adestrador

now browsing by tag

 
 

Katja Cardol: “O esencial é que co deporte os nenos adquiran valores e habilidades que lles sirvan o resto das súas vidas”

Katja Cardol é unha psicóloga deportiva holandesa que desde hai un tempo vén colaborando coa Escola Deportiva Santiago. As prácticas dun máster trouxéronna a Compostela, en concreto ao Centro Libredón, en setembro do ano pasado. “Gustáronme tanto que quedei traballando na Unidade de Psicoloxía e Coaching Deportivo, a UPCD-Libredón”, explica. Ademais, tamén axuda a un equipo de baloncesto da Liga Feminina 2 e á selección española feminina de hockey subacuático, entre outros.

De que maneira colaboras coa Escola Deportiva Santiago?
Desde esta tempada estou a traballar os luns e mércores nos adestramentos de fútbol sala. Boto unha man aos adestradores, Amanda, Iago e Brais, a planificar os entrenos dinámicos e variados. Xuntos elaboramos e imos conseguindo obxectivos enfocados a que os nenos e as nenas sempre sigan aprendendo, desenvolvéndose e gozando. Tamén engadimos aspectos mentais aos exercicios e xogos, por exemplo estamos a mellorar moito na comunicación na pista, a concentración e atención, e a autoconfianza de cada un para poder xogar divertíndose e progresando. Ah, e se escoitades a un neno ou unha nena falando en holandés, non é a miña culpa!

Desde o teu punto de vista, como debe ser o traballo do adestrador?
O adestrador no deporte de iniciación ten o papel de educador. Por iso, é importante que transmita valores e normas, que se comunique en positivo, e que reforce non só o resultado, senón tamén e sobre todo o esforzo realizado. Os nenos fan deporte para divertirse, estar con amigos, desenvolverse, etc. de maneira saudable. Gañar non é o máis importante – se o pensas, poucos nenos deportistas chegarán a ser profesionais. O esencial é que facendo deporte adquiran valores e habilidades que lles van a servir no resto das súas vidas, dentro e fóra do deporte. Por iso é tan conveniente centrarse en condutas e exercicios que pauten a aprendizaxe e o desenvolvemento.

E dos pais e nais? Como poden axudar aos seus fillos?
Como os fillos son os tesouros dos pais, os pais son importantísimos para os fillos. Sen chegar a ser protagonista, poden apoiar moito tanto en situacións pre-, durante e post-competición como en adestramentos a través do seu comportamento e actitude. Poden influír positivamente nos nenos transmitindo seguridade e confianza, promocionando obxectivos que non teñan que ver con gañar – como a autosuperación e a melloría de habilidades – e aceptando os valores do club. Nunca deben meterse no papel do adestrador, para non xerar confusión e nervios nos críos. Unha derrota? Os pais están alí para escoitar e apoiar aos seus fillos, para destacar as cousas positivas que fixeron, e para motivalos a seguir mellorando e gozando co fútbol.

Katja facendo un xogo na Festa do Entroido da Escola Deportiva Santiago.

Katja facendo un xogo na Festa do Entroido da Escola Deportiva Santiago.

Que destacarías dos nenos e nenas que forman actualmente parte da Escola?
Son uns cracks! Tanto nos partidos como nos adestramentos vexo moitos sorrisos, compañeirismo, e están sempre dispostos a aprender. Aínda que haxa diferenzas de idades, sexo e personalidades nos grupos, sempre inclúen a todos e todas. Un deporte de equipo non sempre implica que haxa traballo en equipo, con todo, na Escola seguramente si o implica. É algo moi bo e unha característica que lles axudará tamén fóra do fútbol, como no colexio, e no futuro.

Tamén colaboras cos Campus que organiza a Escola, de que maneira?
Si, estarei a traballar no Campus Polideportivo de Semana Santa. Alí colaborarei como unha monitora máis, aínda que seguramente incorpore algún aspecto ou xogo mental nas actividades, para xogando ter sempre en conta esta parte tan importante do deporte. Xa me veredes por alí!

Por que é importante a figura do psicólogo dentro dunha entidade deportiva?
Valores, obxectivos, esforzo, concentración, autoestima, cohesión de equipo, control de nervios, desenvolvemento persoal, comunicación, compañeirismo, liderazgo, os papeis adecuados de cada un no ‘pentágono da iniciación deportiva’ (nenos, adestradores, pais, directivos, árbitros), manexo de emocións, aceptación de fracasos, compatibilidade estudos-deporte, autocontrol, positivismo, respecto, compromiso… Teño que seguir? Son todos aspectos que teñen que ver coa psicoloxía, que desgraciadamente moita xente da por sentado, pero que si se pode e deberíase traballar e mellorar. O psicólogo deportivo está para apoiar a mellorar e a crecer, pode ser a través de acompañamento de adestradores, seguimento de equipos, apoio individual a deportistas, formación para directivos, adestradores, árbitros e pais, etc., sempre adaptándose ás necesidades do club. Tanto como na parte técnica, táctica e física, como na parte mental é fundamental no deporte.

Que é para ti o deporte?
O deporte é parte integral da vida. O deporte é para todos e todas, de calquera idade, nivel, sexo ou raza, e é moi beneficioso ao nivel social, físico, mental. No deporte, pódese escapar de dificultades, centrarse en retos e divertirse, e sobre todo o deporte é unha escola na que se aprenden valores da vida e na que nos podemos autodesafíar, autosuperar e desenvolver sempre.

Un consello para os pequechos…
Gozade e crede en vós mesmos e nos vosos compañeiros!

…e para os non tan peques?
Poñédevos no lugar dos nenos e as nenas, apoiádeos, potenciade valores e aprendizaxe, destacade destrezas e dade exemplo. E, por último, un moi sinxelo: gozade!

Claves para adestrar como porteiro

A posición de gardameta é a que máis evolucionou no mundo do fútbol nos últimos tempos. E cada vez son máis os nenos e nenas que se animan a ser porteiros. Por iso é importante ensinarlles as técnicas e tácticas propias do xogo baixo os tres paos.

Un dos adestradores da nosa Escola, Óscar Vilariño, é todo un experto na materia. Nun artigo publicado no blog de Decathlon explica diferentes metodoloxías para traballar cos gardametas. Nel sinala que para os máis pequenos é fundamental traballar a técnica (caídas, coordinación, golpeo, rexeitamentos…), aumentando o nivel físico a medida que a idade sexa maior.

Tamén apunta que hai que introducir exercicios orientados á competición, onde poden participar compañeiros. Por último, comenta unha serie de situacións nas que hai que traballar a táctica de equipo. Neste senso salienta a comunicación co resto dos xogadores e a necesidade de fomentar aos porteiros intelixentes, aqueles que son capaces de evitar unha acción de perigo dando boas indicacións aos compañeiros. Podes ler o resto de recomendacións premendo neste enlace.

Ademais, deixámosvos este vídeo da escola de fútbol de Barcelona Fundación Marcet no que vemos algunhas das técnicas que deben practicar os gardametas:

Pais xenerosos versus egoístas nos partidos dos seus fillos

Hai tempo que queriamos falarvos do coach persoal e deportivo Kike Fernández e o seu blog ‘Entrenador Transcendente’, onde comparte as súas experiencias e inquedanzas sobre o deporte e todo o que inflúe nel. Parécenos especialmente interesante o artigo titulado: ¡Será tonto el ‘tío’ este que no saca a mi hijo!. Nel fala de dous tipos de pais e nais á hora de asistir aos partidos dos seus fillos: os xenerosos (que non falan mal dos compañeiros, apoian ao adestrador e procuran que os nenos xoguen con menos presión e gozando do momento) e os egoístas (que pensan que os seus fillos son unhas estrelas e fomentan os seus nervos e ansiedade).

Para Kike os pais xogan un papel moi importante nos equipos de base. Deben apoiar positivamente aos nenos e ao adestrador e crear así un entorno de cordialidade entre as partes (xogador, adestrador, club e pais). Por iso o diálogo debe estar sempre presente, informando aos pais e nais de como evolucionan e establecendo uns obxectivos motivantes. Estes defínense marcando un reto importante que nos active e un obxectivos claros a curto prazo; creando un entorno que facilite o desenvolvemento do traballo e asumindo que hai qe adestrar ao 100% e, de cando en vez, quedar no banco. Podes ler o artigo compreto de Kike premendo neste enlace.

Bos equipos convértense en grandes equipos cando os seus membros confían recíprocamente o suficiente para reemprazar o eu polo nosoutros

                                                     Phill Jackson, adestrador de Michael Jordan.

Amoestación para un equipo de fútbol base que gañou por 53-0

Hai uns días varios medios de comunicación fixéronse eco dunha nova sobre a amosteación recibida por un equipo de fútbol base andaluz,  o Aznalcázar Atlético, que gañou ao Palomares Júnior da Liga Provincial de Alevíns de Sevilla por 53-0. A Federación entendeu o resultado como unha “humillación” e pediu unha sanción para o adestrador do equipo local. E é que, tal e como explicaron, trátase dun categoría de formación na que o de menos é o marcador.

Para a Delegación Sevillana da Federación Andaluza de Fútbol (FAF), a situación foi “antideportiva e daniña” para uns equipos formados por xogadores de 11 anos de idade. Desde este ente afirman que deben ser os adestradores os primeiros responsables para que algo así non suceda e lanzan unha mensaxe aos pais e nais: este tipo de ‘abusos’ debilitan a filosofía deportiva que debe reinar en todos os clubes. 

E ti, que pensas? Porías un límite ao número de goles nos partidos de fútbol base? Esperamos as túas opinións!

Responsable, obxectivo e voluntarioso; así debe ser todo bo adestrador

O adestrador superior de baloncesto e monitor habitual nos Campus Polideportivos e de Tecnificación que organiza a Escola Deportiva Santiago, José Manuel López, reflexiona no seguinte texto sobre o papel dos técnicos nas categorías da base. Con máis de 25 anos de experiencia – os últimos 15 no CD Compañía de María -, Manuel aconsella, entre outras cousas, ser responsable, obxectivo e voluntarioso.

manuel_basket4

Manuel López adestra no CD Compañía de María.

In-Capacidade

… é aquelo que os adestradores deberían evitar: incapacidade para ensinar, incapacidade para educar, para formar, para construír, incapacidade para fomentar nos nen@s a paixón polo deporte…

E no extremo oposto o adestrador debe presentar capacidade para dirixir, capacidade para orientar, capacidade para antepoñer, para apoiar e escoitar, capacidade para facer ver que o deporte é un sendeiro máis que correcto polo cal os nosos menores poderán encontrar o camiño axeitado cara un futuro máis san e sociable.

A liña que separa ámbalas dúas accións é tan delgada e tan obvia que para non caer nela os adestradores debemos incidir en cualidades como: voluntariedade, credibilidade, obxectividade, desexo por ver crecer, responsabilidade… Cualidades necesarias e obrigadas cando se trata de formar e educar a través do deporte a nen@s tan fráxiles e receptivos, para os cales o adestrador remata sendo esa persoa/compañeiro que ven todos os días e ao cal confían e expresan moitas cousas que nas súas casas, aos seus pais, non se atreven.

Non caias na in-capacidade e fomenta as capacidades; a formación continua no adestrador é tan ou máis importante que os resultados inmediatos e que tantas carencias co tempo conlevan… pero esa é outra historia.

Por José Manuel López

LER MÁIS: – José Manuel López: “O Campus de Tecnificación en Baloncesto vai ser para os rapaces unha experiencia difícil de esquecer”

Como deben comportarse os pais cando os seus fillos fan deporte?

 
O exfutbolista do FC Barcelona Gary Lineker denunciaba hai uns días na revista The New Statesman a inaceptable actitude dalgúns pais cando van ver aos seus fillos xogar ao fútbol. Nun artigo publicado por El Confidencial recollen algunhas das súas reflexións. Así, entre outras cousas, Lineker define estas situacións como propias “dunha cultura totalmente deprimente”. “Se calásemos e deixásemos simplemente que os nenos gozasen do partido, sorprenderiámonos de como cambiaría a cousa”, afirma o inglés. 
 
Pero como deben comportarse os proxenitores perante a práctica deportiva dos seus fillos? Nun artigo asinado por A. Gordillo na Revista de Psicología del Deporte atopamos varios consellos: 
  • Aceptar o papel do adestrador. O máximo responsable na planificación da actividade deportiva é o adestrador. Aínda que os pais teñan coñecementos do deporte, non deben interferir nas súas funcións nin colocar aos nenos na situación de ter que escoller entre os criterios dun ou outro en cuestións técnicas ou tácticas. 
  • Aceptar os éxitos e os fracasos. A importancia que un neno pode dar a unha victoria ou unha derrota pode estar influída en grande medida pola resposta dos pais, que sen querelo poden xerar unha presión innecesaria. 
  • Amosar interese pola actividade que realizan os pequenos. Hai que falar cos fillos de como van as cousas, o seu estado de ánimo, a súa relación co adestrador e os compañeiros, etc. Tamén é bo compartir opinións sobre obxectivos a corto e medio prazo. 
  • Axudar a que os nenos tomen as súas propias decisións. Que deportes practicar, a elección do material deportivo, o nivel de compromiso… son cuestións nas que hai que escoitar o que os nenos teñen que dicir. É importante axudar aos fillos a que, de maneira progresiva, aprendan a ter criterios propios e a adquirir responsabilidades. 
  • Ser un modelo de autocontrol. Non se pode pedir aos fillos que teñan calma e control, cando os pais son os primeiros en estar nerviosos e perder a compostura (por exemplo, na nosa actitude cos árbitros).
LER MÁIS:
E ti, que tipo de pai es coa formación deportiva dos teus fillos? 
Un pouco de humor para reflexionar sobre a actitude dos pais nos partidos
Fronte as competicións deportivas, non sexas o seu manager, actúa como pai
Pais que nos partidos son coma hooligans

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR