Deporte

now browsing by category

 

Razóns para que todos os nenos e nenas practiquen deporte

Cantas razóns pode haber para que os nenos e nenas practiquen algún deporte? Moitísimas! E bo para a súa saúde, aprenden importantes valores, fan novos amigos… Sergio Lorenzo Jiménez Saiz, director do Máster Universitario en Adestramento e Nutrición Deportiva da Escola Universitaria Real Madrid – Universidade Europea, explica nun artigo publicado recentemente por AS algúns dos seus beneficios.

O experto destaca que a idade ideal para comezar é a partir dos seis anos, pero antes xa poden realizar actividades que sexan divertidas. “O máis importante, en idades temperás, é que fagan actividade física, exercicio físico para o desenvolvemento harmónico, integral e corporal do neno. Isto desenvolve, non só o seu apartado físico, senón tamén o seu desenvolvemento social, intelectual, visual, coordinativo, etc.”, asegura.

Entre os valores que subliña Jiménez están a disciplina, a esixencia, a cultura do erro, gañar e perder como parte do deporte, respecto ás normas e ao rival, pertenza a un grupo, sentimento de pertenza, etc.

Pero é que ademais, o deporte e a actividade física sirven tamén como aliados da integración. As investigacións sobre o exercicio físico levadas a cabo pola Cidade Accesible e HandiSports Servizos Deportivos Adaptados entre outras moitas organizacións, demostraron que o deporte axuda a diminuír niveis de tensións, aumenta as habilidades motoras básicas, axuda tanto ao desenvolvemento individual -disciplina, confianza nun mesmo e responsabilidade-, como ao desenvolvemento en habilidades sociais -comunicación, compañeirismo e traballo en equipo-, mellorando a concepción holística do ser humano.

Por iso estas dúas entidades de Granada acaban de crear un novo curso académico pioneiro en inclusión e igualdade de oportunidades para todas as persoas a través da práctica deportiva cun monográfico exclusivo de actividade física, deporte e autismo. O obxectivo é dotar aos profesionais e futuros profesionais das ferramentas necesarias para a correcta programación e intervención de actividade física e deportiva orientada a persas con trastorno do espectro autista.

 

Santa Isabel acollerá o II Torneo EDS Memorial Antonio Bermúdez

A Escola Deportiva Santiago organiza, co apoio do Concello de Santiago, o II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxeará ao xornalista deportivo compostelán falecido no 2016.

O torneo, que se celebrará o vindeiro 1 de xullo, presentouse esta mañá nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi á que asistiu a concelleira de Deportes, Noa Morales; o presidente da Escola Deportiva Santiago, Santiago Araújo; o director técnico do torneo, Óscar Vilariño; o árbitro Óscar Martínez e o fillo do coñecido locutor homenaxeado, o tamén xornalista Toño Bermúdez.

Comezou a intervención a concelleira Noa Morales, quen destacou o moito que significou para o deporte compostelán e para os equipos da cidade como a SD Compostela, o Santiago Futsal e o Obradoiro a figura de Antonio Bermúdez. Santiago Araújo engadiu que non só apoiaba aos equipos da élite, senón tamén ao deporte base. De aí a idea de organizar este torneo. Pola súa banda, Toño Bermúdez agradeceu o recordo que se lle fai ao seu pai. E, por último, Óscar Vilariño e Óscar Martínez explicaron os aspectos técnicos desta actividade.

II Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez

O torneo desenvolverase o sábado 1 de xullo no campo de fútbol de Santa Isabel. A competición comezará ás 09:30 horas e rematará ás 13:00 horas coa entrega de trofeos.

O torneo está destinado ás categorías Prebenxamín, Benxamín e Alevín de Fútbol 8. Este formato enfrontará a catro equipos en forma de semifinais, resultando gañador o vencedor na final. Os equipos participantes son Escola Deportiva Santiago, Villestro, Atlético Fátima, RC Celta de Vigo e unha selección dos nenos que participen no II Campus ETC, que organizamos do 26 ao 30 de xuño.

O obxectivo deste torneo, ademais de fomentar a práctica deportiva, é transmitir entre os máis pequenos e as súas familias unha serie de valores tales como o esforzo, o respecto, o traballo en equipo… Por iso ás 11:30 horas haberá un descanso no que se desenvolverá unha charla con Óscar Martínez, colexiado de 2ª División B, e Rocío Vázquez, psicóloga especializada no ámbito deportivo, que dará unha visión diferente do fútbol base.

En canto ás bases do torneo, será de tipo eliminatoria. Disputarase en partidos de 25 minutos aplicándose a clasificación á final ao vencedor de cada eliminatoria, e a disputa do terceiro posto entre os perdedores de ditas eliminatorias. Á finalización do partido se fose o resultado de empate, realizarase unha serie alternativa de tres penaltis por equipo, para poder determinar o gañador.

Programa

9:00h: Recepción dos equipos no Campo Municipal de Santa Isabel.

9:30-10:00h: ALEVÍN: Partido entre a E.D. Santiago “B´´ – Villestro (SM1 Campo 1) e Partido entre E.D.Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2)

10:00-10:30h: BENXAMÍN: Partido entre E.D. Santiago “B´´- R.C. Celta de Vigo (SM1 Campo 1) e Partido E.D. Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2)

10:30-11:00h: PREBENXAMÍN: Partido entre a E.D.Santiago “B´´ – Villestro (SM1 Campo 1) e Partido entre E.D.Santiago – Atl. Fátima (SM2 Campo 2.)

11:00-11:30h: Charla con Óscar Martínez e Rocío Vázquez.

11:30-12:00h: ALEVÍN: Partido 3º e 4º posto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no Campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

12:00-12:30h: BENXAMÍN: Partido 3º e 4º posto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

12:30-13:00h: PREBENXAMÍN: Partido 3º e 4º porto. Perdedor (SM1) – Perdedor (SM2) no Campo 2 e Final: Vencedor (SM1) – Vencedor (SM2) no Campo 1.

13:00h: Entrega de trofeos.

Onde practicar deporte en Santiago?

Se vives en Santiago e es amante do deporte, debes coñecer as distintas instalacións onde facer exercicio físico. Temos pavillóns, campos de fútbol, pistas de atletismo, piscinas…

Na páxina web da concellería de Deportes, contan cun extenso listado das instalacións municipais. Podes consultalas premendo aquí. De cada unha delas, podes atopar fotografías e información sobre as súas características e ubicación. Son usadas polos diferentes clubes, colexios e entidades deportivas compostelás pero tamén se pode solicitar o seu uso individual. Como? Aquí tendes toda a información.

A USC (Universidade de Santiago de Compostela) conta tamén con numerosas instalacións, que empregan os estudantes pero tamén teñen espazo para a práctica libre. Nesta ligazón poderedes atopar un listado delas e como utilizalas.

Por último, non podemos esquecer que Santiago está cheo de parques onde correr ou pasear. Na web de Turismo de Santiago teñen información sobre todos eles. Ademais, tamén nos falan doutras opcións relacionadas co deporte e/ou a natureza, como sendeiros, zonas de pesca ou onde practicar golf.

 

Deporte e boas posturas para coidar a espalda dos nenos e nenas

Mochilas cargadas de libros, malas posturas na mesa… Son moitos os nenos e nenas que sofren dores de espalda. Como evitalos? O deporte é fundamental, tal e como explican neste vídeo da web guiainfantil.com

Compartimos convosco ademais outro vídeo do mesmo portal con consellos para levar ben as mochilas ao colexio.

Pequenos xogadores dan unha lección contra a violencia no fútbol base aos seus pais

Como sabedes, na Escola Deportiva Santiago defendemos o xogo limpo e os valores que aporta o deporte aos nenos e nenas. Nesta ocasión, queremos contarvos unha historia que se converteu en toda unha lección contra a violencia no fútbol base. E non partiu dos adultos, senón dos pequenos xogadores. Isto foi o que sucedeu.

Fin de semana do 4 e 5 de marzo. Dous equipos de Valencia, de categoría ‘querubín’ (nenos de 5 anos de idade), Paterna CF e Torrent CF, disputan un partido no que o pai dun dos pequenos actúa como árbitro. Cara o final, sinalou un penalti que propiciou un escándolo sobre o céspede, unha pelaxa que podedes en vídeo premendo aquí.

Que fixeron os clubes? Para empezar, reunirse cos pais para explicarlles a mala imaxe que deron diante dos seus fillos. Tamén traballaron en concienciar a grandes e pequenos na importancia de respectar ao contrario. E, no caso do Torrent CF, elaboraron un cartaz coa sinatura de todos os nenos do equipo no que se pode ler ‘fair play’ (xogo limpo) e que ensinaron no seu seguinte encontro. Bravo por eles! E polos clubes, por non deixar a situación pasar.

 

Aprender inglés xogando ao fútbol

Se aos teus fillos/as lles gusta moito o fútbol e queres que aprendan inglés dun xeito divertido, tes que visitar a páxina web Premier Skills English. Nela atoparás novas, xogos e blogs para practicar o idioma de Shakespeare.

Hai actividades con diferentes niveis, moitas delas para que poidan aprender os máis pequenos da casa. Por exemplo, divertidos xogos escollendo as cores das equipacións dos xogadores, vídeos onde aprendemos como se di en inglés diferentes técnicas e tácticas ou xogos onde seremos árbitros para poñer en práctica as regras de fútbol.

Animádevos a botarlle un ollo cos vosos nenos/as! Podedes visitala premendo aquí.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR