalista deportivo compostelán falecido recentemente.

O Torneo presentouse esta mañá nunha rolda de prensa no Hotel Los Abetos á que asistiu o fillo do coñecido locutor, Toño Bermúdez; o concelleiro de Deportes, Rafael Peña; o delegado de Santiago da Federación Galega de Fútbol, Manuel Castiñeiras; o coordinador da base do RC Celta de Vigo, Álex Otero; e o presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araújo.

Coa presencia do Celta de Vigo

A competición desenvolverase desde as 10:00 horas no campo de fútbol de Santa Isabel en dúas categorías masculinas. Na categoría benxamín participarán os equipos da Escola Deportiva Santiago, RC Celta de Vigo e Dubra FC. Na prebenxamín xogarán a Escola Deportiva Santiago, o Atlético Fátima e o Bertamiráns FC. A media mañá Óscar Martínez, colexiado de 2ª División B, ofrecerá unha charla para todos os nenos presentando as novidades regulamentarias para a nova tempada.

Paralelamente celebrarase no pavillón de Santa Isabel un torneo de fútbol sala feminino, que disputarán os equipos da Escola Deportiva Santiago, Rácing de San Lorenzo e SD Villestro. Durante os descansos ofreceranse dinámicas de coaching e psicoloxía no deporte.

Estes torneos servirán de colofón á segunda edición do Campus ETC (Ensino Técnico Competicional) organizado pola Escola Deportiva Santiago coa colaboración da Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, Grupo Germania, Gadis e a Unidad de Psicología y Coaching Deportivo Libredón. O Campus, no que participan un centenar de nenos e nenas, comezou hoxe en Santa Isabel e desenvolverase ata o próximo 1 de xullo.

Cartel  II Torneo

Arranca o verán co II Campus ETC – Ensino Técnico Competicional

Despois do éxito do primeiro Campus ETC (Ensino Técnico Competicional) organizado pola Escola Deportiva Santiago o ano pasado, a nosa entidade pon en marcha a segunda edición deste novidoso concepto de campus de fútbol.

O pavillón e o campo de fútbol de Santa Isabel volverán a acoller as actividades deste Campus ETC, onde os  nenos e nenas asistentes poderán mellorar a súa técnica a través dos exercicios propostos polos monitores e tamén das competicións que disputarán por equipos. O Campus – no que colaboran a Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, Grupo Germania, Gadis e a Unidad de Psicología y Coaching Deportivo Libredon – celebrarase os días 27, 28, 29 e 30 de xuño e 1 de xullo en horario de mañá (de 10:00 a 14:00 horas).

Preme na imaxe para ampliar

Preme na imaxe para ampliar

Os xogadores (de entre 4 a 14 anos de idade) poderán inscribirse de maneira individual – formando os equipos os responsables da Escola – ou xa por equipos en grupos de 3, 4 ou 5 persoas. As actividades, baseadas na competición, incluirán dinámicas de psicoloxía e coaching deportivo para ensinar aos pequenos valores como o compañeirismo e o esforzo e adestrar as súas mentes para mellorar a concentración e a comunicación.

Equipación de agasallo
O prezo por inscrición individual é de 85 euros, con desconto para o segundo irmán (que só pagará 75 euros) e familias numerosas (65 euros por cada irmán). O prezos polas inscricións por equipos son de 75 euros por neno/a para grupos de 3; 65 euros por neno/a para grupos de 4; e 55 euros por neno/a para grupos de 5. Poderase solicitar tamén un servizo de acollida ás 9:30 horas por 5 euros. Todos os participantes recibirán unha equipación de agasallo.

Os interesados deberán cubrir o formulario online que atoparedes ao final desta nova. Para calquera dúbida, poden chamar ao teléfono 697 408 573 ou escribir a escolasantiagocf@gmail.com

Os nenos do I Campus ETC divertíronse co obradoiro ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’

O campo de fútbol e o pavillón de Santa Isabel acollen desde o pasado luns a primeira edición do Campus ETC (Ensino Técnico Competicional), que organiza a Escola Deportiva Santiago coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, e as entidades privadas Gadis e Decathlon.

Os nenos e nenas participantes están a pasar estes días gozando do deporte, mellorando a súa técnica de fútbol e facendo novos amigos. Hoxe, ademais, divertíronse co obradoiro ‘Ponlle as pilas ao teu bocata‘. Trátase dunha actividade posta en marcha pola Consellería de Medio Rural e do Mar que pretende ensinar aos máis pequenos a comer mellor, poñendo de relevo as múltiples virtudes das conservas de produtos do mar. E como? Pois a través dunha charla onde non falta o bo humor, algúns xogos lúdicos e mesmo a posibilidade de elaborar os seus propios bocatas. 

Aquí podedes ver unha galería de imaxes da xornada. Tamén temos máis fotos do Campus que remata mañá na nosa páxina de Facebook.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR