Archives

now browsing by author

 

Este Nadal xoga ao fútbol e ao baloncesto coa Escola Deportiva Santiago

A Escola Deportiva Santiago organiza un ano máis o seu Campus Polideportivo de Nadal, no que participarán nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade. Con esta iniciativa, na que colaboran o Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña, o colexio Compañía de María e Gadis, preténdese ofrecer unha alternativa de conciliación para os pais e nais durante este periodo vacacional dos pequechos.

O Campus desenvolverase do 26 ao 30 de decembro no pavillón de Roxos-Vilestro e no campo de fútbol de A Barrosa (Villestro) en horario de 10:00 a 14:00 horas. Os participantes practicarán fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo, xadrez, deportes alternativos como pode ser o béisbol e exercicios para mellorar a atención.

As inscricións poden realizarse por días soltos (12 euros por día) ou polo campus completo (50 euros). Hai descontos para segundos irmáns e familias numerosas (10 euros por día ou 40 euros polo campus completo). Estes prezos inclúen as merendas e un seguro de accidentes deportivos.

Se estás interesado en inscribir aos teus fillos ou fillas, podes cubrir o seguinte formulario online. Se tes algunha dúbida, podes escribir ao correo electrónico escolasantiagocf@gmail.com ou chamar ao 697 408 573.

Actividades extraescolares, moi beneficiosas na súa xusta medida

Son moitos os pais e nais que se preguntan a que actividades extraescolares apuntar aos seus fillos/as, se será demasiada carga para eles ou, polo contrario, se deberían asistir a máis. Neste debate hai opinións de todos os tipos. Expertos en educación como Catherine l’Ecuyer recomendan que non afecten ao tempo adicado ao xogo. Pero por que é isto importante? Segundo Eva Marina, directora da Universidade de Pais, xogar cos amigos sen presenza adulta “facilita a incorporación gradual á vida en sociedade, é dicir, edúcanse as habilidades sociais”.

Sen embargo, iso non quere dicir que se deban eliminar as actividades extraescolares. Segundo un estudo realizado pola Universidade de Vigo e presentado este mesmo ano, os alumnos de Primaria que as realizan rinden mellor. A súa autora, Lucía Pumares, descubriu co seu traballo que os estudantes que combinan o deporte con clases artísticas ou expresivas obteñen mellores resultados académicos. “Cando os nenos teñen dificultades, os pais envíanos só a clases de reforzo ou os castigan sen outro tipo de actividades. Pero isto resulta totalmente contraproducente. Incluso os nenos que só fan deporte teñen mellor rendemento que os que só van a clases de reforzo”, destaca Pumares. “As actividades extraescolares inflúen en maior medida no seu sentimento de autoeficacia, de sentirse capaces para ter éxito”, engade.

Pero como elexir as actividades ás que anotar aos nosos fillos/as? Eva Marina dá algúns consellos:

  • Atender aos intereses do neno e tamén ao seu temperamento. Que poida elixir.
  • Evitar a sobresaturación da axenda do neno.
  • Non obrigarlle a ir, se non lle gusta.
  • Se vemos síntomas de cansazo, de insomnio, nerviosismo ou decaemento, posiblemente o neno non poida con todo.
  • Antes de realizar a matrícula é importante coñecer á persoa encargada, a súa capacitación profesional e a formulación pedagóxica que ten esa actividade.
  • O importante é que os nenos aprendan, pero tamén que gocen nestas actividades, que lles motiven.
  • Evitar actividades extraescolares de reforzo dos contidos escolares. Os nenos pasan moitas horas no colexio e posiblemente teñan deberes cando cheguen a casa.

 

Razóns para que todos os nenos e nenas practiquen deporte

Cantas razóns pode haber para que os nenos e nenas practiquen algún deporte? Moitísimas! E bo para a súa saúde, aprenden importantes valores, fan novos amigos… Sergio Lorenzo Jiménez Saiz, director do Máster Universitario en Adestramento e Nutrición Deportiva da Escola Universitaria Real Madrid – Universidade Europea, explica nun artigo publicado recentemente por AS algúns dos seus beneficios.

O experto destaca que a idade ideal para comezar é a partir dos seis anos, pero antes xa poden realizar actividades que sexan divertidas. “O máis importante, en idades temperás, é que fagan actividade física, exercicio físico para o desenvolvemento harmónico, integral e corporal do neno. Isto desenvolve, non só o seu apartado físico, senón tamén o seu desenvolvemento social, intelectual, visual, coordinativo, etc.”, asegura.

Entre os valores que subliña Jiménez están a disciplina, a esixencia, a cultura do erro, gañar e perder como parte do deporte, respecto ás normas e ao rival, pertenza a un grupo, sentimento de pertenza, etc.

Pero é que ademais, o deporte e a actividade física sirven tamén como aliados da integración. As investigacións sobre o exercicio físico levadas a cabo pola Cidade Accesible e HandiSports Servizos Deportivos Adaptados entre outras moitas organizacións, demostraron que o deporte axuda a diminuír niveis de tensións, aumenta as habilidades motoras básicas, axuda tanto ao desenvolvemento individual -disciplina, confianza nun mesmo e responsabilidade-, como ao desenvolvemento en habilidades sociais -comunicación, compañeirismo e traballo en equipo-, mellorando a concepción holística do ser humano.

Por iso estas dúas entidades de Granada acaban de crear un novo curso académico pioneiro en inclusión e igualdade de oportunidades para todas as persoas a través da práctica deportiva cun monográfico exclusivo de actividade física, deporte e autismo. O obxectivo é dotar aos profesionais e futuros profesionais das ferramentas necesarias para a correcta programación e intervención de actividade física e deportiva orientada a persas con trastorno do espectro autista.

 

Anota aos teus fillos ao curso de fútbol e fútbol sala 2017-2018 da Escola Deportiva Santiago

Se queres que os teus fillos/as, de entre 4 e 12 anos de idade, formen parte dos equipos de fútbol e fútbol sala da Escola Deportiva Santiago, xa podes anotalos para o novo curso 2017-2018.

Os nosos obxectivos, ademais de ensinarlles aos pequechos os fundamentos técnico-tácticos destes deportes, son fomentar o esforzo e a diversión como método de aprendizaxe e forsxmar a través dos valores do deporte.

Estes son os horarios para o curso 2017-2018:

  • Luns e mércores das 18,45 ás 20,15 h. ( Campo de fútbol de VILLESTRO )
  • Venres das 16,45 ás 18,00 h ( Campo de fútbol de VILLESTRO )
  • Martes e Xoves das 18.30 ás 20.00 h (Pavillón de ROXOS)

Os prezos son de 25 € mensuais (10 mensualidades) ou 200 € anuais. Hai un desconto para irmáns e familias numerosas que pagarán só 150 € anuais por neno/a.

Todos os membros dos nosos equipos terán ademais un desconto do 30% nos Campus que organiza a Escola Deportiva Santiago nos periodos estivais (Nadal, Semana Santa e verán).

Para inscribir aos teus fillos/as só tes que cubrir a folla de inscrición que te enviaremos se nos escribes a escolasantiagocf@gmail.com

Se tes calquera dúbida, podes chamar aos teléfonos 697 408 573 ou 607 581 541

Inscricións para o Campus Polideportivo Volta ao Cole 2017

Que mellor maneira de rematar o verán e prepararse para o regreso ás aulas que divertíndose facendo deporte? A Escola Deportiva Santiago organiza un ano máis o Campus Polideportivo Volta ao Cole, no que participarán nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade.

Con esta iniciativa, na que colaboran o Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña e Gadis, preténdese ademais ofrecer unha alternativa de conciliación para os pais e nais no final do periodo estival.

O Campus desenvolverase do 4 ao 8 de setembro no campo de fútbol de Santa Isabel en horario de 10:00 a 14:00 horas. Os pequechos practicarán fútbol, atletismo, xadrez, deportes alternativos como pode ser o béisbol e exercicios para mellorar a atención.

As inscricións poden realizarse por días soltos (14 euros por día) ou polo campus completo (55 euros). Hai descontos para segundos irmáns e familias numerosas (45 euros por neno). Estos prezos inclúen un seguro de accidentes deportivos.

Aqueles que queiran anotar aos seus fillos/as poden facelo cubrindo o seguinte formulario online e enviando o xustificante de pago a escolasantiagocf@gmail.com Para calquera dúbida, poden chamar ao teléfono 697 408 573.

Preocupado pola seguridade dos teus fillos/as en Internet?

Se a resposta a esta pregunta é non, deberías preocuparte. E se a resposta é si, tranquilo, temos algúns consellos que darvos.

A principios deste ano naceu ‘Internet Segura for Kids’, o centro de seguridade na Rede para menores de idade en España. Os seus obxectivos son desenvolver campañas de sensibilización e formación, ofrecer unha liña de axuda para asesorar e asistir a menores e reducir a dispoñibilidade de contido criminal en Internet. IS4K está liderado e coordinado pola SESIAD (Secretaría de Estado para la Sociedad de la Información y Agenda Digital), co soporte de Red.es, e executa os seus servizos a través do INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridad), en colaboración con outras entidades de referencia.

Así, na súa páxina web poderás atopar xogos, materiais didácticos e ferramentas de control parental. E tamén información sobre privacidade, sexting, ciberacoso escolar, grooming… e consellos para saber que facer en caso de que os teus fillos/as teñan algún problema. De entre todos eles, o máis importante é a denuncia. Se os nenos/as sufren algunhas destas situacións débese contactar coas Forzas e Corpos de seguridade. Ademais, o centro de saúde e o seu centro educativo poden ofrecer ao menor apoio psicolóxico e emocional se é necesario.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR