alimentación

now browsing by tag

 
 

5 consellos para que os nenos aprendan a coidar a súa saúde

Dento das ensinanzas que debemos proporcionar aos nosos nenos e nenas non poden faltar uns hábitos de vida saudables. Neste artigo resumimos cinco consellos para que aprendan a coidarse que atopamos na web infosalus.com

  1. Lavar as mans. Os nenos deben aprender a lavar as mans antes de cada comida. É un xesto que pode evitar o desenvolvemento de infeccións intestinais debido ás bacterias que residen nelas.
  2. Lavar os dentes. Desde o nacemento da primeira peza dental, o máis recomendable é limpar a boca cun cepillo ou un pano adaptado ao bebé.
  3. Hidratación. Ademais de comer san, non nos podemos esquecer de que os pequenos beban moita auga, leite e zumes naturais.
  4. Froitas e verduras. Somos o que comemos e por iso debemos vixiar a dieta dos nosos fillos e incluír nela froitas e verduras.
  5. Actividade física diaria. Desde xogar ou camiñar ata practicar algún deporte, o máis axeitado é que os rapaces realicen 60 minutos de actividade física cada día.

Pequenos pasos diarios para evitar a obesidade infantil

Xa noutras ocasións témosvos falado da páxina web do Sergas, Xente con Vida, na que atoparedes informacións moi interesantes sobre a saúde e a alimentación dos vosos fillos. Hoxe facémolo de novo para ensinarvos este gráfico no que se explica de maneira moi clara os pasos básicos para evitar a obesidade infantil.

Trátase dun problema que segundo apuntan nun artigo de El Mundo ten un gran crecemento en España nos últimos tempos:  “Segundo a Organización para la Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), España tense convertido no país con maior prevalencia de obesidade infantil en toda Europa, cun crecemento máis rápido que o de Estados Unidos nos últimos vinte anos, pasando do 30% ao 65% de tasa”.

Para evitalo, resulta básico coidar a alimentación e manter unha vida activa. Por exemplo, animando aos pequenos a camiñar no canto de ir en coche, subir polas escaleiras e non polo ascensor, practicar algún deporte… Será bo para eles, pero tamén para nós, os adultos!

XCV frea a obesidade infantil_gl

Os nenos do I Campus ETC divertíronse co obradoiro ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’

O campo de fútbol e o pavillón de Santa Isabel acollen desde o pasado luns a primeira edición do Campus ETC (Ensino Técnico Competicional), que organiza a Escola Deportiva Santiago coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, e as entidades privadas Gadis e Decathlon.

Os nenos e nenas participantes están a pasar estes días gozando do deporte, mellorando a súa técnica de fútbol e facendo novos amigos. Hoxe, ademais, divertíronse co obradoiro ‘Ponlle as pilas ao teu bocata‘. Trátase dunha actividade posta en marcha pola Consellería de Medio Rural e do Mar que pretende ensinar aos máis pequenos a comer mellor, poñendo de relevo as múltiples virtudes das conservas de produtos do mar. E como? Pois a través dunha charla onde non falta o bo humor, algúns xogos lúdicos e mesmo a posibilidade de elaborar os seus propios bocatas. 

Aquí podedes ver unha galería de imaxes da xornada. Tamén temos máis fotos do Campus que remata mañá na nosa páxina de Facebook.

Clases de gastronomía para todos nos colexios

Desde o curso que vén os nenos españois poderían recibir no seus colexios clases de gastronomía. Así se acordou o pasado martes na reunión que mantiveron os ministerios de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade; Asuntos Exteriores e Cooperación e Educación, Cultura e Deporte coa Real Academia da Gastronomía (RAG). Neste encontro asinouse un convenio para a posta en marcha de actuacións de difusión da alimentación, a saúde e a diversidade da cultura gastronómica do país. 

A RAG xa ten deseñados uns módulos que servirán de base para os programas que se impartirán nas escolas e que inclúen temas como experiencias sensoriais ou o patrimonio gastronómico. Pero o temario non quedará fixo ata que se asinen outros convenios coas distintas Comunidades Autónomas.

Xa no pasado mes de marzo o Parlamento Europeo aprobou un informe no que recomendaban incorporar ao sistema educativo europeo os coñecementos sobre gastronomía e hábitos alimenticios, incluíndo os procesos de preparación, produción e conservación dos alimentos.

E a ti, que opinas? Gustaríache que os teus fillos/as recibisen clases de gastronomía nos colexios? Podes deixar os teus comentarios nesta web ou nos nos perfís en Facebook e Twitter.

LER MÁIS: 

Máis deporte e comida sa para combater a obesidade infantil 

Guerra contra a obesidade infantil: É hora de comer ben!

Contos e xogos para que os pequenos aprendan hábitos de vida saudables 

 

Que pataca preferirías comer ti?

As nais e pais enfróntanse en moitas ocasións á difícil tarefa de conseguir unha alimentación axeitada para os seus fillos. Pero como facer que coman de maneira máis saudable? Hai que dar exemplo. Segundo un estudo de investigadores da Universidade de Leeds (Reino Unido), comer xuntos como unha familia, aínda que só sexa unha ou dúas veces por semana, aumenta o consumo diario de froitas e verduras nos nenos

Pero non só debemos preocuparnos de aumentar a cantidade de produtos da horta na nosa dieta, tamén temos que pensar que é exactamente o que nos estamos a levar á boca. Para reflexionar sobre isto, deixámosvos un interesante vídeo resultado dun traballo escolar dunha nena sobre os alimentos ecolóxicos. A peza remata lanzando unha pregunta: “Que pataca preferirías comer ti?”. Nós témolo claro!

LER MÁIS:

Contos e xogos para que os pequenos aprendan hábitos de vida saudables

Remata coas batallas cos teus fillos á hora de comer

Consellos e menús para que os nenos aprendan a comer froitas e verduras

Contos e xogos para que os pequenos aprendan hábitos de vida saudables

Como xa vos contamos noutras ocasións neste blog, o sobrepeso e a obesidade infantil afectan cada vez a máis nenos galegos. Para loitar contra este problema de saúde, a Xunta está a piques de aprobar o chamado Plan Xermola. Entre outras medidas, acaba de editarse un libro protagonizado por Os Bolechas (aqueles personaxes creados polo ilustrador Pepe Carreiro que tanto gustan aos máis pequenos) co obxectivo de fomentar hábitos saudables e o exercicio físico entre os escolares.

O conto Os Bolechas educan a Pepiño Chispa pode descargarse da páxina web www.osbolechas.com/saude, que acaba de presentarse. Nela tamén podedes atopar recortables, xogos, debuxos para colorear ou guías con diferentes consellos.  De todas elas, destacamos a denominada ‘Miniguía das actividades saudables’ na que, dirixíndose aos nenos e nenas, recomendan:
  • Come dun xeito equilibrado e variado. Come de todo, pero con moderación.
  • O almorzo é a comida máis importante do día. Dedícalle tempo e procura que sexa polo menos un cuarto da achega enerxética do día.
  •  Consume tres racións de froita e dúas de verduras todos os días.
  •  Fai actividade física moderada polo menos 30 minutos ao día, todos os días.
  •  Come algo máis de peixe e menos carne.
  •  Goza do teu tempo libre, relaciónate co teu medio natural, social e familiar.
  •  Durme as horas necesarias.

 

Outro dos apartados que nos chamou a atención e que ten que ver coa alimentación é o que dedican a algúns dos erros máis frecuentes dos pais á hora de dar de comer aos seus fillos. Copiámolos tamén aquí e invitámosvos a darvos unha volta pola web de Os Bolechas cos vosos pequenos para que aprendan a comer e vivir mellor dun xeito divertido.
ALGÚNS ERROS DOS PAIS NA ALIMENTACIÓN DOS SEUS FILLOS:
  • Distracción: Darlle de comer mentres a nena ou neno está distraído coa televisión, a lectura dun  conto, xogando ou, o caso máis extremo, perseguilo pola casa para que coma.
  • Persuasión: facelo comer para que se cumpra un desexo ou recibir algún beneficio.
  • Chantaxe: comer para conseguir premios tanxibles (xoguetes, diñeiro, tempo libre, TV etc.).
  • Ameazas.
  • Obrigalo a comer á forza tapándolle o nariz, obrigándoo a abrir a boca.
  • Comer á carta: elixindo menús de posibilidades, o que probablemente desembocará en comer sempre o mesmo.
  • Picar entre horas, entre comidas, co que obviamente modificará o seu apetito e chegará sen fame á  hora de comer unha comida equilibrada e no momento adecuado.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR