Katja Cardol: “O esencial é que co deporte os nenos adquiran valores e habilidades que lles sirvan o resto das súas vidas”

Katja Cardol é unha psicóloga deportiva holandesa que desde hai un tempo vén colaborando coa Escola Deportiva Santiago. As prácticas dun máster trouxéronna a Compostela, en concreto ao Centro Libredón, en setembro do ano pasado. “Gustáronme tanto que quedei traballando na Unidade de Psicoloxía e Coaching Deportivo, a UPCD-Libredón”, explica. Ademais, tamén axuda a un equipo de baloncesto da Liga Feminina 2 e á selección española feminina de hockey subacuático, entre outros.

De que maneira colaboras coa Escola Deportiva Santiago?
Desde esta tempada estou a traballar os luns e mércores nos adestramentos de fútbol sala. Boto unha man aos adestradores, Amanda, Iago e Brais, a planificar os entrenos dinámicos e variados. Xuntos elaboramos e imos conseguindo obxectivos enfocados a que os nenos e as nenas sempre sigan aprendendo, desenvolvéndose e gozando. Tamén engadimos aspectos mentais aos exercicios e xogos, por exemplo estamos a mellorar moito na comunicación na pista, a concentración e atención, e a autoconfianza de cada un para poder xogar divertíndose e progresando. Ah, e se escoitades a un neno ou unha nena falando en holandés, non é a miña culpa!

Desde o teu punto de vista, como debe ser o traballo do adestrador?
O adestrador no deporte de iniciación ten o papel de educador. Por iso, é importante que transmita valores e normas, que se comunique en positivo, e que reforce non só o resultado, senón tamén e sobre todo o esforzo realizado. Os nenos fan deporte para divertirse, estar con amigos, desenvolverse, etc. de maneira saudable. Gañar non é o máis importante – se o pensas, poucos nenos deportistas chegarán a ser profesionais. O esencial é que facendo deporte adquiran valores e habilidades que lles van a servir no resto das súas vidas, dentro e fóra do deporte. Por iso é tan conveniente centrarse en condutas e exercicios que pauten a aprendizaxe e o desenvolvemento.

E dos pais e nais? Como poden axudar aos seus fillos?
Como os fillos son os tesouros dos pais, os pais son importantísimos para os fillos. Sen chegar a ser protagonista, poden apoiar moito tanto en situacións pre-, durante e post-competición como en adestramentos a través do seu comportamento e actitude. Poden influír positivamente nos nenos transmitindo seguridade e confianza, promocionando obxectivos que non teñan que ver con gañar – como a autosuperación e a melloría de habilidades – e aceptando os valores do club. Nunca deben meterse no papel do adestrador, para non xerar confusión e nervios nos críos. Unha derrota? Os pais están alí para escoitar e apoiar aos seus fillos, para destacar as cousas positivas que fixeron, e para motivalos a seguir mellorando e gozando co fútbol.

Katja facendo un xogo na Festa do Entroido da Escola Deportiva Santiago.

Katja facendo un xogo na Festa do Entroido da Escola Deportiva Santiago.

Que destacarías dos nenos e nenas que forman actualmente parte da Escola?
Son uns cracks! Tanto nos partidos como nos adestramentos vexo moitos sorrisos, compañeirismo, e están sempre dispostos a aprender. Aínda que haxa diferenzas de idades, sexo e personalidades nos grupos, sempre inclúen a todos e todas. Un deporte de equipo non sempre implica que haxa traballo en equipo, con todo, na Escola seguramente si o implica. É algo moi bo e unha característica que lles axudará tamén fóra do fútbol, como no colexio, e no futuro.

Tamén colaboras cos Campus que organiza a Escola, de que maneira?
Si, estarei a traballar no Campus Polideportivo de Semana Santa. Alí colaborarei como unha monitora máis, aínda que seguramente incorpore algún aspecto ou xogo mental nas actividades, para xogando ter sempre en conta esta parte tan importante do deporte. Xa me veredes por alí!

Por que é importante a figura do psicólogo dentro dunha entidade deportiva?
Valores, obxectivos, esforzo, concentración, autoestima, cohesión de equipo, control de nervios, desenvolvemento persoal, comunicación, compañeirismo, liderazgo, os papeis adecuados de cada un no ‘pentágono da iniciación deportiva’ (nenos, adestradores, pais, directivos, árbitros), manexo de emocións, aceptación de fracasos, compatibilidade estudos-deporte, autocontrol, positivismo, respecto, compromiso… Teño que seguir? Son todos aspectos que teñen que ver coa psicoloxía, que desgraciadamente moita xente da por sentado, pero que si se pode e deberíase traballar e mellorar. O psicólogo deportivo está para apoiar a mellorar e a crecer, pode ser a través de acompañamento de adestradores, seguimento de equipos, apoio individual a deportistas, formación para directivos, adestradores, árbitros e pais, etc., sempre adaptándose ás necesidades do club. Tanto como na parte técnica, táctica e física, como na parte mental é fundamental no deporte.

Que é para ti o deporte?
O deporte é parte integral da vida. O deporte é para todos e todas, de calquera idade, nivel, sexo ou raza, e é moi beneficioso ao nivel social, físico, mental. No deporte, pódese escapar de dificultades, centrarse en retos e divertirse, e sobre todo o deporte é unha escola na que se aprenden valores da vida e na que nos podemos autodesafíar, autosuperar e desenvolver sempre.

Un consello para os pequechos…
Gozade e crede en vós mesmos e nos vosos compañeiros!

…e para os non tan peques?
Poñédevos no lugar dos nenos e as nenas, apoiádeos, potenciade valores e aprendizaxe, destacade destrezas e dade exemplo. E, por último, un moi sinxelo: gozade!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR