adestradores

now browsing by tag

 
 

Como ensinar que o máis importante non é gañar?

Todos os pais que temos fillos practicando algún deporte facemos fincapé en que supón algo moi importante para a súa formación e crecemento persoal; pero ao final case todas as accións e esforzos dos clubs, dos adestradores e dos pais demostran que o gran obxectivo, aínda valorando a formación, é gañar.

Este é un erro que demostra a pobreza dos nosos valores e formadores. O deporte debe ser o mellor vehículo para a formación dos nosos pequenos. É certo que promover certa competitividade en busca dun resultado é interesante pola exixencia de dar o máximo de un mesmo, pero non debe ter maior relevancia.

Por iso os pasos a seguir para a mellora deste sentimento poderían ser:

  • Coñecemento dun mesmo: É fundamental que os adestradores e os pais forcen aos practicantes a un recoñecemento de si mesmos, tanto das súas virtudes como dos seus defectos.
  • Provocar a reflexión: Que os nenos cheguen, con axuda, as súas propias conclusións sobre os defectos que hai que correxir e as virtudes que hai que potenciar, tendo sempre estas presentes porque serán os alicerces do seu valor.
  • Aumentar a autoestima: Cansado de ver adestradores – neste caso non podo chamarlles formadores- que non se fartan de berrar e menosprezar aos seus xogadores. Un adestrador moi importante da NBA dicía que os acertos bérranse e os defectos murmúranse; Van Basten, indicaba que, de cada dez adestradores, un potenciaba as cualidades do xogador e o resto disminuíaas. O reto para os adestradores é definir en que bando se sitúan. Certo é que a maioría dos nenos e nenas dan un rendemento menor do que poderían, e polo tanto, desfrutan menos. A gran maioría é mellor do que cre.
  • Provocar afán de superaciónSe somos capaces de conseguir que os nosos pequenos deportistas melloren mediante os puntos anteriores, coa consiguiente satisfacción que iso proporciona, teremos sen dúbida unha sociedade mellor, máis xusta e máis solidaria.
  • Premiar o esforzo diario: A miña obriga como formador será aliñar a aqueles que nos adestramentos se esforzaron ao máximo, sexan ou non os máis cualificados. Evidentemente, esa actitude vai en contra da posible victoria, pero a favor de todos os integrantes do equipo.
  • Sentido do deber: As figuras do meu equipo deben ser aquelas que se comprometen ao máximo, xa sexa pola súa actitude, pola súa resposta ante as dificultades ou polo seu caracter solidario respecto aos seus compañeiros durante os partidos.
  • Formación antes que victoria: Os rapaces soñan con chegar a ser profesionais dun deporte, e se lles debe permitir esa licenza. O que non é aceptable é que os formadores e os pais tamén pensen que pode ser así: a porcentaxe que ao final chega é mínima, de modo que o que se debe priorizar é a formación antes que a victoria.

Coa dificultade que supón intentar ser un bo formador, quen ten tempo para pensar en gañar?

manuel_basket_pequeTexto escrito polo adestrador superior de baloncesto José Manuel López baseado nun artigo do exfutbolista profesional Joan Golobart.

A empatía no deporte base

Nun momento da sociedade deportiva onde o coach e o psicólogo están tan demandados no deporte profesional, quero facer mención a unha necesidade menos profesional pero máis importante no crecemento dos nosos fillos/as, xogadores/as, en idade de formación: a EMPATÍA como arma necesaria para os adestradores.

Gustaríame significar a EMPATIA como unha virtude absolutamente necesaria para todo adestrador, virtude máis que significativa cando falamos do deporte base e deportistas en idade de formación tanto física como mentalmente. É bastante frecuente observar condutas inapropiadas en adestradores que se derivan das carencias desta capacidade do ser humano.

A EMPATÍA, tamén chamada intelixencia interpersoal, é a capacidade de percibir nun contexto común o que outro individuo pode sentir. As persoas con empatía son aquelas capaces de escoitar aos demais e entender os seus problemas e as súas motivacións.

Entre outras, as características positivas dun adestrador cunha empatia destacada son:

  • Saber escoitar e saber cando falar.
  • Disposición ao dialogo sobre os problemas.
  • Aberto e flexible ás ideas.
  • Dá apoio e axuda aos xogadores.
  • É solidario.
  • Regula as emocións do seu equipo.
  • Propicia o traballo en equipo.
  • Alenta a participación e a cooperación.
  • Confía no grupo e en cada xogador.
  • Non se impón á forza.
  • Comunícase abertamente.
  • Orienta e ensina.
  • Demostra capacidade de autocritica.

Como podemos desenvolver a nosa empatia?

– Escoitar coa mente aberta e sen prexuízos; prestar atención e amosar interese polo que nos están a contar, xa que non é suficiente con saber o que o xogador sinte, senón que temos que demostrarllo; non interromper mentras nos están a falar e evitar convertirnos nun experto que se dedica a dar consellos en lugar de intentar sentir o que o xogador sinte.

– Descubrir, recoñecer e recompensar as cualidades e os logros dos xogadores. Isto vai a contribuír non soamente a fomentar as súas capacidades, senón que descubrirán tamén a nosa preocupación e interese por eles.

– Facer preguntas abertas. Preguntas que axudan a continuar a conversa e fanlle ver á outra persoa que estamos interesados polo que está a contar.

– Antes de dar a nosa opinión sobre o tema, debemos esperar a ter información suficiente, asegurarnos de que o xogador nos contou todo o que quería e de que nós escoitamos e interpretamos correctamente o esencial da súa mensaxe.
– En ocasións os xogadores non necesitan a nosa opinión e consello, senón saber que os estamos a entender e que sentimos o que eles queren transmitir.
– Cando teñamos que dar a nosa opinión é moi importante facelo de forma constructiva, ser sinceiros e procurar no ferir cos nosos comentarios.
– É aconsellable ter unha boa predisposición para aceptar as diferencias que temos cos demais, ser tolerantes e ter paciencia cos que nos rodean e con nós mesmos.

– Aínda que ser tolerante non quere dicir que teñamos que soportar condutas que nos fan dano ou que poidan facer dano a outros, senón aceptar, comprender e respectar as diferencias.

Por último quero salientar dúas cousas que considero importantes para entender e valorar a EMPATÍA:

  1. Ser empáticos non significa estar de acordo co outro, nin tampouco implica deixar de lado as nosas propias decisións para asumir como nosas as dos outros. (Podemos estar en completo desacordo con alguén, pero debemos tratar de respectar a súa posición).
  2. Pola nosa situación de adestradores de base, formadores de xogadores xóvenes, debemos ter extremo coidado de non danar as emocións dos nosos xogadores. Isto en ocasións, e máis aínda en idades temperás, márcalles moi profundamente. A mellor maneira de evitalo é aumentando a nosa empatía.

Ante a decisión que como adestradores adoptamos de formar e educar aos nosos futuros deportistas e non tan deportistas, debemos considerar a posibilidade de prestar máis atención á “persoíña” que temos diante e darlle a importancia necesaria ao que pensa e necesita por encima dos nosos logros deportivos, chámense victorias ou derrotas.

manuel_basket_pequeTexto escrito por José Manuel López, adestrador superior de baloncesto e monitor habitual nos Campus da Escola Deportiva Santiago.

Risos, compañeirismo e moito deporte nos adestramentos de fútbol sala da Escola Deportiva Santiago

Onte pasámonos polo adestramento que teñen os equipos de fútbol sala da Escola Deportiva Santiago os luns ás 18:30 horas no pavillón de Lamas de Abade. Alí atopamos ás nenas que forman o equipo feminino, adestradas por Amanda Plaza, e que nesa xornada contou coa axuda do pequeno Iago. Tamén estaban algúns dos prebenxamíns, que adestran Adrián Cabado e Brais Alonso.

Este é o resumo en fotos do moito que aprenderon e do ben que o pasaron:
Algúns dos xogadores da EDS co adestrador Adrián Cabado.
Antes de comezar, adestradora e xogadoras comparten reflexións.
Tamén os máis pequenos reciben consellos dos adestradores.
As nenas saben que antes de facer exercicio hai que estirar os músculos.
Estes pequenos futbolistas tampouco se esqueceron de quentar.
E por fin comezan co que máis lles gusta: xogar ao fútbol!
Mentres os adestradores lles ensinan o que deben facer.
As raparigas demostraron que nada teñen que envexar aos nenos.
Algúns pais estiveron presentes no adestramento.
E puideron ver o habilidosas que son as nenas co balón.
E como os nenos van aprendendo o valor do traballo en equipo.
Crecendo como deportistas, pero tamén como persoas.
E por último deixámosvos dúas fotografías anteriores aos partidos que xogaron a pasada fin de semana. Non están todos os xogadores e faltan tamén os de Fútbol 8, pero pouco a pouco trataremos de sacalos a todos no noso blog. 
 
Que grandes equipos ten a Escola Deportiva Santiago! Noraboa a todos os futbolistas polo ben que se portan e o moito que se esforzan!
 
 
 
 

Prolóngase unha xornada máis o módulo de adestramento de porteiros

O técnico de porteiros do Negreira, Juan Abalo, impartirá este luns,  4 de febreiro, a última sesión do módulo de adestramento de porteiros de fútbol dentro do curso  ‘Adestramento de porteiros de fútbol e primeiros auxilios no deporte’ que organizan a Escola Deportiva Santiago e o Centro Xuvenil Don Bosco.
Aínda que tiña que ter rematado o pasado luns, o interese amosado polos participantes fixo que se decidise prolongar o módulo cunha xornada máis. A clase desenvolverase unha vez máis na Escola Don Bosco (rúa Belvís, nº 2, Santiago) en horario de 20:00 a 22:30 horas.
Primeiros auxilios no deporte
Xa o seguinte luns, o día 11, comezará a parte deste curso adicada aos primeiros auxilios no deporte. Deste módulo ocuparase o licenciado en INEF e monitor titulado en primeiros auxilios, Martín Barcala.
Entre outros temas, falará de cales son as lesións máis habituais nos deportistas, de como realizar manobras de reanimación e de como colocar un colariño cervical.
 
Partidos dos pequenos de fútbol sala
Este fin de semana continúa a competición para os equipos de fútbol sala da Escola Deportiva Santiago. Os prebenxamíns xogarán o sábado en Lamas de Abade: os de primeiro ano ás 12:15 horas e os de segundo ano ás 13:00. Os alevíns farano ás 16:30 horas no colexio La Salle. 

Os mellores porteiros de Galicia participarán nunha máster class gratuíta en Santa Isabel

A Escola Deportiva Santiago e o Centro Xuvenil Don Bosco, en colaboración co Concello de Santiago e a Cruz Vermella, organizan o próximo domingo 30 de decembro unha máster class gratuíta que versará sobre o adestramento de porteiros de fútbol e os primeiros auxilios nas competicións deportivas.

Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araujo, o director do Centro Xuvenil Don Bosco, Francisco Rodríguez, e o delegado da Cruz Vermella en Santiago, Cibrán Vázquez.

Tamén participaron dous porteiros do Negreira, Sergio e Óscar. Impartida polo especialista Juan Abalo, esta máster class desenvolverase dende as 10:00 horas en Santa Isabel. Nesta actividade, aberta a todo tipo de público, participarán os mellores porteiros de fútbol de Galicia.

Así que todos aqueles que queiran gozar da espectacularidade do seu xogo, só teñen que achegarse o domingo a este estadio de fútbol compostelán. Ademais, a Cruz Vermella realizará unha exhibición de primeiros auxilios no deporte, mostrando como se debe actuar cando se producen diferentes emerxencias no terreo de xogo.

Curso en xaneiro
Esta máster class inclúese dentro do programa de formación que están a levar a cabo a Escola Deportiva Santiago e o Centro Xuvenil Don Bosco e que continuará cun curso denominado ‘Adestramento de porteiros de fútbol e primeiros auxilios non deporte’. Este desenvolverase no Centro Xuvenil Don Bosco (Rúa Belvís, nº2) do 14 de xaneiro ao 11 de febreiro, só os luns en horario de 20:00 a 22:30 horas. O prezo por participar é de 20 euros por módulo e 30 euros polo curso completo. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o próximo 10 de xaneiro. Aqueles interesados deben dirixirse ao email etl@cxdonbosco.org ou chamar ao teléfono 981582243.

Photo credit: A. Hernández (El Correo Gallego)

Formación personalizada e novos métodos no curso 2012-2013 da Escola Deportiva Santiago


Escola Deportiva Santiago comezará no mes de outubro un novo curso cargado de novidades. Así, nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade, recibirán clases de fútbol impartidas por adestradores con titulación nacional e licenciados en Educación Física.

Escola preocuparase pola formación dos pequenos deportistas con programas adaptados a cada unha das diferentes idades dos alumnos/as, así como aos seus distintos niveis.

Por primeira vez, os monitores realizarán controis presenciais e audiovisuais que servirán para coñecer os avances dos nenos. Haberá ademais unha proba final para avaliar as melloras dos futbolistas.

Todos aqueles que estean interesados en inscribir os seus fillos poden dirixirse ao correo electrónicoescolasantiagocf@gmail.com ou chamar ao teléfono 697 408 573

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR