Saúde

now browsing by category

 

Deporte e boas posturas para coidar a espalda dos nenos e nenas

Mochilas cargadas de libros, malas posturas na mesa… Son moitos os nenos e nenas que sofren dores de espalda. Como evitalos? O deporte é fundamental, tal e como explican neste vídeo da web guiainfantil.com

Compartimos convosco ademais outro vídeo do mesmo portal con consellos para levar ben as mochilas ao colexio.

5 consellos para que os nenos aprendan a coidar a súa saúde

Dento das ensinanzas que debemos proporcionar aos nosos nenos e nenas non poden faltar uns hábitos de vida saudables. Neste artigo resumimos cinco consellos para que aprendan a coidarse que atopamos na web infosalus.com

  1. Lavar as mans. Os nenos deben aprender a lavar as mans antes de cada comida. É un xesto que pode evitar o desenvolvemento de infeccións intestinais debido ás bacterias que residen nelas.
  2. Lavar os dentes. Desde o nacemento da primeira peza dental, o máis recomendable é limpar a boca cun cepillo ou un pano adaptado ao bebé.
  3. Hidratación. Ademais de comer san, non nos podemos esquecer de que os pequenos beban moita auga, leite e zumes naturais.
  4. Froitas e verduras. Somos o que comemos e por iso debemos vixiar a dieta dos nosos fillos e incluír nela froitas e verduras.
  5. Actividade física diaria. Desde xogar ou camiñar ata practicar algún deporte, o máis axeitado é que os rapaces realicen 60 minutos de actividade física cada día.

A Organización Mundial da Saúde alerta sobre os problemas dos nenos que non fan deporte

En moitas ocasións falámosvos neste blog sobre os beneficios do deporte para os máis pequenos. Neste senso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que os nenos e xóvenes de entre 5 e 17 anos invirtan como mínimo 60 minutos diarios en actividades físicas de intensidade moderada a vigorosa. Deste xeito conseguirán desenvolver de maneira sana o seu aparato locomotor (ósos, músculos e articulacións) e o seu sistema cardiovascular (corazóns e pulmóns), ademais de aprender a controlar o seu sistema neuromuscular (coordinación e control dos movementos) e lograr manter un peso corporal axeitado.

Pero non todos os nenos e nenas seguen estas pautas. Segundo un informe que acaba de facer público a OMS sobre datos dos anos 2013-14, só o 24,4% dos rapaces de entre 11 e 18 anos de idade alcanza os niveis requeridos. E o que é máis preocupante, segundo un estudo da Organización de Consumidores y Usuarios o 25% dos nenos españois non practican ningunha actividade deportiva regular e un de cada dous pasa máis de 3 horas diarias vendo a televisión ou xogando a videoxogos durante a fin de semana ou as vacacións.  Isto incide directamente na elevada tasa de obesidade infantil que hai no noso país.

Se vos interesa profundizar máis sobre este asunto, deixámosvos unha ligazón para descargar a publicación da OMS ‘Recomendaciones mundiales sobre actividad física para la salud’, onde atoparedes consellos para diferentes grupos de idade, entre eles, os de 5 a 17 anos.

Descargar publicación ‘Recomendaciones mundiales sobre actividad física para la salud’

Pequenos pasos diarios para evitar a obesidade infantil

Xa noutras ocasións témosvos falado da páxina web do Sergas, Xente con Vida, na que atoparedes informacións moi interesantes sobre a saúde e a alimentación dos vosos fillos. Hoxe facémolo de novo para ensinarvos este gráfico no que se explica de maneira moi clara os pasos básicos para evitar a obesidade infantil.

Trátase dun problema que segundo apuntan nun artigo de El Mundo ten un gran crecemento en España nos últimos tempos:  “Segundo a Organización para la Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), España tense convertido no país con maior prevalencia de obesidade infantil en toda Europa, cun crecemento máis rápido que o de Estados Unidos nos últimos vinte anos, pasando do 30% ao 65% de tasa”.

Para evitalo, resulta básico coidar a alimentación e manter unha vida activa. Por exemplo, animando aos pequenos a camiñar no canto de ir en coche, subir polas escaleiras e non polo ascensor, practicar algún deporte… Será bo para eles, pero tamén para nós, os adultos!

XCV frea a obesidade infantil_gl

Como estar seguros cos nenos e nenas nas piscinas e praias

Hoxe recomendámosvos un artigo moi interesante para estes meses de verán publicado recentemente por El Mundo. Podedes lelo premendo neste enlace.

Nel explican dunha maneira clara e sinxela algúns consellos para pasar un verán seguro cos nenos e nenas nas piscinas e praias, aportados pola pedagoga e profesora de natación Indira Retuerto. Aquí resumímosvos os máis importantes:

  • Non deixalos sós e vixialos constantemente –> Regra 10/20 = mirar á auga cada 10 segundos e estar nun lugar onde tardemos menos en 20 segundos en chegar onda eles
  • Falarlles dos socorristas e colocarlles unha pulseira identificativa co número de teléfono 
  • Se non saben nadar, debemos bañarnos con eles pero NON deixalos sós con manguitos nin flotadores
  • Para actividades náuticas, empregar chalecos salvavidas
  • Evitar a entrada brusca á auga, a exposición prolongada ao sol ou o exercicio físico antes do baño
  • Usar a protección solar axeitada, gorras para protexer a cabeza e beber moita auga
  • Ollo co afogamento secundario! Se despois dun susto na auga, o neno/a está moi canso, ten unha tose inusual ou sibilancias, un comportamento estraño, dificultade para respirar ou está desorientado e non responde a preguntas, acode a urxencias. 

Os nenos do I Campus ETC divertíronse co obradoiro ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’

O campo de fútbol e o pavillón de Santa Isabel acollen desde o pasado luns a primeira edición do Campus ETC (Ensino Técnico Competicional), que organiza a Escola Deportiva Santiago coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, e as entidades privadas Gadis e Decathlon.

Os nenos e nenas participantes están a pasar estes días gozando do deporte, mellorando a súa técnica de fútbol e facendo novos amigos. Hoxe, ademais, divertíronse co obradoiro ‘Ponlle as pilas ao teu bocata‘. Trátase dunha actividade posta en marcha pola Consellería de Medio Rural e do Mar que pretende ensinar aos máis pequenos a comer mellor, poñendo de relevo as múltiples virtudes das conservas de produtos do mar. E como? Pois a través dunha charla onde non falta o bo humor, algúns xogos lúdicos e mesmo a posibilidade de elaborar os seus propios bocatas. 

Aquí podedes ver unha galería de imaxes da xornada. Tamén temos máis fotos do Campus que remata mañá na nosa páxina de Facebook.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR