badminton

now browsing by tag

 
 

Fútbol, baloncesto, bádminton e moita diversión no Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago

Esta mañá arrancou a primeira quenda do Campus Polideportivo de Nadal que organiza a Escola Deportiva Santiago en colaboración coa Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, o colexio Compañía de María e as entidades privadas Gadis, Activa Galicia, Coca Cola e Feiraco.

Máis de medio cento de nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade están a pasar estas vacacións practicando diferentes deportes como fútbol, baloncesto, bádminton, tenis de mesa, etc. As actividades continuarán mañá e o mércores en horario de 10:00 a 14:00 horas no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís. A segunda quenda do Campus celebrarase os días 29, 30 e 31 de decembro.

Se queres ver unha galería de imaxes, podes facelo na nosa páxina de Facebook.

 

Óscar Vilariño: “O Campus Polideportivo de Semana Santa fomenta a diversión ao aire libre e a convivencia entre os rapaces”

A Escola Deportiva Santiago organiza os días 14, 15 e 16 de abril unha nova edición do Campus Polideportivo de Semana Santa, actividade dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade e para a que xa está aberto o prazo de inscrición. Falamos cun dos seus monitores, Óscar Vilariño.

Que se van atopar os nenos e nenas que asistan a esta nova edición do Campus Polideportivo de Semana Santa?

Poderán gozar de distintas actividades enfocadas na mellora da psicomotricidade e coordinación, tendo que emplear todo o seu corpo e a súa mente. E sobre todo son actividades enfocadas á diversión ao aire libre e á convivencia entre os rapaces.

Ademais de fútbol, baloncesto ou atletismo, os asistentes poderán coñecer diferentes modalidades deportivas alternativas. Que lles aportarán cada una delas?

  • Bádminton: Este xogo vai aportarlles o control da súa propia personalidade. É un deporte individual no que o neno aprende a controlarse a si mesmo, a autoconcentrarse e a desenvolver un control do seu tronco superior.
  • Golf: É un deporte moi similar ao bádminton en canto ás características de traballo do tronco superior, coa excepción de que nesta actividade o neno/a desenvolve máis capacidade intelectual (partes dun lugar e tes que pensar a onde tes que chegar para gañar).
  • Fútbol Americano: Pensando na mellora colectiva dos rapaces, este deporte apórtalles, a diferenza do fútbol, o ter que mirar máis alá dos pés para poder realizar a actividade con éxito.
  • Judo: É un deporte no que os rapaces gañan en equilibrio, en forza e en coordinación para deportes de contacto coma sucede no fútbol ou baloncesto… Aprenden a facer caídas tanto para adiante coma para atrás, sen necesidade de chegar a combate. Tódalas actividades nas que poida haber contacto sempre serán movementos básicos e controlados sen que se permita ningún risco de lesión ou de facerse dano.

“QUEREMOS QUE OS RAPACES MELLOREN POR SI MESMOS E, EN PALABRAS SIMPLES, FACER DEPORTISTAS INTELIXENTES E AMIGOS ENTRE SÍ”

Como dicías, o obxectivo do Campus é que os nenos se divirtan pero tamén que aprendan co deporte. Que valores se lles intenta transmitir coas distintas actividades?

Por riba de todo, o que dende a Escola Deportiva Santiago intentamos inculcar aos rapaces é o respecto duns hacia os outros, e a mellora individual a través do grupo. Que os nenos desfruten é a nosa máxima, que aprendan a partir doutro compañeiro e que melloren por si mesmos e non ordenados por un monitor. En palabras simples, queremos facer deportistas intelixentes e amigos entre si.

Neste Campus hai moitas actividades e nenos e nenas de diferentes idades. Como se organizan as xornadas?

Intentamos xuntar aos nenos por grupos de idades semellantes, pero nesta etapa de entre 4 e 12 anos, cada ano nótase moito a diferenza, sobre todo física. Aínda así, os rapaces maiores fan moito exercicio de reflexión cando están cos pequenos e adquiren moi rápido as responsabilidades axudándonos a ensinar.

Como monitor, que é o que máis che gustaría que aprenderan os nenos que asistan a este Campus?

Nestas idades, o deporte é secundario. É unha forma de manter un corpo e unha mente sans e unha maneira de que se divirtan. O que eu lles intento inculcar son valores que lles sirvan para o día a día, como é o respecto polos compañeiros, a amizade, a solidaridade… e todo tipo de valores que fagan que o neno mellore grazas ao grupo.

pb1-2ok

Óscar con algúns dos rapaces da Escola Deportiva Santiago.

Ademais de monitor neste Campus, tamén es adestrador dos equipos de fútbol sala da Escola Deportiva Santiago. Que tal está resultando a experiencia?

Persoalmente teño moita predilección polos nenos, contáxiome da súa enerxía. O grupo que me tocou este ano é espectacular, non só no deportivo – que van primeiros na súa liga -, senón da amizade que se teñen entre eles. Síntome agradecido ao seu carón, porque non só fan o que lles pido, senón que a súa predisposición é sempre positiva. Veñen tódolos días con ganas de aprender.

Como organizas os teus adestramentos?

A min non me gusta planificar unha tempada enteira e seguir un guión. O que marca os adestramentos é a evolución dos rapaces. Hai cousas que non contaba que con 7 anos puideran aprender e por contra xa dominan. Polo tanto, mesturo conceptos individuais coma poden ser rexeitamentos, entradas ou regates; con conceptos colectivos, coma as posicións no campo e o que poden facer en cada situación. Pero sempre buscando a mellora individual dende o colectivo.

Aprendes ti tamén dos nenos? Que che ensinan eles a ti?

Non me canso de aprender. O que máis me gusta dos rapaces é a sua facilidade para dar solución a calquera tipo de problema. Os adultos dámoslle moitas voltas a unha situación cando un rapaz xa leva moito tempo coa resposta clara. Non me gusta atar aos rapaces cunha corda e que fagan o que mando, ao contrario, observo moito o que eles fan en cada situación e danme moito traballo feito.

“O QUE REALMENTE FAI DANO AOS NENOS É A CALEFACCIÓN DO COCHE, DA CASA E, SOBRE TODO, A DO CENTRO COMERCIAL”

Que lles dirías aos pais que non se preocupan porque os seus fillos fagan deporte?

Hoxe en día hai dous elementos que xogan en contra do deporte ao aire libre: as tecnoloxías e o clima no que vivimos. Aos pais diríalles que desenganchen aos seus fillos das consolas e os leven a facer deporte. O seu corpo agradecerao e, sobre todo, a súa mente. E polo tema do tempo, adestrar con choiva ou frío (debidamente protexidos) fai que o rapaz goce dunha saúde forte. O que realmente fai dano é a calefacción do coche, da casa e, máis que ningunha, a do centro comercial.

Que é o deporte para ti?

Para mín o deporte é unha forma de vida. Ensinoume a socializar, a confiar na xente, a comportarme nun entorno social, a ter confianza en min mesmo. O deporte inculcoume os valores que hoxe teño, coma pode ser a loita, o non renderme ata acadar os meus propósitos, a remar forte nestes tempos que corren. E o que máis me gusta do deporte é a cantidade de amigos que hoxe teño e son parte da miña vida. O mellor do deporte non é gañar soamente, senón a superación diaria, a ser mellor cada día e superar os límites que cada un cre que ten. Sempre e cando o deporte non sexa unha obriga, senón que forme parte de cada un.

DESCARGA DA FOLLA DE INSCRICIÓN PARA O CAMPUS POLIDEPORTIVO DE SEMANA SANTA EN PDF: CampusPolideportivoSemana Santa 2014

Remata con éxito o IV Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago

Onte celebrouse a derradeira xornada do IV Campus Polideportivo de Nadal que organizou a Escola Deportiva Santiago en colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía  de María e La Salle, Feiraco e Coca Cola.

Co obxectivo de axudar a conciliar a vida persoal e laboral neste período vacacional, o Campus, trilingüe, desenvolveuse os días 23, 24, 26, 27 e 28 de decembro e 2 e 3 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 horas. Nenos e nenas  de entre 4 e 12 anos de idade divertíronse practicando deportes como fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo, bádminton e xadrez. Como novidade desta edición,impartíronse tamén clases de habilidades de loita. Así, a través de exercicios de psicomotricidade, con contacto pero sen golpes, os pequenos aprenderon, por exemplo, a manter o equilibro ou caer ben. Os participantes podían inscribirse ao Campus completo ou a xornadas soltas. 

Convenio coa Cruz Vermella
Neste Campus participaron cinco nenos e nenas de familias en situación de pobreza ou en risco de exclusión social, gracias ás becas que deu a Escola Deportiva Santiago en virtude do convenio de colaboración asinado recentemente coa Cruz Vermella de Santiago.
A experiencia repetirase nos vindeiros Campus que se están a preparar para Semana Santa e os meses de verán.A Escola tamén outorgará becas para formar parte dos equipos de fútbol 8 e fútbol sala (masculino e feminino) cos que conta esta entidade. Ademais, todos aqueles que queiran facer donacións para poder becar a máis rapaces, poderán ingresalas no número de conta 2080 5180 88 3040017450 (Novagalicia Banco) indicando no asunto ‘Cruz Vermella’.

Deixámosvos neste post algunhas fotografías da xornada de onte, pero na páxina de Facebook da Escola Deportiva Santiago tendes moitas máis. Podedes acceder a ela premendo neste enlace. 

Nenos e nenas gozan do Nadal no Campus Polideportivo da Escola Deportiva Santiago

O pasado luns comezou a cuarta edición do Campus Polideportivo de Nadal que organiza a Escola Deportiva Santiago, coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía de María e La Salle, Coca Cola e Feiraco. 
 
Nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade divírtense e aprenden moito practicando deportes como baloncesto, fútbol, fútbol sala, atletismo, bádminton ou xadrez. Por primeira vez, teñen tamén a actividade de habilidades de loita, coa que melloran o seu equilibro e coordinación e aprenden, por exemplo, a saber chocar ou caer.
 
Ao final da xornada, monitores e nenos e nenas escollen aos compañeiros que mellor se portaron para darlles un pequeno agasallo. 
 
O Campus, que é trilingüe, continuará mañá, vernes 27 de decembro, e o sábado, día 28, en horario de 10:00 a 14:00 horas no colexio La Salle. A última quenda celebrarase os días 2 e 3 de xaneiro no pavillón do Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís.
 
Deixámosvos neste post algunhas fotografías da xornada de hoxe, pero na páxina de Facebook da Escola Deportiva Santiago tendes moitas máis. Podedes acceder a ela premendo neste enlace. 
 
 

Novos deportes e maiores facilidades de pago no IV Campus Polideportivo de Nadal da Escola Deportiva Santiago

A Escola Deportiva Santiago xa ten todo listo para a cuarta edición do Campus Polideportivo de Nadal, que este ano chega cargado de novidades. A principal é a modalidade de pago. Co fin de facilitar a un maior número de familias compostelás a conciliación da vida persoal e laboral durante estas vacacións, a organización ofrece a posibilidade de inscrición por días. Así, nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade poderán anotarse ao Campus completo (7 días) ou a xornadas soltas, pagando por cada unha delas 10 euros.
Se a inscrición é para todo o Campus o prezo é de 60 euros, se ben aqueles que se anoten antes do 15 de decembro gozarán dun importante desconto,debendo abonar tan só 50 euros. Tamén hai descontos para os que inscriban a dous irmáns ou sexan familia numerosa. Estes pagarán 8 euros por día/neno ou 40 euros por asistir ao Campus completo. Os interesados poden dirixirse ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com, enviando cuberta a folla de inscrición que tendes debaixo deste post e adxuntando o xustificante de pago. Se tendes algunha dúbida, podedes chamar ao teléfono 697 408 573
O Campus de Nadal desenvolverase o 23 e 24 de decembro no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís de 10:00 a 14:00 horas; o 26, 27 e 28 de decembro nas instalacións do colexio La Salle no mesmo horario; e o 2 e 3 de xaneiro de novo no Compañía de María e Belvís na mesma xornada de mañá.
Campus trilingüe e habilidades de loita
Outra das novidades desta cuarta edición é a inclusión do inglés como lingua que empregarán, xunto co galego e o castelán, os monitores e adestradores do Campus. Ademais, e tamén por primeira vez, incorpóranse as habilidades de loita como unha das actividades. Será a través de exercicios de psicomotricidade, con contacto pero sen golpes, adaptados ás diferentes idades dos nenos e nenas participantes. Así, os pequenos poderán adquirir habilidades como manter o equilibro, saber caer, etc.
O resto de deportes que se impartirán neste Campus de Nadal son o fútbol, o fútbol sala, o baloncesto, o atletismo, o bádminton e o xadrez.

Organizado pola Escola Deportiva Santiago, colaboran nesta actividade a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, os colexios Compañía de María e La Salle, Coca Cola e Feiraco.
 

Valoramos a túa opinión! Fai a nosa enquisa e entra no sorteo de dúas gratuidades para o Campus Polideportivo de Nadal

Un ano máis a Escola Deportiva Santiago pon en marcha o seu Campus Polideportivo de Nadal. Dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade, as actividades desenvolveranse en tres quendas: o 23 e 24 de decembro, no pavillón do colexio Compañía de María e no campo de fútbol de Belvís; os días 26, 27 e 28 do mesmo mes, nas instalacións do colexio La Salle; e o 2 e 3 de xaneiro, de novo en Compañía de María e Belvís. 
 
Proximamente informaremos de máis detalles, pero antes queremos contar convosco! Por iso, elaboramos unha pequena enquisa, que non leva máis dun minuto cubrir, e que servirá para coñecer a vosa opinión sobre diferentes cuestións deste Campus. Ademais, e para agradecer a vosa colaboración, sortearemos dúas inscricións gratuítas entre todos aqueles que participedes!
 
Para facer a enquisa só tendes que PREMER NESTE ENLACE, responder ás preguntas e darlle a ‘Listo’.  
 
Moitas gracias!! 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR