Saúde

now browsing by category

 

A pirámide da actividade física para nenos e nenas

Entre os 5 e os 17 anos o noso corpo necesita acumular un mínimo de 60 minutos diarios de actividade física. Así o explican nun artigo de Xente con Vida, a páxina web da Xunta da que xa vos temos falado noutras ocasións e na que podedes atopar moitos consellos para ter unha vida máis saudable. 

Alí atopamos esta pirámide da actividade física para nenos e nenas na que, dun xeito moi sinxelo, ensinan cales son as actividades máis convenientes para os pequenos e con que frecuencia deben practicarse.

Na base da pirámide, o nivel 1, están aquelas actividades físicas que deben realizar todos ou case todos os días. Inclúen camiñar máis, subir escaleiras, axudar nas tareas domésticas e xogar de forma activa.

No segundo nivel atopamos actividades aeróbicas para facer entre 3 e 6 días á semana. Son a práctica de deportes, correr, montar en bicicleta, nadar, patinar, etc.

Pasamos depois a un terceiro nivel que se divide en dous apartados. Por un lado, están as actividades que teñen que ver coa flexibilidade: estiramentos, ximnasia, ioga, pilates… para facer entre 3 e 7 días á semana. Por outro, están as actividades que interveñen no fortalecemento muscular: gabear, escalar, tirar, lanzar, exercicios con bandas elásticas… para realizar 2 ou 3 días á semana.

E na cúspide da pirámide están as actividades sedentarias, tales como ver a televisión ou xogar con ordenadores ou videoxogos. Neste caso a recomendación é limitalos, evitando períodos de inactividade de máis de 2 horas durante o día.

pirámide exercicio físico

Preme na imaxe para agrandala.

Algunhas recomendacións para evitar o risco de lesións dos nenos e nenas facendo deporte

Os nenos e nenas deben practicar deporte habitualmente para mellorar a súa saúde. Pero tamén debemos estar atentos a como facelo para evitar o risco de lesións. Nun artigo publicado pola web infosalus.com recollen algunhas recomendacións da Asociación Americana de Pediatría (www.aap.org):

  • Deixar polo menos un día á semana sen practicar deporte para que o corpo descanse.
  • Levar o equipo protector correcto segundo o deporte que practiquen: casco, xeonlleiras, protección para os ollos ou os dentes…
  • Fortalecer os músculos implicados na actividade realizando exercicios de quecemento.
  • Aumentar a flexibilidade con exercicios de estiramento antes e despois da práctica deportiva.
  • Descansar nos periodos entre os adestramentos e as probas deportivas e evitar os golpes de calor.
  • Reforzar o seguimento das regras do xogo para evitar os golpes entre os xogadores por accións antirregramentarias.
  • Parar de xogar sempre que haxa dor.
  • Beber moitos líquidos antes, durante e despois da práctica deportiva.
  • Coidar o aspecto emocional: valorar o esforzo e non criticalos ou castigalos por malos resultados. O principal obxectivo debe ser a diversión!

Estas son algunhas recomendacións para o deporte en xeral. Noutro artigo do blog de fútbol de Decathlon que tamén nos parece moi interesante falan específicamente das lesións propias do deporte rei e de como evitalas. Podes lelo premendo aquí.

A actividade física, tan vital para os nenos e nenas como a alimentación e o sono

A Fundación María José Jove acaba de editar unha guía de hábitos saudables moi interesante para os pais e nais. O documento – que foi elaborado por catro pediatras, dúas enfermeiras, dúas matronas, dúas traballadoras sociais e tres psicólogas – pode consultarse en formato pdf premendo neste enlace

Nesta guía adican unha parte importante a falar da actividade física, como algo tan necesario como “a alimentación e o sono”. De feito, recomendan que os nenos e nenas de 5 a 17 anos realicen, polo menos, unha hora de exercicio ao día.

Sobre o deporte, sinalan que está demostrado que aqueles pequenos que o practican “son máis sans, dormen mellor e poden enfrontarse aos desafíos físicos e emocionais con maior eficacia”. Gracias a el os nenos e nenas:

  • Relaciónanse cos seus semellantes, facéndose máis colaboradores e menos individualistas.
  • Aprenden a superar a súa timidez e a mellorar as súas relacións sociais.
  • Acostúmanse a adquirir responsabilidades, a cooperar e a recoñecer a importancia do traballo en equipo. Ademais de aprender a gañar e perder.

Alimentación, hixiene e psicoloxía

Outros dos aspectos que se tratan nesta guía son a alimentación, a hixiene e a prevención de accidentes. Entre outras cousas, aportan trucos para que os pequeños coman e durman ben; explican que facer ante enfermidades comúns como o a febre ou un catarro e dan consellos sobre como actuar ante medos, celos, unha perrencha ou un suposto acoso escolar.

Na área psicoeducativa atopamos, ademais, algunhas recomendacións moi interesantes sobre, por exemplo, como deben ser os castigos. Neste senso, indican que para que sexan efectivos hai que avisar antes de aplicalos, ensinar comportamentos alternativos e eloxiar aqueles que queremos que se repitan. 

Cabe destacar tamén a división que fan dos tipos de nais e pais: autoritario (esixe obediencia, apenas dá cariño), permisivo (moito cariño, pouca ou nula esixencia), sobreprotector (pouca ou nula autonomía e esixencia) e democrático (combina cariño, diálogo, esixencia e autonomía). Se queremos evitar problemas, debemos esquecer os tres primeiros tipos e optar por ser o máis democráticos posible.

 

 

Clases de gastronomía para todos nos colexios

Desde o curso que vén os nenos españois poderían recibir no seus colexios clases de gastronomía. Así se acordou o pasado martes na reunión que mantiveron os ministerios de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade; Asuntos Exteriores e Cooperación e Educación, Cultura e Deporte coa Real Academia da Gastronomía (RAG). Neste encontro asinouse un convenio para a posta en marcha de actuacións de difusión da alimentación, a saúde e a diversidade da cultura gastronómica do país. 

A RAG xa ten deseñados uns módulos que servirán de base para os programas que se impartirán nas escolas e que inclúen temas como experiencias sensoriais ou o patrimonio gastronómico. Pero o temario non quedará fixo ata que se asinen outros convenios coas distintas Comunidades Autónomas.

Xa no pasado mes de marzo o Parlamento Europeo aprobou un informe no que recomendaban incorporar ao sistema educativo europeo os coñecementos sobre gastronomía e hábitos alimenticios, incluíndo os procesos de preparación, produción e conservación dos alimentos.

E a ti, que opinas? Gustaríache que os teus fillos/as recibisen clases de gastronomía nos colexios? Podes deixar os teus comentarios nesta web ou nos nos perfís en Facebook e Twitter.

LER MÁIS: 

Máis deporte e comida sa para combater a obesidade infantil 

Guerra contra a obesidade infantil: É hora de comer ben!

Contos e xogos para que os pequenos aprendan hábitos de vida saudables 

 

Evita que os teus fillos se fagan dano na piscina

Probablemente xa liches en moitas ocasións novas con consellos para que os nenos estean seguros nas piscinas. Pero tamén o viron os teus fillos? Non hai nada máis importante que eles mesmos saiban que facer cando están nadando. Por iso recollemos neste post un videoconto realizado por Abrisud Ibérica dirixido aos máis pequenos da casa.

O conto está protagonizado por unhas gotas de auga que explican aos nenos os perigos da piscina e como gozar dela con seguridade. Estes son os consellos que dan:

  • Nunca te bañes na piscina
  • Usa sempre manguitos ou chaleco
  • Non xogues en bordos e tobogáns
  • Come e espera antes do baño
  • Entra devagar na auga
  • Recolle os xoguetes que metas na piscina
  • Avisa aos teus pais se un neno se fai dano
  • Non entres se a piscina está pechada
  • Escolle a zona que menos cubra
  • Aprende a nadar desde moi pequeno

Photo credit: Piscinas do Multiusos Fontes do Sar en Santiago.

Que pataca preferirías comer ti?

As nais e pais enfróntanse en moitas ocasións á difícil tarefa de conseguir unha alimentación axeitada para os seus fillos. Pero como facer que coman de maneira máis saudable? Hai que dar exemplo. Segundo un estudo de investigadores da Universidade de Leeds (Reino Unido), comer xuntos como unha familia, aínda que só sexa unha ou dúas veces por semana, aumenta o consumo diario de froitas e verduras nos nenos

Pero non só debemos preocuparnos de aumentar a cantidade de produtos da horta na nosa dieta, tamén temos que pensar que é exactamente o que nos estamos a levar á boca. Para reflexionar sobre isto, deixámosvos un interesante vídeo resultado dun traballo escolar dunha nena sobre os alimentos ecolóxicos. A peza remata lanzando unha pregunta: “Que pataca preferirías comer ti?”. Nós témolo claro!

LER MÁIS:

Contos e xogos para que os pequenos aprendan hábitos de vida saudables

Remata coas batallas cos teus fillos á hora de comer

Consellos e menús para que os nenos aprendan a comer froitas e verduras

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR